Manuel Polo Aparisi

O anelamento científico de aves

Anelamento de fulepa acuática. Foto: Xermán G. Romai


Manu Polo.-A conservación da natureza plantéxase coma un dos grandes retos do século XXI. Este reto faise especialmente difícil pola existencia de factores económicos e sociais que conflúen na súa contra, e pola escaseza de coñecementos científicos sobre dos que cimentar esta conservación.

Neste contexto, debulla-la natureza nas súas comunidades de animais e plantas e, dentro destas, nos seus elementos máis básicos, plantexa grandes problemas de complexidade, de recursos humanos e económicos, etc., fora do alcance dos investigadores. Porén, nos últimos anos, estase prestando especial atención ó estudo dos bioindicadores, elementos da natureza que, por si mesmos, poden aportar información precisa sobre a situación de todo o enramado natural.

Un dos bioindicadores máis empregados hoxe en día é o grupo das aves. Varias son as razóns para isto, por exemplo:


a) son un grupo de sinxela detección, cuxa observación plantexa menos dificultades que outros grupos de animais e plantas;

b) están presentes en practicamente tódolos ecosistemas naturais, repetíndose en moitas ocasións os mesmos elementos ou especies ecolóxicas, acumulando os factores adversos que se producen no ecosistema;

c) as aves ocupan os engarces máis altos nas pirámides ecolóxicas, acumulando os factores adversos que se producen no ecosistema;

d) a súa popularidade en países anglosaxóns motivou un nivel de coñecementos moi superior ó de calquera outro grupo, animal ou vexetal, sendo na actualidade moi coñecidos moitos aspectos da súa bioloxía, ecoloxía e conservación.

Manuel Polo Aparisi.

Biólogo e educador ambiental. Participou en diversos estudos de conservación de aves na Comunidade Valenciana, entre eles o da garza imperial, a aguia perdiceira, o carrán mallón e o voitre branco. É membro da “Sociedad Española de Ornitología” (SEO) e do “Institut Català d´Ornitología” (ICO). Anelador experto e coordinador do grupo de anelamento “Llebeig de l´Albufera”, actualmente traballa en Galiza facendo un seguimento de aves en Corrubedo para Terranova e a Fundación Arao.


"Só a captura da ave por medios inocuos pode garantir unha análise eficaz de moitos aspectos da vida das aves"

Anelamento de azulenta común. Foto: Xermán G. Romai


Aínda que o estudo das aves, como xa se dixera, plantexa menos dificultades que o de outros grupos, a observación directa só proporciona un pull de coñecementos limitado, parcial e, en ocasións, sesgado, que podería ser subsanado, por exemplo, mediante o estudo das aves directamente na man. Pero esta posibilidade, pola súa capacidade para voar e fuxir do observador, e case que sempre imposible. Só a captura da ave por medios inocuos, o seu estudo en man e posterior liberación nas mesmas condicións de saúde, pode garantir unha análise eficaz de moitos aspectos da vida das aves e, por extensión, dos hábitats que ocupan. Esta é a base do anelamento científico.

Aínda que o ser humano leva marcando aves con diversos métodos dende fai máis de dous mil anos, os primeiros anelamentos con carácter científico remóntanse a fins do século XIX. Foi polo ano 1884 cando o danés Mortensen comezou a marcar unha poboación do abondoso estorniño pinto con pequenos aros de metal que diferenciaban individualmente cada exemplar.


"O animal levará o anel o resto da súa vida, resultando inocuo para a súa supervivencia"

 

 

 

Azulenta común. Foto: Xermán G. Romai


Dende aqueles primeiros pasos, esta actividade foi evolucionando, tanto en medios técnicos coma en preparación dos aneladores, sendo na actualidade un dos colectivos que máis coñecementos aporta ó mundo da ornitoloxía. En xeral, o anelamento científico consiste na aplicación dun anel metálico (de aluminio, extremadamente lixeiro) na pata dunha ave. Este anel posúe un código que a fai única, e individualiza cada exemplar marcado. O animal levará o anel o resto da súa vida, resultando inocuo para a súa supervivencia e permitirá, en base a sucesivas capturas do mesmo exemplar, obter información precisa sobre os seus movementos espaciais e temporais, idade, sexo, condición física e diversos aspectos morfolóxicos, ecolóxicos e etolóxicos.

Ate os anos 70, o anelamento xerou principalmente estudios orientados a coñecer as rutas migratorias que empregan as aves nas súas viaxes entre Europa e o continente africano, así coma a desentrañar os mecanismos internos que interveñen en ditos procesos.

Pero a partires da década dos 80, a percepción de que moitas poboacións de aves achábanse en declive, obriga a coordinar programas de seguimento a grande escala, moitos dos cales incorporan o anelamento coma ferramenta básica de estudo.


"a percepción de que moitas poboacións de aves achábanse en declive, obriga a coordinar programas de seguimento a grande escala"

Mazarico mouro anelado. Foto: Xermán G. Romai


Os primeiros proxectos de estas características foron o “Constant Effort Sites” (CES) desenrolado na Grande Bretaña polo “British Trust for Ornithology” (BTO), e o estadounidense “Monitoring Avian Productivity and Survivorship Program” (MAPS), que deron lugar a estudos similares noutros países, coma Suecia, Finlandia, ou Alemaña. A importancia destes proxectos radica en que son estudos a longo prazo, empregan ano tras ano a mesma metodoloxía e, en combinación con outros sistemas de censo ( o “Integrated Population Monitoring” do BTO), permiten obter datos empíricos sobre dinámicas poboacionais, taxas de supervivencia, produtividade, etc.

Coma outros aspectos da ornitoloxía, o anelamento científico chega a España con moito retraso. Inda que os primeiros exemplares se anelaron polo “Museo de Ciencias Naturales Aranzadi” en 1929, non é ata a década dos 50 cando a recentemente creada “Sociedad Española de Ornitología”(SEO) crea a súa Sección de Migración, que máis tarde pasaría a se-lo “Centro de Migración de Aves”(CMA). A incorporación de proxectos de seguimento a longo prazo e aínda máis recente, xa que hai que ir ate mediados os anos 90 para atopa-los primeiros programas que tentan cubrir toda a xeografía española: “programa de Seguimiento de Aves Comunes Reproductoras”(SACRE) e, empregando a marcaxe de aves coma ferramenta, o “Programa de Anillamiento de Especies Reproductoras”(PASER). Máis recentemente, hai que engadir o programa CALIDRIS de estudo da migración de aves limícolas ou o programa TARSO, de recente aplicación.

Nos últimos anos, España entrou a formar parte de algúns dos programas máis cobizosos que se están a levar a cabo no mundo da ornitoloxía: o programa Andoriña de EURING, o “European-African Song Bird Migration Project” e o programa “Piccole Isole” de migración de paseriformes a traveso do Mediterraneo, nos que cada tempada anélanse máis de 200.000 aves no noso país. Paralelamente a esta xénese de información, foron en aumento o número de cursos, xornadas e congresos adicados ó anelamento, coma os Encontros de Aneladores, que xa van pola súa 15ª edición.


"España conta con 700 aneladores en activo, que marcan cada tempada 300.000 paxaros"

Redes de anelamento. Foto: Xermán G. Romai


Na actualidade, España conta con 700 aneladores en activo, que marcan cada tempada 300.000 paxaros. Dada a privilexiada posición xeográfica do noso país no contexto da migración de aves entre Europa e África, anelar aves en España adquire unha especial relevancia. Así, aproximadamente unha de cada 300 aves que atravesa a nosa xeografía durante as súas migracións xa está marcada, o que converte ás rutas migratorias en verdadeiras autoestradas da información. Por outra banda, estimouse que cada inverno recalan en chan ibérico uns 300 millóns de paxaros. Deixando á marxe o estudo das poboacións reprodutoras, moi importante para a conservación das aves ibéricas, o estudo da migración e a invernada no noso país pode aportar un tipo de información que non pode xerarse en países cunha maior tradición ornitolóxica, maior finanzación e maior implicación na conservación da natureza. Neste contexto cabe destacar o labor que se está levando a cabo nalgunhas rexións españolas, por exemplo en Cataluña, onde o “Institut Cátala d´Ornitologia”(ICO) mantén dende fai xa varios anos un programa específico de estudo das súas aves migradoras (programa SYLVIA) e reprodutoras e invernantes (SOCC), ou as “Estaciones de Esfuerzo Constante”(CES) que levan funcionando dende fai unha década en zonas coma La Nava (Palencia), Doñana (Huelva), Las Minas (Madrid), Delta de L´Ebre (Tarragona) ou L´Albufera (Valencia). Aquí habería que engadir, coma integrantes de proxectos internacionais, as estacións “Piccole Isole” de Cabrera e Illa de l´Aire (Baleares), Columbretes (Castellón) o Aigúamolls de l´Empordà (Lleida), entre moitas outras ou as campañas de anelamento feitas no seo do proxecto “Andoriña” de EURING en diversas localidades de Madrid, Sevilla ou Toledo, por citar unhas cantas. En canto ós grupos de aves marcados, tradicionalmente foi o dos paseriformes (os paxaros de pequeno tamaño) o máis estudado, debido á maior facilidade que entraña a súa captura, á súa abundancia e á súa maior popularidade entre os ornitólogos. Outros grupos, coma as mariñas ou as aves acuáticas, practicamente non se anelan no noso país. Destacaremos neste punto as campañas de anelamento de pardelas e paíños que se levan a cabo dende fai dúas décadas en diversos puntos das Illes Balears, o estudo de mergullos en Doñana, o anelamento das colonias de garzas de L´Albufera e o Delta de L´Ebre ou a captura de limícolas nas mariñas de Odiel. En canto a resultados directos, o anelamento converteuse en peza clave para a conservación das áreas de paso da fulepa acuática en España e ás colonias de cría da pardela balear en Mallorca, así como para determina-la distribución da subespecie “lusitanica” da Escribenta das canaveiras, endémica do noroeste peninsular, por citar só algúns casos recentes.


"o anelamento converteuse en peza clave para a conservación das áreas de paso da fulepa acuática en España"


Fulepa acuática.
Foto: Xermán G. Romai


Pero o anelamento, coma outras disciplinas da ciencia, debe adaptarse ós novos tempos. Algunhas das necesidades que se plantexan no futuro son a axilización da burocracia, a mellora das relacións e a comunicación entre os distintos colectivos implicados (aneladores, administración, entidades avaladoras), a mellor preparación dos novos aneladores e a reciclaxe dos máis veteranos, o aumento da participación en programas nacionais e internacionais, a finanzación e o incremento do número de publicacións, estudos e información xerada a partires desta actividade.

Segundo as últimas conclusións do proxecto “Piccole Isole”, de Fernando Spina e Andrea Pilastro, o futuro da conservación das aves europeas pasa por conservar as zonas de paso e de invernada, e non tanto as de cría. Neste contexto España ten moito que dicir ó respecto, e o anelamento pode converterse na ferramenta que nos permita produci-la información precisa para que esa conservación sexa unha realidade.

 

 

 

 

 

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns