Isoetes fluitans, o fento da auga

Non é doado atopar información sobre algúns endemismos galegos, especialmente aqueles taxons máis ameazados. Calquera procura de imaxes na rede é negativa, e cando procuramos información, non atoparemos máis que unhas breves liñas ou publicacións especializadas. Isto é o que acontece co noso, tan galego, fento da auga (Isoetes fluitans), endemismo do noso País con poboacións ben escasas e fragmentadas, e do que eu mesmo atopei neste pasado 2012 unha nova localización, que amplía a escasa distribución coñecida para a especie.

Así coma non é doado facer unha procura na rede de imaxes deste escaso fento, tampouco é sinxelo localizalo nalgunha das súas raras e illadas localizacións, iso, a pesares do seu gran tamaño, que a diferenza doutras especies do xénero Isoetes, acada os 80cm de lonxitude. Ríos da Terra Chá (do L.I.C Ladra, Parga, Támoga), o Miño (ao seu paso por Lugo), ríos da Costa da Morte (Castro e Xallas), así coma nos cursos altos do Tambre e Mandeo (incluíndo algún dos seus afluentes), son os poucos lugares onde se poden atopar poboacións deste fento que habita en tramos areosos, ben osixenados e sempre somerxido.

Ate fai ben pouco tempo, pensábase que estábamos ante unha especie de fento xa coñecida baixo o nome de Isoetes longissimum (ou Isoetes velatum subsp. longissimum), especie localizada nas zonas montañosas do Magreb, de onde é endémica, pero descoñecida no resto do mundo, polo que era, canda menos, sorprendente, que as dúas únicas poboacións coñecidas desta especie, estiveran illadas entre si, tanto, que se atopaban en dous Continentes diferentes. Foi recentemente, no ano 2004, cando un traballo baixo o título “Isoetes fluitans sp. nov.: the identity of Spanish plants of I. longissimum” os botánicos galegos M.I.Romero, J.Amigo e P.Ramil, na revista “Botanical Journal of the Linnean Society”, desmarcábanse da adscrición do fento galego á especie Isoetes longissimum, endémica dos montes do norte de África e separada deste endemismo galego por centos de Km.

O xénero Isoetes conta na Galiza con seis especies, sempre ligadas a zonas húmidas e, en maior ou menor medida, situadas en lugares asolagados, alomenos, temporalmente. As especies deste xénero teñen unhas dimensións que van dende os 5-15cm de lonxitude do Isoetes histrix aos 40-80cm do Isoetes fluitans. As súas follas, longas e flotantes, máis similares en aspecto a xuncos que a outras especies de fentos, agochan na súa base bulbosa os esporanxios, a miúdo cubertos por un pequeno veo, tendo lugar na súa maduración a liberación das esporas. É o Isoetes fluitans a única destas especies que mantén todo o seu ciclo vital somerxido, aínda que polo propio réxime hídrico dalgún río, poida permanecer fora da auga durante certo tempo, onde, con baixo nivel de auga, aséntanse mellor os individuos novos.

A pesares de ter ollado este escaso fento nalgunha localización como o Río Castro ou nalgún afluente do Mandeo, non agardaba atopalo no curso baixo do Tambre, entre os Concellos de Ames e Negreira, a máis de 20Qm lineais de distancia das máis próximas poboacións coñecidas para este curso fluvial, situadas no Concello de Oroso.  Foi nunha tarde na que agardaba facer fotos doutra especie en perigo, o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), nunha poboación xa coñecida por min. Xa metido no río, ollei nun lateral un pequeno grupo composto por unhas trinta plantas, que recoñecín sen dubidalo, como pertencentes a esta escasa especie.

Xa posto en contacto co profesor e director do herbario compostelano, Javier Amigo, procedín a recoller prego, consistente en varias follas dun exemplar, que non sofríu danos, e que foi inventariado baixo o código de herbario SANT65917. Prego que amplía a distribución coñecida da especie, catalogada “en perigo” pola IUCN, organismo internacional para a protección da natureza. A diferenza doutras poboacións, non é esta nova de Ames, unha das mellor conservadas. O fondo areoso desta localización comeza a encherse de sedimentos, en forma de lamas, que poñen en perigo a osixenación da auga, algo que xa lle está a afectar á Margaritifera margaritifera que habita no mesmo lugar, onde está a producirse unha clara míngua poboacional.

No que foi da semana, houbo unha data especial que case que pasou desapercibida, o Día Mundial da Auga, que se conmemora auspiciado pola ONU cada 22 de marzo. Quizabes sexa que na Galiza non haxa moito que celebrar, xa que a pesares de ser, en palabras do poeta, “a terra dos mil ríos”, lonxe estamos de que a calidade das nosas augas continentais sexa a desexada, ou cando menos a óptima para a conservación dalgunha das especies máis ameazadas. No ano 2000 aprobouse pola Unión Europea unha Directiva Marco da Auga, que esixía aos estados membros, o cumprimento (en prazos) dunhas normas relativas á vixilancia e control das augas continentais, para tentar acadar un estado óptimo. Poida que sexa pola especulación dos mercados (chamada crise), ou poida que sexa porque os gobernos pensen que o medio natural non interesa, todo vale a día de hoxe, e lonxe de tratar de minimiza-los danos ao medio hídrico (como manda a directiva europea) e tratar de restaura-las cuncas fluviais, previo pago de taxas autorízase calquera agresión aos nosos recursos: baleiramento de cuncas para encher ocos deixados pola minaría, verquido de lixiviados de actividades mineiras, depuradoras que non cumpren os requerimentos mínimos de depuración, emprazamento de polígonos industriais en áreas sensibles, construción de novas centrais hidroeléctricas, desvío e canalización de ríos, ou a mal entendida “limpeza” de leitos e ribeiras fluviais, son algunha das moitas agresións cotiás nas augas continentais galegas. Agresións non só para esta emblemática especie galega, senón tamén para outras moitas especies ameazadas do noso territorio.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.