Petrocoptis grandiflora, un endemismo da Serra da Enciña da Lastra

Foi no mes de maio do ano pasado cando me despracei en dúas ocasións ó Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá (Ourense), lindeiro con terras Bercianas. A miña intención era fotografar orquídeas que na Galiza só se poden atopar nestas latitudes, grazas ós afloramentos calíos que deron lugar a estes montes. Pero, tanto a situación climática como xeolóxica desta serra, fixeron que os meus ollos se encheran de fascinación observando unha morea de plantas de orixe mediterránea ou endémicas do lugar, como a Petrocoptis grandiflora.

Cando falamos de especies endémicas, estámonos a referir, no caso de plantas, a aquelas que só medran nese lugar concreto. Así pois, unha serie de condicionantes (climáticos, xeolóxicos…) fan que unha planta quede reducida a unha extensión de terreo que pode ser grande ou pequena, dependendo de si os requirimentos que precisa a especie son os maioritarios nesa superficie (Europa, Península Ibérica, Galiza…) ou quedan reducidos a pequenas illas de territorio que compren as características específicas que precisa. Nese segundo suposto, xa non só estaríamos a falar dunha especie endémica, senón tamén escasa ou en perigo de desaparecer. Este é o caso da Petrocoptis grandiflora. Unha planta que medra unicamente nos cantís calíos da Serra da Enciña da Lastra (Ourense) e noutras máis pequenas poboacións dos Montes Aquilianos, no Bierzo, separadas tan só polo encoro de Penarubia, no río Sil.

A Petrocoptis grandiflora, atópase catalogada como “vulnerable” na “Lista Roja de la Flora Vascular Española” e “en perigo de extinción” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”. As súas poboacións, amais de estaren restrinxidas a este pequeno espazo, foron case que esquilmadas polas actividades extractivas de rocha calcaria para a fabricación do cal, que tiveron lugar durante centos de anos na zona, e que aínda se están a facer na banda berciana da súa distribución, afectando gravemente ás paredes calcarias que dan acubillo á especie.

O xénero Petrocoptis ou das plantas que nacen en fendas rochosas (do grego Pétros = pedra e Kóptô = cortar, separar) está composto por 9 especies endémicas da Península Ibérica, presentes normalmente en hábitats de alta montaña. Pero é posiblemente a especie grandiflora (nomeada así polo maior tamaño do cálice) a que medra a menor altitude, entre 500 e 800m exclusivamente, tendo as súas flores unha cor púrpura característica, diferente de outras especies próximas xeográficamente.

A Petrocoptis grandiflora, como moitas plantas en perigo, precisa dunhas condicións moi rigorosas para a súa supervivencia. Non se trata tan só, da existencia de afloramentos calíos e paredes verticais. O maior problema que presenta a especie é que as sementes logren asentarse sobre fendas destas paredes onde poidan xerminar. Sen dúbida ningunha, o futuro da Petrocoptis grandiflora, tan escasa e localizada, pasa polo control das actividades humanas que a poidan poñer en perigo, como poden se-la escalada, a recolección de exemplares ou a xa referida extracción de mineral para a fabricación de cal. Algo que parece estar controlado dende a declaración da Serra da Enciña da Lastra como Parque Natural.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.