Rela (Hyla arborea) a ra trepadora galega

Cando nos referimos ás ras, inconscientemente a nosa cabeza elabora unha imaxe mental dun anfibio verde croando e choutando nunha charca. Quen non ollou á típica ra verde (Rana perezi), nunha saída ó campo?  Pero non é o caso que imos tratar hoxe. Ó contrario que a estridente e pouco tímida ra verde, que se pode atopar doadamente arredor das charcas e pozos do noso rural, a rela ou estroza (Hyla arborea) pasa desapercibida totalmente para os seus veciños humanos.

Esta pequena ra (que non pasa dos 45mm de lonxitude) de costumes nocturnos, habita as proximidades de masas de auga estancadas, pero, ó contrario que as outras ras, non se atopa na auga, senón na vexetación de ribeira. É doado, a pesares da súa excelente camuflaxe, atopalas asoleándose sobre as follas de silveiras, estrugas ou mesmo salgueiros e pequenos arbustos, nas tardes de verán. Os seus pequenos dedos posúen ventosas coas que trepar polas plantas ou arbustos de xeito doado (son capaces de subir por un vidro totalmente vertical).

A pesares de se-la rela a única especie da súa familia en Galiza, a familia Hylidae é probablemente a máis abondosa entre as ras, contando con máis de 850 especies en todo o mundo, pero sobre todo nos bosques tropicais do Continente Americano. Na Galiza está presente a subespecie nominal (Hyla arborea arborea)*, aínda que para algúns autores trataríase da subespecie molleri (Hyla arborea molleri), subespecie que estaría distribuída por Portugal e lugares limítrofes.

A rela atópase nestes momentos catalogada na categoría de “case ameazada” a nivel mundial, e como “vulnerable” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”. As súas principais ameazas son a modificación e alteración da vexetación de ribeira, naqueles lugares onde aínda existen boas poboacións, como é o caso do lugar onde foron realizadas estas fotografías, a lagoa de Sobrado dos Monxes.

Nos últimos anos, nesta lagoa instalouse, por decisión política, unha incomprensible pasarela de madeira que rodea, case na súa totalidade e a pouca distancia da marxe, a masa de auga. Esta pasarela está situada no lugar que antes ocupaba de xeito natural a rela. Amais disto, as tarefas de mantemento destas instalacións consisten, en demasiadas ocasións, na corta periódica da vexetación de ribeira, especialmente na época máis activa da especie, no verán, deixando para a supervivencia da especie un pequeno espazo na extrema sur-leste da lagoa (1/3 da lagoa, non ocupado pola pasarela ou pola estrada que conduce a Friol).

Pero o caso da Lagoa de Sobrado non é o único perigo para a conservación desta especie. Os vertidos de xurros ás masas de auga, a modificación das ribeiras por mor do urbanismo ou, a cada vez máis frecuente, corta da vexetación de ribeira, co falso pretexto de “limpa-los ríos”, ameazan seriamente á xa escasa presenza desta pequena ra na Galiza.

 (*) “Anfibios e réptiles de Galicia”. Pedro Galán Regalado e Gustavo Fernández Arias. (Ed. Xerais).

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.