Na procura das aberiotas da raia: 2 – Romulea ramiflora Ten.

Como comentaba no anterior artigo, a observación dalgunhas aberiotas estrañas entre o conxunto das poboacións de Romulea columnae do esteiro do Miño, leváronme a facer certas comprobacións para logo, determinar con claridade, que se trataba de Romulea ramiflora Ten. subsp. ramiflora. Aínda que posiblemente citada polo Padre Merino como Romulea tenella e polo seu coetáneo portugués Gonçalo Sampaio, pasa desapercibida para Flora Ibérica no tocante á Galiza e polo portal portugués Flora-on no tocante á costa norte de Portugal. Atopámonos pois, ante unha nova especie para esta area xeográfica (Galiza-Minho), e posiblemente, unha reaparición da cita do Padre Merino no tocante aos exemplares galegos. Ao contrario que Romulea columnae, Romulea ramiflora, non aparece tan numerosa na beira portuguesa. A carón da nova poboación de Romulea columnae da que falabamos no anterior artigo, só puiden contabilizar tres exemplares* desta outra especie (algo que entendo fai inviable a recolleita de prego de herbario, para non propiciar a súa desaparición).

Nesa anterior entrada, falabamos de que esas pequenas aberiotas, pechaban coa desaparición da luz solar directa, polo que se facía difícil a súa observación en momentos tardíos do día ou ante a aparición fugaz dunha nube. Así pois, foi á volta de fotografa-las Neotinea maculata cando paramos xunto ás Romulea columnae para face-lo propio. Nese momento, có ceo algo nuboso, non era doado atopar ningunha aberta, polo que fotografei os escasos exemplares que se atopaban ou abertos ou a medio abrir do que pensaba que se trataba da mesma especie da que fixera a medición das anteras, determinante para a súa catalogación. 

Non foi ate uns días despois, ao comproba-las fotografías realizadas en dúas visitas ao lugar, así como tamén fotografías remitidas polo membro de ANABAM Agustín Ferreira Lorenzo , dunha posible poboación galega (trabucada con Romulea bulbocodium con anterioridade), podíase apreciar que non cadraban coa especie referida en certos detalles, como o aspecto da planta, o tipo de bracteola, ou no máis importante dos dados descritos, o tamaño das anteras. Pero tampouco coincidían eses parámetros coas outras dúas especies galegas do xénero, R.clusiana e R.bulbocodium.

Unha posterior visita ao lugar, e unha comprobación minuciosa de tódolos detalles clarificadores, determinou, que aínda que en número moi escaso (apenas tres exemplares a cada lado do Miño) nos atopabamos ante Romulea ramiflora Ten. subsp. ramiflora. Algo que, posiblemente citado por Merino no lado galego, como Romulea tenella Sampaio var. purpurea pasase desapercibido ate os nosos días por outros estudosos da botánica como  Manuel Laínz, do que falabamos fai escasos días no tocante ás Romulea columnae do esteiro do Miño.

O equívoco, en anteriores visitas, viña dado, pola escasa presenza deste taxon entre os numerosos exemplares de Romulea columnae, cos que compartía unhas pólas estilares que non sobrepasaban as anteras, aínda que neste caso (medidas logo por min no lado portugués e por Agustín Ferreira no galego) sobrepasaban o tamaño determinado para R.columnae con 4mm de lonxitude. Tamén a bracteola (escariosa no tocante á R.columnae) amosábase herbácea cun estreito marxe escarioso en R.ramiflora, un periantio de case que o triplo de tamaño, así como uns tépalos purpúreos e moito máis longos e agudos que na especie precedente, o que fixo que nunha segunda visita ao lugar resultase esta especie sospeitosamente “diferente” das outras aberiotas que se ollaban nos seus arredores e que nos amosan, que no tocante a especies vexetais aínda quedan cousas por rexistrar no noso país.

*Nota de 2015: neste 2015 en prospeccións realizadas nas dúas marxes do Miño (Caminha e A Guarda), semella que as dúas poboacións son maiores do que pensabamos, e contan con varios centos de exemplares, comezando a súa floración durante o mes de febreiro.

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.