Gagea nevadensis, unha planta alpina na comarca de Compostela

Fai uns poucos días, chamábame a atención nun monte de Trazo, nas proximidades de Compostela, unha gran laxe granítica cuberta dun brión, dunha cor grisenta, que resultou tratarse do escaso Racomitrium lanuginosum. Este brión, con moi poucas citas coruñesas (A Capelada, Caaveiro), cubría a práctica totalidade da superficie ocupada por esta gran rocha plana (entre 1.000 e 2.000m2), a unha altitude de 350m, a media altura na ladeira do monte. Foi cando me acheguei a comproba-lo tipo de briófita que aparecía sobre a rocha, cando me decatei da presenza, ampla e constante, dunha pequena planta, cunha flor amarela, que presumiblemente pertencía á familia das liliáceas. Tratábase da Gagea nevadensis, unha planta típica de rexións alpinas, endémica do Sur de Europa.

Ó día seguinte, e tamén casualmente, atopándome no alto dun pequeno monte do Concello de Ames, ollei varios exemplares do que semellaba se-la mesma especie alpina. A altitude da cimeira do monte era a mesma na que atopara a gran poboación de Gagea nevadensis de Trazo, pero aquí, a presenza da planta resultaba ser moi escasa, non pasando dos 15 exemplares, asentados mesmamente sobre unha laxe granítica de máis pequenas dimensións (50m2, aproximadamente).

As guías e claves de plantas consultadas, onde figuraba maioritariamente esta especie baixo o nome de Gagea soleirolii, situaban esta especie en zonas montañosas a partires dos 400m de altitude. No Catálogo da flora de Galicia apuntábase a súa presenza nas catro provincias galegas. Pero na procura de citas de Gagea nevadensis para Galiza, atopábase unha primeira cita de Merino en Lugo, abondosas citas en Lugo, Ourense e Pontevedra (sempre a partires de 800m de altitude) e só puiden localizar unha reflexión de M.Laínz sobre a súa presenza na provincia coruñesa, describindo unha cita antiga de Casaseca (1959)  no Monte do Viso en Compostela, onde logo puiden constatar a existencia de tan só tres exemplares de Gagea nevadensis.

Durante os días posteriores, adiqueime a comproba-lo estado das poboacións de Gagea nevadensis atopadas ou novas localizacións para a especie na comarca compostelá. Nos montes próximos (Concellos de Ames, Trazo e Compostela) non se atoparon máis localizacións da planta, agás no monte contiguo da gran poboación de Trazo. Onde atopei, tamén sobre laxes graníticas e sobre o pouco substrato retido por brións, centos de Gageas nevadensis, que semellaban atopar o seu lugar óptimo nestes dous montes da parroquia de Xavestre, aparecendo en ámbalas dúas ladeiras de solaina en altitudes que oscilaban entre os 300 e 400m. Foi entón cando me puxen en contacto co Profesor Javier Amigo, Director do Herbario da USC, quen me indicou que non existían nese herbarium exemplares coruñeses de Gagea nevadensis. Polo que decidín recoller un par de exemplares (da poboación de Ames e da de Trazo) para a súa herborización, sendo clasificados baixo os códigos seguintes: SANT 65548 Gagea nevadensis (Trazo) e SANT 65549 Gagea nevadensis (Ames).

A confirmada aparición da Gagea nevadensis a tan baixa altitude para a especie, fai pensar que poderíamos atopala (de andar á súa procura) a menores alturas. Sendo factible a súa presenza tamén en zonas montañosas costeiras próximas coma o Barbanza ou a Costa da Morte. Ou acaso serán estes montes da comarca de Compostela unha illa poboacional para esta escasa especie alpina?

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.