Os equisetos, uns fósiles vivos

Cando falamos de fentos ou fieitos, estamos a evocar un grupo de plantas cuxa reprodución non é por sementes senón por esporas. Iso é o que acontece cos equisetos ou rabos de cabalo, posiblemente o xénero máis primitivo dos fentos, e do que sobreviven na actualidade varias especies. Os equisetos aparecen na Terra durante o Palezoico fai case que 500 millóns de anos, pero é  durante o período Carbonífero (390 millóns de anos atrás) cando as formas arbóreas destes fentos como o Calamites colonizan a totalidade da superficie terrestre, formando amplas zonas boscosas que deron lugar ás reservas actuais de carbón. Porén, cando estamos a referirnos ós equisetos, facémolo sobre unha das formas de vida menos evolucionadas que existen na actualidade, e que aínda se pode atopar no noso País.

Os fentos reprodúcense mediante esporas, que xeralmente atópanse no envés das follas. Non é o caso dos equisetos. Estes, posúen talos estériles e fértiles, que poden aparecer na mesma ou en diferentes datas. Os talos fértiles ou esporófitos son os que conteñen as esporas, situadas nunha especie de bolsa no ápice do talo. Este ano fotografei dúas das cinco especies de equisetos que aparecen na Galiza, en dúas poboacións diferenciadas. O rabo de porco (Equisetum ramosissimum) atopeino de casualidade no Parque Natural de Corrubedo cando andaba á procura dunhas orquídeas que fotografar, e aínda que citado xa con anterioridade (J.Amigo), semella que a súa distribución é algo máis ampla do que se pensaba para esta poboación, polas parroquias de Olveira e Corrubedo (Ribeira). O rabo de cabalo ou xestela (Equisetum arvense), é dunha poboación descoñecida pero amplamente distribuída pola beira do Tambre, na Compostelana parroquia de Busto.  Na Galiza non é estraña a presenza de equisetos, especialmente en lugares húmidos, e sobre todo nas zonas costeiras, onde é máis abondoso.

A xesteira (Equisetum arvense) recibe o seu nome galego da súa aparencia, semellante a unha pequena xesta. Unha observación máis polo miúdo, permite decatarse de que non é así. A xesteira é moi áspera ó tacto, tanto que pode chegar a cortar. Isto é debido a que os equisetos teñen un alto contido en sílice, polo que foi empregado nos traballos de ferrería coma pulidor de metais, ou tamén,  e grazas ás súas propiedades medicinais, foi empregado dende a antigüidade, coma un diurético natural. Este emprego tan abondoso da planta fixo que as súas poboacións diminuíran drasticamente na Galiza, pero tamén pode ter parte de culpa, a falta de emprego na actualidade, porque xa non é precisa  e é considerada unha herba ruín. Os lugares onde sobrevive, como a beira do Tambre, son terreos incultos, á sombra do bosque ribeirego.

O rabo de porco (Equisetum ramosissimum), aparece nas parroquias de Olveira e Corrubedo (Ribeira), nos lugares coñecidos como Agüeiros, Campos de Teira ou Campos de Olveira. Son todos estes lugares terreos dunares que durante o inverno, permanecen enchoupados ou son cruzados por cursos de auga (Agüeiros).  Esta presenza constante de auga na superficie durante os meses de inverno da lugar a unha vexetación diferente da propia vexetación dunar, composta fundamentalmente de xuncos. Pero non son só ricos en equisetos estes agüeiros, tamén son frecuentes varias especies de orquídeas no lugar, como Serapias lingua, Serapias parviflora, Ophrys apifera, Spiranthes aestivalis ou a escasa Epipactis palustris, que só aparece na Galiza neste lugar ou na parroquia de Cobas (Ferrol).

Os equisetos poderían ser considerados coma fósiles vivos, xa que o seu aspecto non mudou dende fai máis de 400 millóns de anos. Aínda que frecuentes, deberan manterse medidas de protección, non só para os rabos de cabalo, senón, e sobre todo, para os hábitats onde aparecen e onde conviven con numerosas especies propias de zonas húmidas. O lugar onde aparece a xesteira (Equisetum arvense) está incluido na Rede Natura, pero parte da poboación de Equisetum ramosissimun de Corrubedo, a dos Campos de Teira, está fora da zona protexida, nun lugar onde tamén podemos atopar especies tan escasas coma a fermosa orquídea Epipactis palustris da que falaremos noutro artigo.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.