Orquídeas galegas, o lene feitizo da Listera ovata

Unha das miñas últimas descubertas botánicas ten relación cunha curiosa orquídea galega. A herba das dúas follas (Listera ovata) é unha especie pouco representada no noso País, que contaba, ate o de agora, con só catro poboacións coñecidas e de escaso número de individuos (C.Cortizo & E.Sahuquillo; 1998 – C.Cortizo & E.Sahuquillo; 2006). No pasado mes de abril, namentres conducía por unha pequena estrada local do Concello de Val do Dubra, entre pasteiros e eucaliptais, algo mudou de aspecto no meu redor. De súpeto, a estrada somerxíase nun bosque puro de abeleiras (Corylus avellana), dos que xa apenas poden ollarse na actualidade, agás nas máis encaixadas ribeiras dalgún río galego, onde as máquinas aínda non puideron dar chegado para usurpa-lo labor feito durante centos de anos pola natureza.

A pesares de ser cruzado por unha estrada e da súa proximidade con núcleos habitados, este abeleiral, conseguiu chegar case que intacto ate os nosos días, por algunha estraña razón, coma unha illa do pasado entre un mar de eucaliptos e pasteiros. A curiosidade do fenómeno foi a que me empurrou a explora-lo seu interior. Paseniño, saboreando a pureza do abeleiral, fun achando os primeiros indicios de que me atopaba nun lugar cheo de posibilidades. Lembro que orballaba nesa primeira incursión entre as abeleiras, e que case que no solpor, ollei ao primeiro habitante da devesa, que chamou a miña atención. Tratábase do escaso caracol de Quimper (Elona quimperiana), catalogado en perigo de extinción, e que ate ese momento, tan só puidera ollar noutro dos escasos e fascinantes bosques galegos, nas Fragas do Eume. Nos seguintes días, e tras ollar na topografía do terreo a verdadeira extensión do abeleiral, que non chegaba ás 9Ha, funme afacendo á súa explora pausada, onde en cada ocasión, e canto máis avanzaba no interior da devesa, cortada por un pequeno río no seu punto de máis baixa cota, maiores descubertas facía.

O abeleiral era mesto, pechado en si mesmo, co que lograba manter unha temperatura e unha humidade constante, nada que ver coas súas proximidades. Na súa parte aérea non se atopaban practicamente máis especies que a abeleira (Corylus avellana), con algún carballo (Quercus robur) ou castiñeiro (Castanea sativa) illados, nas partes máis externas do abeleiral, e algún bidueiro (Betula alba), na contorna do río. O mato, mesto tamén nalgúns lugares, estaba formado case que na súa totalidade, por xilbardeiras (Ruscus aculeatus) e no espectro herbáceo sorprendía pola ampla presenza dunha especie abondosa nos montes orientais galegos, como puiden comprobar no Courel, pero escasa na provincia da Coruña, e que aquí amosaba unha grande densidade. Tratábase do Allium victorialis, que formaba nalgúns lugares da devesa, especialmente a carón do río, unha espesa mata coas súas grandes e verdes follas. Pero deixaremos esta e outras especies para posteriores entradas, e continuemos coa nosa protagonista de hoxe, a Listera ovata.

No terceiro día das miñas ocasionais incursións na devesa, foi cando á beira dunha vella corredoira, xa inutilizada pola vexetación, no mesmo corazón deste fermoso bosque, atopei unha primeira planta. Aínda descoñecida para min a especie, a forma das discretas e pequenas flores érame familiar. Sen dúbida atopábame fronte unha orquídea, pero unha orquídea moi pouco común, xa que en aparencia polo menos, era discreta, sen emprega-los encantos habituais da familia Orchidaceae, para atraer polinizadores. Unha rápida ollada no meu redor, permitiume percibi-la presenza, cando menos, de tres exemplares máis da herba das dúas follas.

Todos coñecemos a Charles Darwin, o famoso naturalista inglés, que no século XIX revolucionou as ciencias naturais coa súa Teoría da Evolución. Pero, aparte da súa mundialmente coñecida publicación “On the Origin of Species”, foron as orquídeas un dos eixos fundamentais, nas súas investigacións. Así, tres anos despois da publicación desta grande obra, o pai da Teoría da Evolución, publicou outro volume que facía unha achega ós mecanismos de polinización do grupo de plantas con maior capacidade evolutiva, as orquídeas. Baixo o título “Fertilisation of Orchids”, Charles Darwin publicaba en 1862 un volume no que se facía unha minuciosa exploración das capacidades adaptativas das orquídeas, para conseguir lo éxito reprodutivo.  Grazas a esta e outras obras posteriores, coñecemos os fascinantes mecanismos das orquídeas, para, mediante enganos, atraer polinizadores, e garanti-lo éxito reprodutivo. Toda unha serie de “feitizos”, para presenta-lo que non é, unha realidade inexistente, coma si se tratase  dun truco de ilusionista, ante a limitada capacidade de discernir dos insectos, coa finalidade última da supervivencia da especie a traveso da súa descendencia.

A familia Orchidaceae, está composta de arredor de 20.000 especies silvestres distribuídas na práctica totalidade do globo terráqueo, agás nos polos xeográficos. Tres cuartas partes destas orquídeas son epífitas (que medran sobre as árbores), a maior parte do resto son terrestres. Pero as especies epífitas medran polo xeral nos trópicos, sendo en Europa, as especies terrestres, con aproximadamente 450 especies, ou na Galiza con arredor de 40 especies, as representantes absolutas desta familia.  Dende fai moitos anos, as orquídeas foron cultivadas, facéndose populares na xardinería, chegando a acadar os híbridos creados polo home cifras maiores das 200.000 especies. Pero que non nos enganen esas cifras, as orquídeas europeas, precisan non só das condicións climáticas e xeolóxicas axeitadas, senón que normalmente, conviven en simbiose con algúns fungos, algo que fai imposible o seu cultivo. Polo que son, polo común, especies tropicais, as que se cultivan e hibridan en xardinería. Isto, xunto coa protección das orquídeas silvestres pola lexislación europea, fai desaconsellable a recolección das especies galegas.

O nome desta familia provén do grego Orchis (testículos), xa que a maior parte das orquídeas europeas, posúe tubérculos agrupados por parellas, polo que antano eran recolleitas na falsa crenza de aportar vigor sexual ó varón. Pero o sorprendente das orquídeas son, sen dúbida, os complexos mecanismos empregados para atrae-los insectos. Así pois, a maior parte das orquídeas non posúen néctar, polo que empregan vistosas cores e amplas gorxas, para facer crer ós insectos que se atopan ante unha flor cunha fartura deste doce alimento, sen chegar nunca a atopalo. Outras desas orquídeas que non posúen néctar, simulan na súa flor as formas e debuxos do polinizador, para que este, no frenesí do falso apareamento, leve (ou traia doutra flor) o pole preciso para a fertilización da orquídea. Non é o caso da Listera ovata. A herba das dúas follas, non posúe tubérculos, senón un groso rizoma arredor do cal se agrupan as raíces. E, por suposto, a súa cor verde fai que pase desapercibida no seu entorno, polo que non emprega a cor como atraínte. Cales son, pois, os mecanismos ou enganos empregados por esta orquídea para acada-lo éxito reprodutivo?

Darwin incluíra esta especie no seu estudo sobre a fertilización das orquídeas. A Listera ovata posuía un mecanismo diferente do resto das orquídeas estudadas. A carencia de mecanismos visuais atraentes para os insectos (dado a súa cor monocroma) é substituída nesta planta pola fabricación de néctar. Así pois, esta orquídea procuraba outros enganos para engaiolar aos polinizadores, pero a pesares de ofrecer néctar, como a maior parte das plantas, o seu mecanismo polinizador é ben elaborado, como no resto das orquídeas. O longo labelo da especie aparece sempre impregnado en néctar, que podería ademais conter un cheiro similar ás feromonas dalgúns insectos, polo que o poder de atracción da herba das dúas follas sería coma un feitizo para algúns pequenos habitantes das fragas. Non só pola promesa alimenticia, senón tamén pola promesa reprodutiva. A base estigmática da flor aparece pechada polo rostelo, pero basta coa tentativa dalgún polinizador de acceder a esta base estigmática e o seu roce co rostelo, para que os polinios se liberen cunha explosiva saída do líquido viscidial, un pegañento composto que impregnará ó visitante, favorecendo que os polinios (pequenas bolsas que conteñen o pole) fiquen pegados á súa cabeza ate a visita á seguinte flor. Así mesmo o rostelo retirarase, preparando a base estigmática para un novo visitante que, con sorte, transportará o pole doutra flor próxima.

Nos seguintes días que me acheguei a este abeleiral, puiden comprobar que a poboación de Listera ovata, a pesares de ocupar unha pequena superficie do bosque (arredor de 100m2, das case que 9Ha totais), tiña unha densidade tremenda para a especie. Entre 60 e 100 exemplares repartíanse baixo as abeleiras, nun lugar sombrizo que mantiña unha humidade e temperatura constante, co que podíamos estar ante a maior poboación desta especie para a Galiza. Tamén, e a pesares de que as orquídeas son, polo xeral, plantas cun curto período de actividade aérea, non nos atopábamos fronte a ese caso. As orquídeas deste abeleiral mantiveron a súa floración durante máis de dous meses. Algo que foi posiblemente motivado polo mantemento da temperatura e humidade constante neste pequeno bosque de ribeira. Mesmamente, durante todo ese tempo, puiden comprobar o poder de atracción que exercían estas plantas sobre os insectos, especialmente con algunha especie das diminutas moscas da froita, que se pousaban constantemente sobre estas apetecibles flores.

Nos últimos anos, só se puideron contabilizar na Galiza, catro poboacións máis de Listera ovata. Na provincia de Lugo, aparecen dúas poboacións relativamente recentes, no Cebreiro (J.Amigo & J.Izco; 1998) e Os Ancares (M.Perille, M.Pimentel, D.Romero & E.Sahuquillo; 2001). E outras dúas para a provincia da Coruña. A máis recente destas últimas sería a de Ortigueira (Sánchez Fernandez, 1994), estando unha cita antiga, do Monte Castelo (F.Bellot & B.Casaseca; 1954) sen referencias posteriores. Puidérase pensar, ó ler este artigo que, atopándose en Val do Dubra a localización desta nova poboación, corresponderíase posiblemente con esa desaparecida poboación do Monte Castelo, citada por Bellot e Casaseca a mediados do século pasado, pero sería errado pensar isto. A ubicación desta nova e abondosa poboación de Listera ovata, atópase nun val diferente do que forma a ladeira do Monte Castelo co río Dubra. Localización onde, tras prospeccións persoais deste ano, puiden localizar novamente a poboación citada en 1954, a uns poucos centenares de metros do cumio do Monte Castelo, no Concello de Tordoia.  O malo é, que esta vella poboación do Monte Castelo, tamén no interior dun abeleiral, ou mellor dito, do que fica dun abeleiral, conta, tan só, con tres exemplares, xa froitificados no momento de atopalos.

Posiblemente os bosques de abeleiras constituíran, xunto coas fragas, grandes extensións de terreo nas gorxas dos ríos galegos, sobre todo na súa vertente costeira atlántica. Pero hoxe, tralo imparable avance da eucaliptización, son pequenos recunchos agochados en ladeiras de forte pendente. Non é así nos arredores do Monte Castelo e nesta nova localización. Posiblemente partillas familiares sen facer ou o descoñecemento da  titularidade do monte, fixeron que chegaran ate os nosos días sen apenas intervención humana. Nos últimos meses, desbrozouse e talouse parte da linde deste abeleiral para plantar eucalipto, sen que exista unha normativa legal que protexa estes últimos redutos naturais. Semella que é unha constante, especialmente nos últimos anos, eliminar mediante o xeito legal de “cambio de cultivo”, amparándose no chamado “Banco de Terras” as últimas illas de vexetación autóctona que quedaban na provincia da Coruña. Algo seriamente preocupante, e que pode afectar a curto prazo a este e outros bosques que se mantiveron virxes ate os nosos días, desaparecendo pola cobiza humana, baixo o paraugas legal das administracións públicas, que consideran a estes pequenos viveiros de biodiversidade, “terras improdutivas”, factibles de produciren madeira de baixa calidade.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.