48050

Hoxe se “celebra” o día internacional pola seguranza e saúde dos traballadores, tamén, nesta data, cúmprense 10 anos dende a entrada en vigor da lei de prevención de riscos laborais. ¿De qué serve todo isto? A parte de pomposas declaracións institucionais e de xornadas reivindicativas por parte dos sindicatos, de moi pouco.
O ano pasado entre as traballadoras e traballadores galegos houbo un total de 48050 vítimas de accidentes laborais, das que 103 foron mortais. Esta mesma mañá, dúas persoas, veñen de sufrir un accidente laboral nunha depuradora de marisco (unha delas de gravidade).
¿E qué acontece namentres? O presidente da Xunta de Galicia ven de facer unha declaración institucional, na que se amosa partidario da creación dun pacto pola seguranza laboral que “comprometa a todas e a todos”. E, serei eu escéptico pero, ¿non son esas palabras baleiras? ¿ou realmente agardan darlles contido?
Ate o de agora, no que respecta á administración galega, non se está a cumprir a lei de prevención de riscos, e os organismos mediadores coma son os comités de seguranza e saúde, non funcionan como tales. Eu, que son delegado de prevención do comité de seguranza e saúde da Consellería de Medio Ambiente, tiven que denunciar ante a autoridade laboral as condicións de traballo do persoal desta Consellería, na recolleita de aves, para que se cumprise a lei de prevención, xa que o comité de seguranza desta Consellería, non se reunía dende o momento da súa constitución. E, se a Xunta de Galicia non cumpre a lei, ¿está capacitada moralmente para facerlla cumprir ás empresas?
Como traballador, e como traballador que sufrín no seu día a sinestralidade laboral, sendo un dos máis de 1000 intoxicados por exposición prolongada ó fuel do Prestige (dos que ninguén fala nin falará nunca), loitarei por que se cumpran as medidas de prevención no posto de traballo.
Agardemos que as declaracións de hoxe non sexan palabras baleiras.
¡Por un traballo digno!



2 Comments:
Benvido ao mundo dos blogos.
Un saudo.
Grazas acedre, interesante o teu blogue.
Postar um comentário
<< Home