Centaurea ultreiae, o segredo do Monte Castelo

Non foi ate 1987, cando foi descrita por primeira vez a Centaurea ultreiae. Francisco Javier Silva Pando, atopábase facendo un traballo de clasificación das plantas que medraban sobre rochas ultrabásicas, no afloramento de gabros do Monte Castelo, na divisoria dos concellos de Coristanco, Tordoia, Val do Dubra e Santa Comba, cando unha pequena planta, lle chamou a atención. Tratábase, por suposto, da Centaurea ultreiae.

Logo de ollar que non se trataba dunha variedade da Centaurea borjae (endémica da Serra da Capelada), clasificou esta como unha nova especie, dándolle o nome a expresión ultreia, empregada polos pelegríns ó albisca-las torres da Catedral de Santiago, pola proximidade da nova centaurea á Capital da Galiza. En principio, a maior diferenza entre a Centaurea borjae e a nova especie, era unha clara coloración amarela na corola da C. ultreiae.

O que xa quedou claro en 1987 é que nos atopábamos ante unha xoia botánica galega, e que a súa poboación estaba restrinxida ás inmediacións do Monte Castelo, sendo inevitable a súa protección. Así, esta planta aparece clasificada como “en perigo crítico” no “Atlas de flora vascular amenazada de España” e “en perigo de extinción” no “Catálogo galego de especies ameazadas”.

Pero esta pequena e escasa planta, aínda tiña que dar máis sorpresas. No ano 2002, Jaime Bernardo Blanco-Dios, que investigaba a afectación á especie dunhas obras de instalación dun parque eólico, describiu 10 novas poboacións da especie (todas elas próximas ó Monte Castelo) e unha nova variedade que bautizou co nome de “bazarensis” pola súa proximidade ó pobo de Bazar (Santa Comba). A variedade bazarensis, difería da ultreiae clásica polas tonalidades da súa corola, que en lugar do típico amarelo, podían ser alaranxadas, rosas ou púrpuras. E fixo unha primeira contabilización da planta, do que resultou un total de 2.000 plantas das que aproximadamente 120 corresponderían á variedade bazarensis.

O Monte Castelo, situado a medio camiño entre Compostela e a Costa da Morte, tiña un segredo, nos seus arredores ocultaba unha nova especie botánica para a ciencia. Hai unha máxima que di, que para conservar é preciso coñecer, algo que a día de hoxe continúa a non ser de aplicación na nosa terra, e que a estas alturas debera ir mudando. Nos últimos días, buscando a planta pola zona do Monte Castelo, puiden ollar como maquinaria pesada (desbrozadoras) estaba a limpa-las marxes da estrada que conduce a Santa Comba, un dos lugares onde maior poboación da Centaurea ultreiae se pode atopar. O perigo aparece cando estes traballos se realizan nun periodo crítico para a especie, que é cando a planta está a froitificar, e nos lugares onde se atopa, terreos soleados como poden se-las cunetas. Algo que organismos públicos como a Deputación, encargada dos traballos, debera ter en conta, e procurar facelos noutros meses menos perigosos para o futuro desta escasa e protexida planta.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.