Orquídeas galegas: Serapias strictiflora Welw. ex Veiga, unha nova especie para a flora galega

A finais do pasado mes de abril, achegueime a Monforte de Lemos, para revisa-las Anacamptis morio desa localización e comprobar, como así foi, que tratábase de Anacamptis morio subsp. picta, que semella ser a subespecie que se pode atopar en toda a Galiza. Pero non vou falar desta especie, relativamente ben distribuída na nosa xeografía, alomenos nesta ocasión, senón da descoberta que realicei tras fotografar esta especie. O meu amigo e naturalista chairego Xosé Otero, foi quen me dera esta localización, engadindo mesmamente que nas proximidades destas orquídeas podería atopar algún exemplar de Serapias lingua con claro hipocromatismo floral (ausencia de pigmentación nas súas flores). Polo que, tras concluí-lo meu traballo fotográfico coas Anacamptis, procurei na zona exemplares brancos de Serapias lingua, esa abondosa orquídea galega. A miña sorpresa non foi atoparme con exemplares hipocromáticos de Serapias lingua, senón dar con outra especie nova de orquídea para o norte da Península Ibérica, a Serapias strictiflora Welw. ex Veiga.

Foi a feitura estreita do epiquilo a que me chamou a atención nun primeiro momento, xa que ningún dos múltiples exemplares desta poboación chegaba aos 4,5mm de anchura, dentro do asignado para esta especie na chave de Flora Ibérica. Incluso algún exemplar, como o da fotografía, ten unha anchura de epiquilo menor que a descrita para a especie (2mm). Logo, unha medición do labelo (fotografía superior), confirmou outros aspectos propios de Serapias strictiflora: hipoquilo 6x7mm, epiquilo 2x13mm, e un marcado sulco ou canle dividindo a caiosidade do labelo, algo tamén propio desta nova especie galega.

Xa determinada a especie, na miña casa e a traveso de medicións de varios exemplares depositados logo no SANT-Herbarium, aínda tiña dúbidas en relación a outras dúas especies de Serapias que tampouco aparecen na Galiza, neste caso trataríase da Serapias gregaria e Serapias stenopetala. No primeiro caso, na Guía das Orquídeas de Europa de Pierre Delforge dicíase que os exemplares atopados fora do sur da Península Ibérica, nomeadamente no sur de Francia, non eran Serapias strictiflora, senón Serapias gregaria, algo que as medicións das plantas galegas desmentían. Tamén, e xa que moitos dos exemplares localizados tiñan o epiquilo dunha cor moi clara, algo característico de Serapias stenopetala, dubidei con esa outra especie, pero tanto as medicións como as anotacións sobre a existencia ou non de Serapias stenopetala de Flora Ibérica, determinaban con claridade que estábamos ante Serapias strictiflora

Polo tanto atopámonos non só cunha nova localización desta especie para a Galiza, senón cunha novidade para a flora do norte peninsular. Serapias strictiflora (chamada así pola feitura estreita e o pequeno tamaño das súas flores en relación a outras serapias) é un endemismo ibérico, só coñecido (ate o de agora) no sur da Península, que acadaría no seu extremo norte as proximidades de Lisboa (sendo Portugal o país con maior distribución da especie), e a provincia andaluza de Málaga sería o lugar máis ao leste da súa distribución coñecida.

Serapias strictiflora foi ate ben pouco tempo considerada non unha especie, senón un híbrido de Serapias lingua e Serapias parviflora, especies propias da flora galega. O nome actual deste híbrido é Serapias x todaroi, atopado tamén por min mesmo na nosa terra, en lugares coma Corrubedo, onde son abondosas estas dúas especies. A posibilidade da hibridación foi descartada cando se lle deu rango de especie a Serapias strictiflora, que mantén unhas características propias en todo o seu ámeto de distribución, e que non corresponden coas dos exemplares híbridos localizados na Galiza. Outro punto a ter en conta á hora de desbota-lo híbrido, foi que no lugar do achádego non aparecese xunto coas abondosas Serapias strictiflora, ningún exemplar das outras dúas especies (S.lingua ou S.parviflora), como si acontece no caso da frecuente hibridación.

Así pois, atopámonos ante a descoberta dunha nova especie de orquídea para a Galiza, e que coma sempre acontece, foi a casualidade e a curiosidade do autor, a que levou a clasificala dentro do abano das abondosas orquídeas galegas. Serapias strictiflora convértese pois na cuarta especie do xénero descrita no noso país, logo de Serapias cordigera, Serapias lingua e Serapias parviflora. Polo momento só foi localizada esta poboación monfortina, pero os centos de exemplares da especie non fan prever (alomenos a curto prazo) a súa desaparición.

Agradecementos: ao amigo chairego Xosé Otero pola localización, e aos amigos portugueses Alberto Cabral e Joaquim Pessoa polos comentarios sobre a súa identificación.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.