Huperzia selago, o brión dereito da Capelada

Non tódalas especies ameazadas atópanse en listados oficiais. Huperzia selago (L.) Bernh. ex Schrank & C.F.P. Mart.,  é a designación dun fento propio da alta montaña, escaso en toda a Península Ibérica (agás unha pequena área do Pirineo Catalán), onde só aparece nas zonas montañosas do norte, e moito máis escaso aínda na Galiza, onde aparece, sempre en pequeno número de exemplares, en tan só catro poboacións. O desaparecido Francisco X. Sóñora, nun traballo publicado en 1992 (“Notas Pteridológicas de Galicia – IV”, “Acta Botánica Malacitana nº17”), recollía dúas novas poboacións para a especie, nas Pontes e en Viveiro (confirmación dunha vella cita de Merino), que xunto coas descritas anteriormente na Capelada (Soñora F.X. & Ortiz S. -1988) e Os Ancares (Reinoso J. & Rodríguez Oubiña – 1987) constituían a totalidade das poboacións coñecidas desta especie na Galiza.

O brión dereito (que aínda que estemos falando dun fento, a súa similitude cun brión, fai que sexa coñecido con este nome), é pois, un dos fentos máis escasos e ameazados na Galiza. Polo que atopalo e fotografalo no seu hábitat natural era un dos obxectivos que me marcara nas miñas visitas á fermosa Serra da Capelada, cos seus cantís costeiros máis altos da Europa Continental. Foi o meu amigo Rafael López Loureiro, entusiasta cronista da Capelada, quen dera con esta poboación citada por Sóñora nun dos lugares máis descoñecidos da Serra, e quen me achegou as instrucións precisas para atopala.

Aproveitando os primeiros claros do ano, foi no aínda frío mes de febreiro cando me acheguei ao lugar. Logo dunha subida a un dos cumios da serra, con algún chuvasco polo medio, o sol decidiuse a saír xusto no momento que me atopaba fronte a un pequeno grupiño deses fentos. Medraban nas fendas ou xusto sobre as rochas ultrabásicas, onde cunha pequena superficie de substrato (os chamados chans esqueléticos) retido por pequenas herbáceas, medraba esta escasa planta, sempre nas zonas máis húmidas e protexidas dos rochedos, con orientación norte, como a maior parte dos fentos galegos.

Moi similar ao licopodio das brañas (Lycopodiella inundata), Hupercia selago non ten partes postradas, senón que as caules son todas ergueitas, de maior tamaño (ate 15cm neste lugar) e cunha feitura máis forte. Atopábase nese momento en plena fase fértil, podéndose olla-los esporanxios (na axila das follas), algúns deles xa abertos e expulsando esporas para completa-lo seu ciclo vital. Estes esporanxios, similares á vaíña dunha leguminosa formaban dúas valvas que abrían en plena maduración, para deixar que o vento, nunha zona alta e exposta da serra, fixera logo o traballo da dispersión das esporas, agardando atopar un lugar óptimo para poder reproducirse.

A Huperzia selago, a pesares da súa escaseza no noso territorio e o perigo da súa desaparición a curto prazo, non ten nengunha figura de protección legal, nin tan sequera aparece rexistrada no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O obxectivo inicial na creación deste catálogo galego está lonxe de ser cumprido. Non é ser unha simple lista nominal de especies ameazadas, debe completarse con plans específicos de xestión e protección destas especies, algo que está, seis anos despois da súa elaboración, moi lonxe de cumprirse. Así tamén, exemplos como o deste escaso fento (protexido noutras Comunidades Autónomas do norte peninsular), que nin tan sequera figura neste catálogo é unha mostra de que esta suposta figura de protección non vai máis aló da “intención de…”. Un pequeno listado (con apenas un 3% da flora galega incluída) como obxectivo de dicir que “imos protexer”, sen complementarse con figuras reais de protección desas especies ameazadas. Polo que non só esta especie (non incluída) senón tamén especies que figuran no catálogo, atópanse hoxe moi lonxe, non tan só de frear o seu grao de ameaza actual, senón que puideran desaparecer para sempre antes de que se establezan plans de conservación efectivos.

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.