Nova localización para o afroixón (Narcissus asturiensis) no Barbanza

A primeiros de este ano 2011, mentres me dedicaba a fotografar as diferentes clases de narcisos galegos, xurdiume unha dúbida sobre a posibilidade de atopar unha nova localización para o máis pequeno dos narcisos, o afroixón (Narcissus asturiensis). A especie, que medra decote en turbeiras con pasteiros de montaña, endémica do noroeste peninsular, non fora descrita ate o de agora como propia da Serra do Barbanza. As súas localizacións máis próximas se atopaban no Monte do Castelo (Coristanco – Santa Comba) ou algunha planta atopada xunto ao río Traba (Noia).

A sorpresa xurdiu cando ollei algunha foto de Narcissus asturiensis, cunha ambigua referencia á súa localización e data, rezaba así: “Narcissus asturiensis a orillas del rio Pedras” e a data era totalmente ilóxica “06-05-2005”. Había detalles que non cadraban como a floración dun afroixón no mes de maio (moi tardía), ou a súa presenza a tan baixa altitude, xa que o río Barbanza só recibe o nome de “Río das Pedras” a baixa altura, ó seu paso polo Concello de Pobra do Caramiñal.

A dúbida había que resolvela, si existía algunha poboación residual de afroixóns a baixa altitude, terían que atoparse aló por arrastres de sementes dende os cumios do Barbanza, onde tiña que atoparse a poboación principal. Todo cadraba, o río que logo se convertía no Pedras, transcorría, no seu nacemento, a traveso das turbeiras coñecidas como Chans do Barbanza, o lugar idóneo para a localización desta pequena planta. Pero había que agardar ás datas óptimas para a especie, que non eran outras que as que ían dende finais de febreiro, ate mediados de marzo.

A primeiros de marzo de 2011, xunto con Antonio Parada Mariño, naturalista e fotógrafo, que fora quen descubrira comigo unha nova especie para a flora galega (Barlia robertiana), decidimos subir ó Barbanza a comprobar si as suposicións eran válidas. O primeiro paso sería comproba-las marxes do río Barbanza nun lugar ao que é ben doado chegar, a ponte da Portela. Alí foi onde nos sorprendeu gratamente, a aparición, antes de baixar do coche, dalgunha pequena planta amarela. Tratábase, como non podía ser menos, que do afroixón (Narcissus asturiensis).

O paso previo estaba dado, atopar unha poboación de afroixóns na Serra do Barbanza, xa que tratábase esta dunha nova localización para a especie. Agora había que ver ate que punto era abondosa esta planta nese lugar. Seguindo primeiro as marxes do río Barbanza e logo as do seu afluente o rego das Bestas, comprobamos que aparecía con regularidade este narciso, pero que non era moi abondoso. Non foi ate internarnos nos pasteiros dos Chans do Barbanza cando comprobamos o excelente estado no que se atopaba esta gran poboación de Narcissus asturiensis, que contaba, só no triángulo formado entre o Monte Barbanza, o rego das bestas e a ponte da Portela (nos Concellos de Boiro e Pobra do Caramiñal), con milleiros de exemplares.

A petición do amigo e profesor de botánica Íñigo Pulgar Sañudo, recolleuse un exemplar completo para prego de herbario, que foi depositado na USC para a súa posterior cita e clasificación, que será publicada en breve.

Como xa dicíamos nun post anterior, existen hoxe varias ameazas reais a curto prazo para esta magnífica poboación do Narcissus asturiensis, planta clasificada coma “vulnerable” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas” e enmarcada no “anexo II” da “Directiva Hábitats” da Unión Europea, entre elas a próxima localización dun novo parque eólico na zona ou a xa habitual conducción de vehículos 4×4 ou de motos de trial, que poden danar irremediablemente as fráxiles turbeiras do Barbanza, unha zona, que por estes e outros valores naturais, debera estar protexida.

 

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.