Na procura das aberiotas da raia: 1 – Romulea columnae Sebast. & Mauri

Andaba eu atarefado en procurar neste ano as poboacións costeiras de Neotinea maculata, polo que contactei co grupo ANABAM para preguntarlles por unha das dúas poboacións costeiras galegas e tamén có amigo Américo Pereira (có que coincidira xa nalgunha actividade da AOSP-Ficalhoana, referenza portuguesa no estudo das orquídeas silvestres), para que me indicara unha importante poboación desta orquídea, moi perto da fermosa vila de Caminha, do lado portugués da raia, xusto fronte á poboación guardesa.

Días antes, na preparación da viaxe, lembrei que das tres especies galegas de aberiotas (xénero Romulea), unha delas só era coñecida nesa contorna, por unha vella cita do Padre Merino. Tratábase da Romulea columnae Sebast. & Mauri subsp. columnae. Confirmada xa a cita por Flora Ibérica (vol.XX), faltaba atopala e, por si non dera eu con ela no lado galego da raia, no portal Flora-on aparecían dúas citas recentes (2013 e 2014), na costa ao sur de Viana do Castelo.

En 1909 o Padre Baltasar Merino publicaba o volume III do seu magnífico traballo “Flora Descriptiva e Ilustrada de Galicia”, moitos dos pregos e citas presentes nesa obra foran recolleitos na Guarda, durante os 25 anos nos que foi mestre no colexio dos xesuítas. Entre eles o clasificado como Romulea coronata, que ven sendo o que actualmente se coñece como Romulea columnae. Foi casi un século máis tarde (1995) cando outro Padre xesuíta e botánico, Manuel Laínz, confirmaría esta cita galega de Merino como a única da costa atlántica peninsular.

No momento de chegar ao destino en Caminha atopei co amigo Américo, e xa con Carme (a miña compañeira) iamos os tres dispostos a achegarnos onde agardaban Concepçao (a súa dona) e as Neotinea maculata que viñamos fotografar, cando ollei para o chan, e apareceron unhas pequenas Romulea que aparentaban se-las que logo quería procurar na Guarda ou ao sur de Viana do Castelo. Dende logo que eran pequechas! E non semellaban nin pola cor nin pola feitura das anteras e pólas estilares, a común en toda a Galiza, Romulea bulbocodium. Como a nosa intención era fotografa-las orquídeas, deixamo-las aberiotas para o regreso aos coches.

Xa de volta, coas sombras do piñeiral costeiro incidindo sobre as pequenas aberiotas, caín na conta e lembrei que o xénero Romulea tiña un defecto para o fotógrafo naturalista, que as súas flores acostuman a pecharse coa falta de luz solar directa. Polo que moitas das mesmas aparecían xa nesa hora ou pechadas, ou a medio pechar, ollándose abertos escasos exemplares dos arredor de 200 desta poboación. Non foi este un grave impedimento para fotografalas, incluíndo pequenos detalles identificativos.

Flora ibérica recolle a feitura das brácteas e as diferentes medidas como chave no xénero Romulea. No caso de Romulea columnae as anteras rondarían, polo común, entre os 2 e 2,5mm de lonxitude (puidendo ir dende 1,6mm a 3mm de lonxitude en casos puntuais), así tamén as pólas estilares non sobrepasarían, en nengún caso as anteras da flor. Os datos visuais recolleitos “in situ” indicaban que nos atopabamos ante esa especie, xa que as pólas estilares non sobrepasaban as anteras e estas medían (en varios exemplares) 2mm de lonxitude.

Ate aquí semellaba todo claro, mais unha observación recente dalguén sobre unhas aberiotas similares noutro punto costeiro galego, fíxome decatar de que a chave de Flora Ibérica non era infalible en tódolos casos. Como na mesma publicación do CSIC se indicaba con respecto a Romulea bulbocodium, dábanse nesta outra especie casos de “xinodioecia”, nos que, as flores funcionalmente femininas presentan o perianto algo menor que os das flores hermafroditas, anteras de 2 a 2,5mm e estigmas pouco máis longos que as anteras. Tamén o Padre Merino apuntaba a unha variante “debilis” para Romulea bulbocodium (Romulea uliginosa no texto) Polo que non todo aquilo, con anteras pequenas tiña porque ser Romulea columnae. Como saír entón de dúbidas? Pois voltando ao traballo do Padre Manuel Laínz, onde se falaba das pilosidades da base dos estames (algo só apreciable en vivo), ou ao Padre Baltasar Merino e a súa magna obra “Flora Descriptiva e Ilustrada de Galicia”, onde diferenciaba claramente entre Romulea uliginosa (Romulea bulbocodium) e Romulea coronata (Romulea columnae) pola feitura e túnica do tubérculo: tubérculo provisto de escamas coriaceas de cor castaña = Romulea bulbocodium; tubérculo cuberto de túnica acastañada = Romulea columnae. Diferenzas apreciables nas fotografías superiores e que dan conta de que o atopado en Caminha era Romulea columnae.

Pero había algo máis, non só esta viaxe levárame a fotografar e recoller prego (SANT_69625) desta pequena aberiota nunha nova poboación para Portugal, tan perto da Galiza. A pesares de existir citas de Romulea ramiflora no litoral da Ría de Arousa, Flora Ibérica non recollía estas poboacións galegas (aínda que tampouco recollía Romulea columnae na beira portuguesa do Miño). Polo que, sobre todo por aparecer citada moito máis ao sur, no litoral portugués, non pensaba eu en atopala polo momento. Afortunadamente estaba enganado e será obxecto dun novo artigo para esta web. Romulea ramiflora, aínda que en moito menor número que Romulea columnae, aparece tamén no esteiro do Miño, nos dous lados do río que nos une cos irmáns portugueses.

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.