Quarta-feira, Abril 26, 2006

Vinte anos...


“Vinte anos non é nada...” non é só unha estrofa dun tango, hoxe se cumpren vinte anos do maior desastre nuclear da historia, a explosión do reactor número catro de Chernóbil.

E hoxe tamén semella que o tempo pasado non conduce a ningures, vinte anos despois aínda se descoñece o número real de mortos e enfermos que provocou esta explosión.

A guerra de cifras está aberta. Das 59 vítimas mortais que certifica a ONU ás 200.000 que conta a organización ecoloxista Greenpeace media un abismo. ¿Porqué tras vinte anos non se conta a verdade do acontecido?

Nesta guerra de cifras alguén minte interesadamente. O desastre de Chernóbil, provocou unha nube radioactiva que asolou grande parte de Europa. A explosión foi máis de dez veces superior á do xenocidio das bombas atómicas de Hiroshima e Nagashaki, onde se contabilizaron máis de 200.000 mortos. Máis do 40% do territorio europeo permanece hoxe en día contaminado. Non foi un caso restrinxido á antiga URSS (Rusia, Bielorrusia, e sobre todo Ucraina...), países como Austria se viron, e se ven, fortemente contaminados. ¿E tras destas cifras a ONU só confirma 59 mortos e 4.000 posibles vítimas nos próximos anos?

O certo é que a ONU basea estes dados nas análises efectuadas ós “liquidadores”: bombeiros, militares e forzas da orde que traballaron na sufocación do reactor catro de Chernóbil. Descartando, deste xeito, ós milleiros de cidadáns europeos que se viron afectados pola maior catástrofe ecolóxica da historia.

Dentro duns días pechará definitivamente a central nuclear de Zorita, e algúns países seguen a manter a porta aberta a instalación de novas centrais. ¿Ata cándo?