Alcaraván, a galiña das dunas

O alcaraván (Burhinus oedicnemus) é un ave de costumes esteparios, polo que, dadas as características do seu hábitat, non son moitos os lugares axeitados para a súa cría na nosa terra. Porén esta especie está catalogada como “en perigo de extinción”, no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”. Na Galiza, só lugares como Corrubedo, a Terra Chá ou a Limia, son empregados por un escaso número de parellas para nidificar.

Esta ave, de gran tamaño (39-45cm), e de costumes corredoras (non adoita voar, aínda que o fai moi ben), é de aspecto similar a unha galiña, algo que a levou, en lugares como Corrubedo, a ser coñecida como “galiña das dunas” ou “galo das dunas”, en tempos nos que era unha especie abondosa e polo tanto coñecida polos veciños do lugar. Agora, contando cun xa escaso número de parellas reprodutoras (7-12), e con costumes mais ben crepusculares, só os máis vellos do lugar coñecen ó alcaraván, que nos seus tempos foi numeroso e peza de caza, e hoxe é emblema do Parque Natural de Corrubedo.

Pese a ser unha limícola, o alcaraván, non adoita comer á beira das masas de auga, senón que se alimenta de invertebrados ou pequenos vertebrados terrestres, que vai seguindo polas chairas nas que habita.

A galiña das dunas pasa inadvertida para a maior parte da poboación dos lugares nos que vive polas súas características crípticas, que non só afectan ás súas cores pardas, senón que traslada tamén ós seus polos e ovos. A súa técnica consiste en manterse queda para confundirse coa contorna, cando é adulta; facer un oco sen ningún tipo de adorno para depositar uns ovos totalmente miméticos no caso das postas; ou que os seus poliños (que son nidífugos), aparte de ter unha coloración máis críptica, se cabe, que os adultos, déitanse no chán para pasar totalmente desapercibidos.

No resto da Península Ibérica a especie está catalogada como “de interese especial”, xa que as súas poboacións mantéñense estables. Pero na Galiza o alcaraván estivo a piques de extinguirse, como reprodutora, por completo nas décadas dos 80-90, mantendo nos invernos unha poboación algo máis numerosa. É unha especie de conduta tímida, que para criar non soporta a incomodidade das actividades humanas, e os seus lugares de descanso foron sometidos a unha grande presión, sobre todo agraria (Terra Chá e Limia) ou extractiva (Corrubedo). Nos últimos anos semella que a especie está tendo unha lixeira recuperación, pero debemos estar atentos ó seu futuro.

*(As imaxes foron feitas en Corrubedo e Lanzarote, tomáronse medidas para que a posta non fora afectada, e o polo foi fotografado no momento previo ó seu anelamento científico).

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.