Os últimos osos

Durante centos de anos o oso pardo (Ursus arctos) foi sen dúbida o dono do bosque orixinal galego. Temido e respectado polo home, este gran depredador non tiña inimigo natural no seu hábitat. Foi a partires do século XVI, durante o reinado do rei español Carlos I, cando se comezou a pór prezo á súa cabeza, polos danos sufridos na gandería e nos cultivos, xa que ata entón era unha especie reservada para a caza entre a nobreza. Oficialmente o oso deuse por extinguido na Galiza en 1946, coa captura do último exemplar desta especie, pero aínda son frecuentes nos xornais, noticias sobre algún exemplar ollado nos Ancares ou máis recentemente no Courel. Non é que désemos feito o rescate deste gran mamífero para a fauna galega, son simplemente animais (xeralmente machos) que fan breves incursións polos montes galegos, próximos á súa pequena area de distribución actual.

O oso pardo ten algunhas semellanzas co ser humano: o oso é un plantígrado, iso é que pousa completamente as plantas dos pés, por iso pode camiñar ergueito; así como pola súa alimentación é omnívoro, alimentándose de carne, peixe, mel, tubérculos, herbas e froitos, aínda que máis frecuentemente destes últimos. O seu hábitat actual atópase nos bosques de faias (Fagus sylvatica) cantábricos, especialmente en lugares como o Parque Natural de Somiedu, en Asturies, onde se pode atopar entre o 40-50% da súa poboación ibérica.

Pero non só é a caza (oficial e furtiva) a que rematou con esta especie na Galiza e na maior parte da Península Ibérica, a perda do bosque orixinal ten boa parte de culpa. Bosques mixtos, provían de bagas e froitos ó oso. Especies como o capudre (Sorbus aucuparia), o érbedo (Arbutus unedo), a abeleira (Corylus avellana), a cerdeira (Prunus avium), ou mesmo os soutos de castiñeiros (Castanea sativa), eran os que alimentaban a este gran mamífero. Na actualidade, o bosque mixto apenas existe no territorio galego, agás pequenas manchas illadas do que un día foi bosque, en lugares como Ancares e O Courel, onde comeza a achegarse algún exemplar.

Coma sempre acontece, o oso ten que compartir o seu territorio coas actividades agrícolas e gandeiras, por iso entra en conflito co home. De cando en vez, ataca ó gando para devorar algún xato ou algunha ovella, ou máis frecuentemente entra nos cultivos ou rebenta as colmeas de onde saca o mel, un dos seus alimentos preferidos. É aquí onde entra en xogo o traballo de concienciación ambiental e o pagamento de axudas por parte da administración, especialmente da Fundación Oso Pardo, que tan bo traballo está a facer nos últimos anos. En lugares como Somiedu, o oso ou bardión (que é o nome asturiano da especie) está a ser aceptado pola poboación ó ser unha boa fonte de ingresos (un turismo rural en aumento). Xa fora da Península Ibérica, estanse a facer plans de reintrodución en países como Suíza (onde chegou a extinguirse totalmente) que é onde se fixeron as fotografías desta anotación.

Quizabes as próximas xeracións poderán ollar novamente ó grande depredador nos bosques galegos. Iso acontecería no caso de que os plans de recuperación promovidos actualmente deran froitos, ou se recuperase o bosque tradicional galego (canda menos en parte). Pero de seguirmos así, teremos que ollalos lonxe da terra, en Asturies ou en Suíza, que é onde eu puiden observar con agrado e respecto, os pequenos ollos deste gran animal.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.