Euphorbia uliginosa, a leiteiriña das brañas

Una das tarefas marcadas neste blogue é de tentar substituí-lo traballo que debera ser feito polas administracións públicas. O de achegar a un público xenérico aquelas especies descoñecidas e que cómpre protexer. Algo para o que é fundamental o seu coñecemento e divulgación. Este é o caso da escasa Euphorbia uliginosa, unha pequena planta que somentes podemos atopar no suroeste de Portugal e nalgunhas poboacións do noroeste galego, sempre en escaso número. Coma decote acontece con estas raras especies, non é factible facer unha procura na rede de imaxes da planta, pouco coñecida e cecais polas mesmas razóns, pouco fotografada, agás no caso do marabilloso portal portugués Flora-on, da Sociedade Portuguesa de Botánica.

O xénero Euphorbia está composto por varias decenas de especies (só na Península Ibérica) algunha das cales é considerada herba ruín, por invadi-los cultivos. Coñecidas popularmente como leiteiriñas, pola presenza dun látex branco ao seren tronzadas, tamén son inconfundibles pola súa inflorescencia (semellante a un agrupamento de follas), chamada ciatio, e que posúe varias flores masculinas dun só estame e unha feminina, que adoita aparecer antes.

A Euphorbia uliginosa, aparece illadamente na Galiza en brañas das comarcas do Xallas e Bergantiños, aínda que foi atopada, tamén en escaso número, preto da lagoa de Riocaldo, no concello lucense de Begonte. As súas escasas poboacións e o perigo ao que están sometidos os seus hábitats, fan deste endemismo galego-portugués obxecto da súa protección polo que figura catalogada en “Perigo de Extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e en “Perigo Crítico” no “Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España”.

Esta pequena leiteiriña, que só aparece en brañas do interior, caracterízase polos seus froitos recubertos de espunllas ou verrugas, e as súas follas con serraduras, que a diferenza doutras plantas do xénero Euphorbia, non forman roseta. As plantas galegas posúen talos glabros, non así as portuguesas que teñen talos pilosos na súa maior parte. A denominación “uliginosa” presente no seu nome científico, determina o hábitat húmido no que aparece esta planta.

A maior parte dos lugares onde aparece esta leiteiriña das brañas atópanse protexidos, baixo a denominación de L.I.C. (Lugar de Interese Comunitario). Pero a pesares de gozar desta ambigua denominación xurídica, e de figurar no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a súa protección non é efectiva. Actividades extractivas (caso de Riocaldo), desecación de humidais para transformalos en pastos ou cultivos, ou a crecente eucaliptización das brañas galegas, coma no caso das Brañas Rubias en Coristanco (o lugar onde se realizaron estas fotografías), poñen en serio perigo a supervivencia desta especie, ao mudaren as condicións óptimas para o seu crecemento e polinización, que lembremos, aparece tan só en pequenas brañas húmidas do noroeste galego e suroeste portugués.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.