Centaurea borjae, entre o ceo e o mar

Son os cantís da Serra da Capelada, cos 611m de altitude da Vixía da Herbeira, os de maior altura da Europa continental (incidindo no de continental, xa que hainos maiores nalgunha illa norueguesa). A cabalo entre os concellos coruñeses de Cedeira e Cariño, nas ladeiras destes impresionantes cantís, atópase unha das nosas plantas de máis escasa distribución, a Centaurea borjae, que só foi atopada, ate o de agora, neste lugar ou no veciño Cabo Prior (Ferrol).

Nos pasteiros dos altos da  Capelada, a miúdo en fendas rochosas, atopamos no mes de xuño unhas pequenas plantas, que apenas levantan 4cm do chan. O seu pequeño porte, fai que pasen desapercibidas para os moitos visitantes que chegan á Vixía da Herbeira ou a Santo André de Teixido, tanto para admirar o porte dos seus cantís, coma para ofrecerse ó santo milagreiro con tradición pre-cristiá de antigos ritos pagás (aquel que non vai de vivo, xa se sabe…).

A Centaurea borjae é porén, un endemismo da provincia da Coruña, que ao igual que a outra centaurea coruñesa, a Centaurea ultreiae, da que xa falaramos neste blog, é exclusiva de afloramentos rochosos ultrabásicos, escasos nunha terra que como a Galiza, é granítica na súa maior parte. No aspecto físico, estas dúas plantas presentan moitas similitudes, atopándose as diferenzas, na cor das brácteas ou dos capítulos florais, dun rosa avermellado uniforme na Centaurea borjae ou amarelos na Centaurea ultreiae (con individuos rosa ou laranxa da escasa variedade bazarensis).

Esta centaurea atópase en grave risco de desaparecer, sendo unha das poucas plantas galegas que se atopa catalogada como “en perigo de extinción” a nivel global pola UICN. Pero non é tan só polo carácter exclusivo do seu asentamento sobre rochas ultrabásicas, senón tamén, pola dificultade que presenta a Centaurea borjae para producir sementes viables. Cunhas flores abondosas (70-80 por capítulo) pero limitantes para os polinizadores, xa que teñen uns 13mm de tubo floral, poucos insectos dispoñen de trompa capaz de penetrar nas flores fértiles, que son as do centro do capítulo floral. Só algunha especie de abellón do xénero Bombus (na foto Bombus pascuorum), poden fertilizar estas plantas. Porén, son os rizomas destas, os que dan lugar á maior parte da expansión da Centaurea borjae, de aí o limitado das súas poboacións, de varios centos de exemplares en cada un dos diferentes núcleos poboacionais.

Polo momento na Galiza aínda non se estableceu ningún plano de seguimento ou protección das especies que, como o caso da Centaurea borjae, atópanse en serio risco de desaparecer. A pesares da súa inclusión no catálogo da UICN, na Directiva Hábitats  da Unión Europea, da Lista Vermella da Flora Vascular Española ou do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a supervivencia desta escasa especie aínda está pendente da elaboración dalgún plano específico ou da inclusión das súas pequenas poboacións nun novo marco legal, idóneo para a súa conservación, que é o establecemento de “microrreservas” para a especie, nas que se garanta o futuro da nosa Centaurea borjae.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.