A flor do Courel (Dactylorhiza cantabrica H.A. Pedersen) un endemismo galego

A miña procura de orquídeas silvestres na Galiza (levo atopado xa 53 especies, das 39 que se coñecían ate o de agora) hai algunhas que, ou ben non eran tratadas como especies diferenzadas, ou ben non se coñecía a súa presenza na Galiza. O caso da Dactylorhiza cantabrica entra no primeiro dos supostos. O Courel conta con máis de 1.500 especies de plantas das aproximadamente 3.000 especies que podemos atopar na Galiza. Así tamén, a maior parte das orquídeas silvestres galegas, podémolas atopar nesta serra, que ate o de agora non conta con nengún tipo de protección, máis aló de que algunha parte do seu territorio apareza incluída na Rede Natura, instrumento de conservación que na Galiza non ten máis que o nome, xa que non se aplican medidas de protección reais de nengún tipo. Entre estas orquídeas podemos atopa-los únicos reductos da Dactylorhiza cantabrica, endémica desta serra, ou as recentes descobertas persoais (2013) de Androrchis olbiensis ou Androrchis langei (que comentarei en vindeiros artigos e que aparecen tamén noutras localidades galegas).

Non foi ate 2006 cando o profesor danés Henrik Aerenlund Pedersen, publica un traballo na prestixiosa revista “Botanical Journal of the Linnean Society” baixo o título “Systematics and evolution of the Dactylorhiza romana/sambucina polyploid complex (Orchidaceae)”. Neste traballo faise un estudo xenético de diferentes especies, aínda que con características similares. Entre as poboacións estudadas aparecen as plantas do Courel que ate entón atopábanse incluídas na especie Dactylorhiza sambucina pero que contaban con características propias e diferenciadas da especie nominal, coma a lonxitude e feitura do esporón, a lonxitude e grosor do talo, ou a coloración das flores, que nesta poboación lucense, é sempre amarela.

Pero vaiamos por partes. Non é obxecto desta páxina facer un artigo de consulta científica, senón tratar de achegar a calquera persoa interesada as características diferenciais das especies citadas, algo vedado ate o de agora para a consulta na rede. Os estudos cromosomáticos do profesor danés, distinguen estas especies, pero é preciso diferencialas visualmente no campo. Verei pois de, a traveso de imaxes de tres especies próximas (estudadas no traballo de Pedersen), chegar a algunha conclusión que permita ao naturalista ou interesado no mundo das orquídeas distinguir a flor do Courel nunha primeira ollada. Para iso achegarémonos á Dactylorhiza sambucina da localidade asturiana de Somiedu, ou ás Dactylorhiza insularis do Courel.

Arredor dos 1.000 – 1.200m.s.n.m. atopei tanto as D.cantabrica  do Courel como as D.sambucina de Somiedu (Asturies), que ilustran o artigo. A pesares disto, as orquídeas asturianas, en disposición similar sobre pasteiros alpinos, aparecían un mes antes (primeiros de maio) de que as galegas fixeran o propio. Tamén aparecían mesturados exemplares de flor vermella con exemplares de flor amarela (a única cor das flores do Courel). A lonxitude do talo das Dactylorhiza sambucina asturianas, era non só moito menor, senón algo máis groso, dando un aspecto máis macizo á planta. O labelo, finamente irregular nos seus bordes, tamén se apreciaba diferente do case que romo das flores courelás. Pero era, sobre todo, o aspecto do esporón o que realmente marcaba a diferenza.

Detalles dos esporóns de Dactylorhiza cantabrica, Dactylorhiza sambucina e Dactylorhiza insularis respectivamente:

Dactylorhiza cantabrica conta cun esporón pequeno (arredor de 11mm), recto, enchido e redondeado no ápice, que vira cara abaixo, moi semellante ao da veciña Dactylorhiza insularis que ilustra unha das imaxes superiores. No caso da Dactylorhiza sambucina (coa que era confundida ate o de agora) o esporón, é moito máis longo (arredor de 15mm), oblícuo, e cónico ou recto no seu ápice. Pero non só o esporón fai á Dactylorhiza cantabrica semellante a D.insularis, tamén o labelo máis redondeado e talo máis longo, son características comúns, que fan aproximar esta especie, tanto á Dactylorhiza sambucina, con deseño macular e das follas moi similar, como a Dactylorhiza insularis, aínda que con claras marcas diferenciais, a medio camiño entre unha e outra especie.

A flor do Courel foi xa incluída na Lista Vermella da Flora Vascular Española (2010) na categoría de vulnerable. Non así no catálogo galego, que só tivo unha actualización dende o 2007. Na Galiza tamén podemos atopa-la Dactylorhiza sambucina. A pesares da escasa distribución das dúas especies, D.sambucina aparece en menor número de exemplares tan só na Serra dos Ancares, onde se poden apreciar tamén as diferenzas entre ámbalas dúas especies. Foi tratar de procura-la especie nominal, e diferenzala da nova especie galega, o que me levou a fotografa-las plantas asturianas. Así coma no caso doutras orquídeas, o seu estudo, levoume ao centro de Portugal ou a Irlanda. Pero eses son casos que seguro tratarei polo miúdo en futuras entradas desta web.

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.