Información

Non quixera dar lugar a equívocos ós visitantes desta web, polo que cómpre unha pequena explicación. Xa van aló 10 anos dende a aparición desta páxina (2001) que tivo, cando menos, tres reestruturacións. Este proxecto persoal, comezou como un modesto xornal de información ambiental, no que, ó longo de case que 6 anos, e con varias colaboracións (Manu Polo, Íñigo Pulgar, Marcos Caruncho ou Pablo García), informamos, a traveso do xornal propiamente dito, ou do blogue asociado (Augas abaixo), da actualidade ambiental na Galiza. Logo disto, produciuse un parón de dous anos pola falla de colaboracións e outros proxectos persoais nos que eu mesmo andaba embarcado, e unha nova andaina xa ligada a fotografías persoais do autor, que durou pouco tempo. Logo destas etapas veu a actual, que agardo sexa a definitiva.

O meu nome é Xermán García Romai. Aínda que nacín en 1972 en Ribeira (A Coruña), xa vai por 10 anos que vivo en Santiago de Compostela. Non son especialista na materia, no senso de que a miña educación universitaria non pasa pola bioloxía. Estudei Xornalismo na USC e Dereito na UNED, sendo o estudo da natureza e a súa fotografía, máis un pasatempo, aínda que lle dedique moitas horas, que unha area disciplinar da miña educación académica. Diría que son, como aqueles naturalistas de séculos pasados, un curioso que simplemente intenta dar resposta a todo aquilo que nos arrodea, comezando polas relacións que se dan no medio natural e o coñecemento das especies.

No momento actual, e xa asumido o novo papel a xogar con esta páxina, decidín uns puntos básicos de partida para esta nova andaina de Natureza Dixital:

–        O coñecemento das especies, en especial as máis ameazadas: Nesta andaina de Natureza Dixital, pretendo achegar ó público xeral ó coñecemento das especies galegas, tanto animais coma vexetais, especialmente no tocante a especies ameazadas. Debera ser a administración a que se encargase disto pero, a educación ambiental non vai neste país máis aló que poñer paneis informativos nos que se faga un compendio de especies presentes no lugar. Existe unha máxima que di: “para protexer é preciso coñecer”. Natureza Dixital pretende achegar estes coñecementos ó público galego, tanto ó iniciado coma ó non iniciado na materia, empregando atractivas imaxes e unha linguaxe accesible para calquera persoa, fuxindo de tecnicismos pero respectando, ó mesmo tempo, o rigor científico. Que non pense o lector (ou a lectora) que este vai ser un lugar de referencia para clasificar especies. Natureza dixital non é unha guía de campo, non pretendo dar claves para distinguir especies, senón achegalas dende unha óptica persoal ou de actualidade. Para iso, axúntanse en cada entrada ligazóns concretas onde afondar máis no coñecemento destas especies.

 

–        O galego como lingua: Para os naturalistas galegos é moi difícil atopar traballos de bioloxía en galego, xa non digamos para o público xeral. Polo que moitos de nós vémonos obrigados a aprende-los nomes das nosas especies en español ou na súa nomenclatura científica (latín). A ausencia de guías de campo en galego ou, salvo excepcións, de baixa calidade (en ilustracións ou falla de nomes vernáculos), fai que teñamos que recorrer en demasiadas ocasións a guías en lingua española ou inglesa. Por iso, dende Natureza Dixital, pretendo dar a coñecer os nomes vernáculos das especies que nos arrodean, empregando, cando exista dito nome, a nomenclatura galega, e de non se-lo caso (pola súa inexistencia), empregarei a científica.

 Un saúdo e agardo que Natureza Dixital cumpra as túas expectativas.

Enderezo de contacto: info(arroba)naturezadixital.com