Estalote marelo (Digitalis thapsi L.), unha nova especie para a flora galega

Cando falamos de novas incorporacións á flora dun territorio, débese a dúas causas. Ou ben á acción humana na súa interacción co medio, dispersando sementes de especies alóctonas. Ou tamén, pero con menor frecuencia, a que unha especie formase parte da flora dese lugar pero non fose catalogada con anterioridade pola falla de estudos botánicos rigorosos. Ese segundo caso é o que nos ocupa. Pola súa situación e distribución no territorio galego, Digitalis thapsi L.  puido pasar desapercibida para a ciencia ate os nosos días, ante a falla de estudios botánicos nesa zona, estremeira con Zamora e Trás-os-Montes, lugares nos que está catalogada a especie, aínda que ben ao sur, na área próxima ao río Douro.

O estalote marelo ou pegañento (Digitalis thapsi) é unha especie similar aos coñecidos como croques, estalotes ou dedaleiras (Digitalis purpurea), que aparecen por toda a nosa xeografía. As principaís diferenzas atópanse na súa aparición en fendas graníticas, en troques de lugares frescos, nun tamaño máis pequeno, na feitura ovalada ou lanceolada das follas, que lle dan unha aparencia máis estilizada e, sobor de todo, a estar totalmente recuberta de pelos glandulosos, dunha secreción marela, o que lle outorga esa coloración e ese tacto pegañento tan característico.

Foi no Concello de A Mezquita (Ourense), a 1.000 m.s.n.m., onde atopei a primeira das poboacións galegas da especie. Ao voltar das veciñas terras transmontanas, uns pequenos estalotes, de tons marelos, chamaron a miña atención, polo que detiven o coche. Logo de achegarme, decateime de que non se trataba da especie común na nosa terra, Digitalis purpurea, senón que podía tratarse doutra especie. Un rápido exame, permitía comprobar que estes pequenos estalotes, que medraban directamente sobre fendas ou mesmo sobre os escasos chans, chamados esqueléticos, que aparecen sobre rochas graníticas, tiñan certas peculiaridades.

Uns días despois, decidín recoller, de camiño ao lugar, un estalote común e facer unha comparativa in-situ entre ámbalas dúas especies. Aínda que na localización non aparecía, si era doado atopar estalotes coas características de Digitalis purpurea, a menos de un quilómetro de distancia. Postas unha especie a carón da outra, as  diferenzas facíanse máis evidentes. O maior tamaño da planta e follas no estalote común. A súa cor, que ía dende o verde escuro de D. purpurea ao verde pistacho de D. thapsi. O tacto suave das pilosidades de Digitalis purpurea fronte ao pegañento, semellante ao visgo, de Digitalis thapsi.

Estes pelos glandulosos, son empregados pola planta  para protexerse dos pulgóns e outras pragas que si lle afectan a outras especies. Semella, por estudos realizados en plantas do centro-occidente da Península Ibérica, de onde se supón que é endémica, que as propiedades tóxicas da Digitalis purpurea, empregadas para afeccións cardíacas, multiplícanse no caso desta nova especie galega, especialmente nesas secrecións. Pero aínda que evidentes ao tacto, non é senón con varios aumentos ópticos, como podemos visualizar estes pelos glandulosos que cobren ao estalote marelo na súa totalidade.

Nun principio semellaba que non aparecía máis que esta pequena poboación da Mezquita, composta por uns trinta exemplares nun lugar claramente afectado por incendios forestais reiterados, e separada do groso poboacional da especie, que se atopa no sistema central ibérico. Pero xa foron atopadas por min varias poboacións máis desta nova especie galega, a escasos quilómetros do lugar, en rochedos graníticos do L.I.C. de Pena Trevinca, a altitudes entre os 1.200 e 1.500m.s.n.m., sendo neste lugar que atópase mellor conservada a especie.

 Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.