Localizada a primeira poboación continental de Linaria arenaria da Península Ibérica

Na Galiza só aparecen de cando en vez sorpresas agradables con respecto a novas especies que se incorporan ós nosos catálogos. Pero non son as novas especies as únicas que deberan incluírse coma “noticia de sociedade” na prensa galega. As especies en perigo e a súa conservación tamén deberan ter repercusión, xa que afectan positivamente á conservación do noso, cada día máis degradado, entorno natural. Unha nova poboación dunha planta como a Linaria arenaria, catalogada “en perigo de extinción” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas” e “en perigo crítico” no “Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España”, merece, cando menos, un apuntamento na prensa galega, e máis aínda, se nos atopamos ante a segunda poboación en número de exemplares e a única continental da Península Ibérica.

Foi no mes de abril deste 2011 cando me acheguei ao lugar, ao enterarme da descuberta dunha nova poboación de Linaria arenaria no LIC de Corrubedo, moi perto do Parque Nacional das Illas Atlánticas (onde xa estaba citada) pero neste caso, nos atopábamos ante unha poboación continental*, situada na costa de Aguiño, as outras poboacións, as únicas coñecidas ate o de agora, son a da Illa de Arousa, Ons e Sálvora.

Os paxariños (que ese é o nome común da Linaria arenaria) só están presentes, a escala mundial, nunhas pequenas poboacións do occidente costeiro francés e nalgunhas illas galegas, estando as súas poboacións en declive poboacional e cun grave risco de desaparecer nun futuro inmediato. Estas pequenas plantas dunares son colonizadoras das beiras dos camiños, pero isto non é suficiente para a súa conservación, xa que a excesiva presión humana sobre a fraxilidade do seu hábitat, levaron en moitos casos á desaparición de importantes poboacións (como a da “famosa” praia de Rodas, nas Illas Cíes, no Parque Nacional das Illas Atlánticas).

Pero voltemos a esta nova poboación de Linaria arenaria. Os paxariños contan en Aguiño, cunha pobación principal duns 9.000 exemplares e varias poboacións secundarias que contarían aproximadamente con 1.000 exemplares máis en total, desaparecendo no último ano unha pequena poboación secundaria. Son estes datos moi significativos, xa que con 10.000 exemplares de Linaria arenaria, non só estamos ante a única poboación continental da especie na Península Ibérica, senón coa segunda en importancia, logo da poboación próxima da Illa de Sálvora, tamén en Aguiño (Sálvora 20.200 exemplares, Aguiño 10.000 exemplares, Illa de Arousa 697 exemplares e Ons 497 exemplares).

A zona onde se achan estas novas poboacións debera estar protexida, ó estar incluída no LIC do Complexo Húmido de Corrubedo, pero isto non é garante de nada, xa que o lugar está ocupado nos seus arredores por unha zona industrial cualificada incomprensiblemente de “verde”, con instalacións ictiolóxicas (piscifactorías) e outras especializadas no sector da conserva e procesado de especies mariñas. Así, tamén é previsible, que en pouco tempo se instale unha depuradora de augas residuais que atenda a todo o Concello de Ribeira. Todo isto, entre o Parque Natural de Corrubedo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a onde verten e verterán tódolos residuos xerados por estas instalacións. Algo moi preocupante para o futuro da especie.

*Nota de 2015: recentemente tense atopado outra poboación continental no Concello do Grove.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.