Allium schmitzii, no teito da Galiza

No pasado ano, achegueime ao L.I.C. da Pena Trevinca na procura do narciso das rochas (Narcissus rupicola), especie escasa, incluso na súa distribución coñecida, e que na Galiza aparecería nas serras estremas ourensás, no Xurés e na Trevinca. Os blocos graníticos da Serra da Trevinca, moito menos coñecidos que a vertente de lousa de Carballeda de Valdeorras, forman un continuo montañoso único co veciño Parque Natural do Lago de Sanabria, que aínda que zamorano, fala galego polos catro costados, e que tan só divide, nalgún lugar onde a divisoria está clara, o pequeno curso do Bibei, río que podería cruzarse dun chimpo nesta proximidade do seu nacemento.

Foi esta visita, realizada para atopar este pequeno narciso, e que non tería continuidade en principio, a que me fixo ollar estas terras doutra maneira. Aquí e acolá, en pequenos traxectos aparecían diante dos meus ollos plantas que non coñecía como os paxariños vermellos (Linaria aeruginea) ou plantas que noutras serras eran escasas e aquí se amosaban abondosas, tanto en pasteiros alpinos como nos extensos bosques de cerquiño (Quercus pyrenaica) de todo o macizo granítico de Trevinca-Sanabria.  Si un pode namorarse dun lugar e da soberbia natureza do mesmo, foi o que me aconteceu a min con estas terras, e achegueime durante o resto do ano cunha periodicidade semanal, para comproba-las mudanzas da flora alpina galega ao longo de todo un ano.

Foi nunha destas visitas cando, nunha repisa granítica, arredor dos 1.100m.s.n.m., ollei un grupo de allos silvestres que non se atopaban no resto da serra. A súa aparencia podería semellarse ao ceboliño silvestre (Allium schoenoprasum L.), pero había certas diferenzas apreciables nunha primeira ollada. Si en A.schoenoprasum o aspecto xeral da planta semellaba forte, e as súas inflorescencias eran densas e globosas; fronte iso, nestas plantas da Trevinca, os talos amosábanse caedizos e febles, cecais polo seu longo talo, e as inflorescencias apreciábanse laxas e claramente menos floridas, así como dunha coloración máis clara, esbrancuxada.

O exame polo miúdo do prego na casa e as diversas chaves empregadas, sinalaban sorprendentemente cara Allium schmitzii Coutinho, un allo emparentado co coñecido Allium schoenoprasum e, cuxa principal diferenza taxonómica sería a lonxitude dos estames en relación á lonxitude dos tépalos das flores. No caso de A.schoenoprasum os tamaño dos estames non pasarían de 2/3 da lonxitude dos tépalos; sendo similar aos tépalos, ou lixeiramente máis pequena a lonxitude dos estames no caso de A.schmitzii.

Aínda algúns, á vista dos longos pedicelos florais, poderían falar do escasísimo Allium schoenoprasum var. duriminum, variedade citada por Coutinho para o norte de Portugal e logo validada por Pastor & Valdés (aínda que agora Flora Ibérica lle quitase relevancia ao atoparse plantas desta variedade mesturadas con exemplares da variedade nominal nas mesmas poboacións), e que se caracterizarían polos pedicelos florais máis longos que os tépalos. Pero tamén neste caso, as chaves clasificatorias destes autores descartarían a hipótese, ao non axustarse a relación estame/tépalo (visible nas fotos anteriores de flores de A.schmitzii e A.schoenoprasum respectivamente) coa especie, e polo tanto coa variedade concreta, indicando tamén que nos atopamos fronte Allium schmitzii.

Sería pois, este ceboliño, unha nova especie para a flora galega, ao non ser citada con anterioridade no noso País. Allium schmitzii é unha especie cunha distribución moi escasa e dispersa, restrinxida a diversos puntos da Península Ibérica, con poboacións coñecidas de pequeno tamaño. Esta dispersión e escaseza, fai que este endemismo peninsular apareza clasificado coma vulnerable, na lista vermella da IUCN, organismo internacional que se adica á clasificación das especies ameazadas.

De seguro que Natureza Dixital voltará nos seus artigos a falar das especies atopadas no L.I.C. de Pena Trevinca e do seu veciño Parque Natural do Lago de Sanabria e arredores, como así farei co sinalado  Narcissus rupicola ou a Linaria aeruginea. É este un macizo montañoso de gran extensión e que acubilla a maior densidade de lagoas glaciares da Península Ibérica, sendo as máis coñecidas a galega Lagoa da Serpe ou a sanabresa Lago de Sanabria. Algo que xunto ás altitudes dos seus montes (que superan os 2.000m nalgúns casos) e o substrato granítico da maior parte da súa extensión, fan deste espazo, un lugar único para o estudo das especies alpinas. A vertente sanabresa atópase ben protexida coa declaración de Parque Natural, pero na ourensá, a minería (sobre todo a da pizarra en Carballeda de Valdeorras) e a elevada densidade de encoros (Viana do Bolo e A Veiga) fixeron que na Galiza, este espazo non pasase da consideración de Lugar de Importancia Comunitaria, cando os valores naturais, daríanlle sen dúbida outra catalogación e un maior grado de protección ambiental.

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.