Tempo de narcisos

Marteliños (Narcissus cyclamineus)

Nestes días, antes de que remate o inverno e ate o final da primavera, podemos atopar na Galiza ate nove especies de narcisos. Á beira do Tambre xa comezan a agromar os marteliños (Narcissus cyclamineus), unha especie endémica da Galiza e norte de Portugal. Pero non será ate o mes de febreiro cando estean as ribeiras espectacularmente floridas con esta especie. No 2011, falábamos aquí dunha nova localización para o afroixón (Narcissus asturiensis), este ano repasaremos, unha a unha, a totalidade das especies que podemos atopar no noso país, pero comezaremos por un resumo.

Calzas de cuco (Narcissus bulbocodium)

Conta a lenda que Narciso era un rapaz dotado dunha singular beleza pero que non era capaz de sentir amor polos demais. Un día ollou o seu reflexo na auga dun encoro e, namorouse de tal xeito, que morreu afogado indo tra-la súa propia imaxe. O nome narciso (narcissus) emprégase en botánica para referirse a un xénero de plantas pertencentes á familia Amaryllidaceae. Son plantas que se atopan, na maior parte dos casos, ligadas a cursos de auga ou terreos húmidos, polo que ó seren as primeiras en encher de cores os nosos campos, asomando a súa beleza nos cursos de auga, enténdese a similitude co mito de Narciso, que lles da nome.

Flor de San Xosé (Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis)

Durante o mes de febreiro serán os chamados calzas de cuco (Narcissus bulbocodium), os que mexturándose nalgúns lugares cos marteliños, encherán os prados e á beira dos ríos e regatos. Tamén, en febreiro aparece na costa galega unha especie que se considera “naturalizada” na Galiza, o narciso branco (Narcissus tazetta). Xa durante o mes de marzo, apareceran outras tres especies. O narciso galego (Narcissus triandrus subsp. Triandrus) encherá de estouridos brancos os nosos montes. O afroixón (Narcissus asturiensis) salpicará de amarelo as turbeiras do país. E, facendo honra do seu nome, voltará a flor de San Xosé (Narcissus pseudonarcissus), tamén chamada narciso trompón, amarelle ou herba namoradeira, que nas súas subespecies pseudonarcissus, nobilis ou major, pódese atopar na Galiza.

Narciso galego (Narcissus triandrus subsp. triandrus)

Gran parte destes narcisos galegos, foron fotografados por min durante os últimos anos, pero falta un. Será posiblemente este 2012 cando me achegue a fotografar o narciso galego de distribución máis reducida. O Narcissus rupicola. Este narciso só aparece a grandes altitudes (1.000 – 1.510m) preto da Trevinca e nas maiores alturas da Serra do Xurés, aló onde o seu nome muda para o portugués Geres. Recibe o seu nome (rupicola) pola súa aparición en fendas de rochas ou chans silícicos exclusivamente. Neste 2012, encheremos de narcisos Natureza Dixital…

Publicado en Narcisos, Plantas | Etiquetado , | Deixa un comentario

Na procura do licopodio das brañas (Lycopodiella inundata)

Licopodio das brañas (Lycopodiella inundata) macro do estróbilo.

Falabamos no artigo anterior dos equisetos ou rabos de cabalo, uns fentos cun aspecto, cando menos, peculiar. Hoxe, seguimos con fentos, pero neste caso abordaremos unha especie, cada vez máis difícil de atopar na Galiza, propia das brañas do país. Fai uns días, un amigo de vello, Álvaro Moraña, púñase  en contacto comigo para informarme dunha poboación de Lycopodiella inundata, que corría risco de desaparecer polo paso de animais nas súas proximidades. O licopodio das brañas ou pé de lobo (Lycopodiella inundata), é un pequeno fento catalogado coma “vulnerable” na “Lista Roja de la Flora Vascular Española” e “En perigo de extinción” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, xa que as citas para a especie son, na maior parte dos casos, moi antigas e sen confirmación actual da presenza deste fento en moitos destes lugares, especialmente na provincia de Pontevedra, onde só se constatou unha poboación recente en Gondomar, no 2006.

Licopodio das brañas (Lycopodiella inundata) aspecto da planta.

O pasado domingo achegueime ó lugar. Esta poboación de Lycopodiella inundata atópase na parroquia de Verducido, pertencente ó Concello da Lama (Pontevedra), situándose nunha turbeira moi fragmentada por repoboacións forestais das estribacións da Serra do Suído. En total, esta poboación non ocupa máis que un minúsculo espazo de 3x1m dun claro de monte enchoupado (braña) que non pasa de 10x5m de superficie total viable para a especie, xa que o resto do terreo próximo está ocupado por monte baixo (breixo e toxal) e unha errada repoboación forestal de piñeiro e eucalipto. Pero non só eran as repoboacións forestais, que xunto á seca dos terreos para implantación de cultivos e a construción de parques eólicos son a causa da maior perda de turbeiras na Galiza, as que ameazaban aquí ó licopodio das brañas. Tamén, a procura de tubérculos por parte do xabarín, escarvando entre esta pequena poboación de fentos, estaba a destruí-la planta.

Licopodio das brañas (Lycopodiella inundata) ramas estériles.

O licopodio das brañas é un fento de aspecto diferenciado do resto das especies, posúe dous tipos de ramas. As fértiles son as que aparecen erguidas verticalmente, en cuxo ápice aparece unha espiga (estróbilo) que contén na base das súas follas (esporofilos) as esporas (método de reprodución dos fentos). As ramas estériles son as que se asentan sobre o terreo, de xeito horizontal, con follas (micrófilos) diferentes das fértiles. Na Galiza aparecen raramente, sendo máis común nos Ancares que no resto do país. Antigamente as súas esporas empregábanse a xeito de pos de talco, tanto para o seu emprego común como para o farmacéutico, na recuberta de pílulas con esta substancia.

Licopodio das brañas (Lycopodiella inundata) ramas fértiles

Estas brañas de Verducido, a pesares da súa fragmentación e case que desaparición total, amósannos o que debeu ser no pasado unha turbeira con abondosas especies vexetais. No mesmo lugar onde se atopaba o licopodio das brañas, puiden ollar tamén unha poboación dunha pequena planta insectívora, a Pinguicula lusitanica, planta común nas turbeiras costeiras da Galiza, que medra polo xeral a menos de 200m de altitude e que aquí podía atoparse no interior e a máis de 500m. De seguro, haberá que volver por esta pequena turbeira e comprobar en que estado se atopa esta poboación de licopodio das brañas cando a planta estea na súa plenitude, aló pola primavera.

Publicado en Endemismos / en perigo, Fentos, Lycopodiella inundata (Licopodio das brañas), Plantas | Etiquetado , , , , , , | Deixa un comentario

Os equisetos, uns fósiles vivos

Talo fértil ou esporófito do rabo de porco (Equisetum ramosissimum)

Cando falamos de fentos ou fieitos, estamos a evocar un grupo de plantas cuxa reprodución non é por sementes senón por esporas. Iso é o que acontece cos equisetos ou rabos de cabalo, posiblemente o xénero máis primitivo dos fentos, e do que sobreviven na actualidade varias especies. Os equisetos aparecen na Terra durante o Palezoico fai case que 500 millóns de anos, pero é  durante o período Carbonífero (390 millóns de anos atrás) cando as formas arbóreas destes fentos como o Calamites colonizan a totalidade da superficie terrestre, formando amplas zonas boscosas que deron lugar ás reservas actuais de carbón. Porén, cando estamos a referirnos ós equisetos, facémolo sobre unha das formas de vida menos evolucionadas que existen na actualidade, e que aínda se pode atopar no noso País.

Rabo de porco (Equisetum ramosissimum)

Os fentos reprodúcense mediante esporas, que xeralmente atópanse no envés das follas. Non é o caso dos equisetos. Estes, posúen talos estériles e fértiles, que poden aparecer na mesma ou en diferentes datas. Os talos fértiles ou esporófitos son os que conteñen as esporas, situadas nunha especie de bolsa no ápice do talo. Este ano fotografei dúas das cinco especies de equisetos que aparecen na Galiza, en dúas poboacións diferenciadas. O rabo de porco (Equisetum ramosissimum) atopeino de casualidade no Parque Natural de Corrubedo cando andaba á procura dunhas orquídeas que fotografar, e aínda que citado xa con anterioridade (J.Amigo), semella que a súa distribución é algo máis ampla do que se pensaba para esta poboación, polas parroquias de Olveira e Corrubedo (Ribeira). O rabo de cabalo ou xestela (Equisetum arvense), é dunha poboación descoñecida pero amplamente distribuída pola beira do Tambre, na Compostelana parroquia de Busto.  Na Galiza non é estraña a presenza de equisetos, especialmente en lugares húmidos, e sobre todo nas zonas costeiras, onde é máis abondoso.

Xesteira (Equisetum arvense)

A xesteira (Equisetum arvense) recibe o seu nome galego da súa aparencia, semellante a unha pequena xesta. Unha observación máis polo miúdo, permite decatarse de que non é así. A xesteira é moi áspera ó tacto, tanto que pode chegar a cortar. Isto é debido a que os equisetos teñen un alto contido en sílice, polo que foi empregado nos traballos de ferrería coma pulidor de metais, ou tamén,  e grazas ás súas propiedades medicinais, foi empregado dende a antigüidade, coma un diurético natural. Este emprego tan abondoso da planta fixo que as súas poboacións diminuíran drasticamente na Galiza, pero tamén pode ter parte de culpa, a falta de emprego na actualidade, porque xa non é precisa  e é considerada unha herba ruín. Os lugares onde sobrevive, como a beira do Tambre, son terreos incultos, á sombra do bosque ribeirego.

Xesteiras (Equisetum arvense) á beira do Tambre.

O rabo de porco (Equisetum ramosissimum), aparece nas parroquias de Olveira e Corrubedo (Ribeira), nos lugares coñecidos como Agüeiros, Campos de Teira ou Campos de Olveira. Son todos estes lugares terreos dunares que durante o inverno, permanecen enchoupados ou son cruzados por cursos de auga (Agüeiros).  Esta presenza constante de auga na superficie durante os meses de inverno da lugar a unha vexetación diferente da propia vexetación dunar, composta fundamentalmente de xuncos. Pero non son só ricos en equisetos estes agüeiros, tamén son frecuentes varias especies de orquídeas no lugar, como Serapias lingua, Serapias parviflora, Ophrys apifera, Spiranthes aestivalis ou a escasa Epipactis palustris, que só aparece na Galiza neste lugar ou na parroquia de Cobas (Ferrol).

Rabos de porco (Equisetum ramosissimum) rodeados de xuncos.

Os equisetos poderían ser considerados coma fósiles vivos, xa que o seu aspecto non mudou dende fai máis de 400 millóns de anos. Aínda que frecuentes, deberan manterse medidas de protección, non só para os rabos de cabalo, senón, e sobre todo, para os hábitats onde aparecen e onde conviven con numerosas especies propias de zonas húmidas. O lugar onde aparece a xesteira (Equisetum arvense) está incluido na Rede Natura, pero parte da poboación de Equisetum ramosissimun de Corrubedo, a dos Campos de Teira, está fora da zona protexida, nun lugar onde tamén podemos atopar especies tan escasas coma a fermosa orquídea Epipactis palustris da que falaremos noutro artigo.

Publicado en Equisetos (Rabos de cabalo), Equisetum arvense (Xesteira, rabo de cabalo), Equisetum ramosissimum (Rabo de porco), Fentos, Plantas | Etiquetado , , , , , , , | Deixa un comentario

A orquídea xigante (Barlia robertiana), entre a esperanza e a extinción

Orquídea xigante (Barlia robertiana).

Non é frecuente a descuberta nestas terras dunha nova especie, e menos, cando a descuberta vén dende fora da comunidade científica, como é o caso. Aínda poderíamos dicir que a casualidade está detrás do achádego, pero sería enganarnos a nós mesmos, xa que a constancia de dous humildes fotógrafos de natureza deu os seus froitos, na aparición no Parque Natural de Corrubedo dunha orquídea da que non se tiña noticia na Galiza dende que Baltasar Merino (máis coñecido como Padre Merino) a citara no pobo de Noceda (Os  Ancares) en 1909. Trátase da orquídea xigante ou, como é coñecida polo seu nome científico, da Barlia robertiana.

Orquídea xigante (Barlia robertiana) no seu hábitat natural.

No pasado mes de xaneiro, o amigo e fotógrafo Tucho Parada e máis eu, atopabámonos fotografando aves mariñas na beira do Parque Natural de Corrubedo, no lugar da Graña (Aguiño), cando ó volver cara o coche, chamounos a atención, ó lonxe, o aspecto inconfundible dunha orquídea florida sobre unha duna gris (duna estabilizada pola vexetación). Non foi que no primeiro intre, nos decataramos da súa presenza, mais ben, pasou desapercibida. Foi como unha fugaz e lene visión dunha espiga de flores rosadas, asociada no ollar inconsciente do naturalista, ó común satirión corpudo (Dactylorhiza elata), pero na que tamén, o propio inconsciente detectou un erro e fíxose unha pregunta: “un satirión corpudo florido en xaneiro?”. A curiosidade polo fenómeno anormal (as orquídeas florecen na Galiza entre a primavera e o outono) fixo que abandonáramos as proximidades do coche e nos dirixísemos, xa coas últimas luces do día, cara a duna gris onde, nun primeiro intre, nos decataramos, aínda sen saber a transcendencia do achádego, de que estábamos ante unha nova orquídea.

Orquídea xigante (Barlia robertiana) detalle das flores.

O seu aspecto ó lonxe recordaba ó satirión corpudo (Dactylorhiza elata), pero unha primeira análise visual xa descartaba a especie. As follas basais, extraordinariamente anchas, e a forma da espiga e as flores, eran inconfundibles. Sen dúbida, era unha planta que ningún dos dous ollara nunca, pero que lembramos ver no volume XXI da “Flora ibérica” do CSIC, volume que comprendía á familia Orchidaceae na Península Ibérica. A resposta chegou esa noite, cando puidemos, xa na casa, examinar, coas fotos realizadas no solpor, a especie atopada, e confirmar que nos atopábamos ante a Barlia robertiana.

Orquídea xigante (Barlia robertiana) macro das flores.

A “Flora ibérica” indicaba unha cita (dubidosa) na provincia de Lugo, polo que nun principio supuxemos que estabamos ante unha primeira cita para a provincia da Coruña. Foi pouco despois, en contacto con Elvira Sahuquillo (coautora da “Guía das Orquídeas de Galicia” e autora da “Guía das Orquídeas de Corrubedo”) e Íñigo Pulgar (autor ou coautor de numerosas guías de flora dos espazos naturais galegos, entre elas a de Corrubedo), cando se confirmou que era a primeira cita para Galiza da Barlia robertiana, xa que a cita anterior era dubidosa e moi antiga. Baltasar Merino, recompilou, a principios do século XX, unha gran variedade de especies botánicas na Galiza, na súa “Flora Descriptiva e Ilustrada de Galicia”, referencia incluso actual para os botánicos galegos. Foi en 1909 cando editou o volume III da obra, no que aparece a cita da que estamos a falar. Os cambios na nomenclatura botánica fan que, en 1909, Merino a clasificase como Orchis longebracteata, dando  xa esta especie como moi rara na Galiza, e da que el só atopou un exemplar a carón do pobo de Noceda (Os Ancares), e aínda que dando referencias do prego de herbario (nº1.658) este prego non se conserva, polo que non se pode examinar a planta na actualidade e confirmar que efectivamente se trate da Barlia robertiana.

Duna móbil (Parque Natural de Corrubedo).

A familia das orquídeas conta na Galiza con 40 especies (incluíndo á Barlia robertiana), e se distribúen principalmente en afloramentos de calías, como a comarca de Valdeorras (Ourense). Pero as zonas dunares, como na que foi atopada a orquídea xigante, son tamén ricas en calías, procedentes dos restos de cunchas mariñas que contén a area, polo que en lugares como o Parque Natural de Corrubedo, que non chega ás 1.000Ha, pódense atopar ate 12 especies diferentes. Os lugares máis próximos onde actualmente está constatada a presenza da Barlia robertiana, son Asturies e Tras-os-montes (Portugal), sempre sobre afloramentos calíos. Xa na costa, teriámonos que desprazar á praia de Xagó (Asturies) ou á Beira Litoral (Portugal), para atopar orquídeas xigantes nun hábitat similar, sobre dunas grises, distantes iso si, centos de quilómetros do exemplar atopado en Aguiño (Parque Natural de Corrubedo).

Oquídea xigante (Barlia robertiana) ao solpor.

A aparición deste exemplar de Barlia robertiana, pode ser entendido como unha esperanza para a conservación dunha especie que se consideraba extinguida na Galiza (cando non ausente), pero, tratándose dun só exemplar (algo moi común na especie, que se dá en pequenos grupos ou individuos illados) podemos estar ás portas da extinción definitiva da especie. De non atoparse outras localizacións, ou novas plantas nun futuro, esta cita podería considerarse a primeira e a última para a orquídea xigante. Na súa localización actual, a pesares de estar no interior do Parque Natural, os sinais indicadores (sinalización perimetral do Parque) foron inexplicablemente mobilizados cara ó interior do espazo natural uns 300m aproximadamente, deixando á Barlia robertiana e boa parte da flora dunar, medrar fora dos límites definidos para este espazo protexido. Así tamén, a propia planta, por desgraza, foi esnaquizada por un forte temporal que se deu no lugar a finais do mes de febreiro, deixando, por sorte, os bulbos no lugar, polo que previsiblemente volva a medrar no futuro. Queda xa pouco tempo para que cheguen as datas favorables para a Barlia robertiana, a única orquídea ibérica que florece no inverno, polo que estaremos atentos para dar boas novas sobre a orquídea xigante na Galiza.

*Tanto Xermán García Romai (autor do blog) como Antonio Parada Mariño, redactaron un artigo para a publicación na Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía) da USC, que sairá publicado nos vindeiros días, no volume anual da recoñecida revista universitaria.

Publicado en Barlia robertiana, Endemismos / en perigo, Orquídeas, Plantas | Etiquetado , , , , | 10 Comentarios