Xacinto das uvas (Muscari neglectum), unha sorpresa na costa galega

O xacinto das uvas (Muscari neglectum), é unha pequena planta, da familia das liliáceas, cun aspecto cando menos singular que, en principio, está moi ben distribuída en toda a rexión mediterránea, e especificamente na Península Ibérica onde resulta abondosa. Pero isto non acontece na Galiza, onde só contaba ate o de agora, cunha localización  ben restrinxida na súa extrema, no Concello de Rubiá (Ourense). Nesta poboación ourensá, o Muscari neglectum aséntase sobre calías  das zonas baixas do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, sen chegar a introducirse noutros lugares próximos e xeolóxicamente similares, como a Serra do Courel para o que, aínda que en principio esta planta non se atope na Galiza a elevadas altitudes, non existiría ningún condicionante biolóxico que lle lo impedise.

Permítaseme a ousadía, pero aínda que non se recollese ate o de agora nome galego para a especie, pola súa escasa distribución, e considerando que o merece, empregarei o nome común máis estendido que é o de “xacinto das uvas” (jacinto das uvas en portugués, Muscari à grappe en francés ou Grape Hyacinth en inglés); pola súa pertenza botánica á mesma familia dos xacintos (Liliaceae) e pola súa semellanza a unha piña de uvas maduras;  aínda que o seu nome en español, “nazarenos”, tamén podería ser igualmente válido, pola cor morada das flores e a coincidencia das datas desta  floración coa festividade do nazareno, na semana santa.

Foi no recente 2011 cando tiven coñecemento do achádego que ampliaba a distribución desta pequena planta no noso País. Nesta ocasión, nos arredores dun piñeiral costeiro sobre dunas degradadas, algo frecuente ao longo da súa distribución, en lugares próximos como Viana do Castelo (Portugal) onde, coma acontece neste caso, e sexa polo pequeno tamaño da planta ou pola precocidade da súa floración costeira, non foi detectada ate fai ben pouco tempo (2013 e 2014). Todos estes dados, así como a súa aparición tamén nas dunas de Rodiles (Villaviciosa, Asturias), coñecida dende fai tempo xa, apuntan á posibilidade de que existan máis poboacións costeiras desta especie na Galiza, descoñecidas polo momento.

Para o ano 2012, fotografar e recoller prego de herbario desta escasa planta, converteuse nunha das prioridades na axenda, e agardei as datas nas que a Muscari neglectum ribeirense voltase a florecer. Coma sempre acontece na natureza, tódalas mudanzas son cíclicas e, a primeiros de marzo, os xacintos das uvas comezaban novamente a colorear con discreción as dunas desta praia do interior da Ría de Arousa, na parroquia de Palmeira (Ribeira). Pasando, polo seu pequeno tamaño, desapercibidas para os camiñantes que percorrían decote o paseo de madeira construído sobre o escaso asentamento dunar, a poucos centímetros da única poboación costeira galega desta especie tan pouco representada no noso territorio.

En principio, a localización das Muscari neglectum atopadas, non facía prever un dano próximo a esta pequena poboación. Era esta, unha zona dunar rexenerada, que contaba cun paseo de madeira que canalizaba o paso de persoas polo lugar, evitando que puideran danar ás plantas coas súas pegadas. Pero as decisións das administracións públicas non sempre son previsibles, e a lóxica é un elemento ausente á hora de tomar algunhas decisións. Poucos días despois de comezar a floración dos xacintos das uvas, a administración decidiu facer unha limpeza do lugar de cara á semana santa, e non deberon pensar en cal era o obxecto da colocación do paseo de madeira. Posiblemente, na cabeza dalgún responsable do Concello de Ribeira, as pasarelas colocadas pola Demarcación de Costas nos areais galegos non son para protexe-los ecosistemas dunares, senón para “facer bonito”. E claro, un día que chegamos ó lugar para facer unhas fotos da froitificación desta especie, alguén mandara pasarlle a rozadora mecánica á vexetación dunar. Por fortuna, trátase de plantas bulbosas, polo que o vindeiro ano voltarán a florecer case que con seguridade. Supoñendo, iso si, que a alguén non se lle ocorra volver a pasa-la rozadora institucional polo lugar.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.