Quinta-feira, Maio 18, 2006

Cassitérides

No día das letras galegas non me decantei por un libro de poemas ou unha novela en galego coma debería ser de xustiza. Comecei a mirar un libro que me regalaron fai uns días: A Romanización de Galicia, de Felipe Arias Vilas, editado por A Nosa Terra (1992).

A historia e a prehistoria na Galiza son temas que me apaixonan, e non son poucas as ocasións nas que teño atopado algún resto arqueolóxico nas miñas andainas polos montes galegos.

Pero imos ó que imos... Neste libro que teño agora diante, no capítulo que fala dos primeiros contactos e expedicións romanas, atopo algo que xa case que tiña esquecido.

Conta Felipe Arias que, no século I a.C. co gallo da expedición de Publio Craso, é cando se acentúa o interese económico polo N.O. peninsular. Este interese ven dado polas explotacións de Estaño e Chumbo das illas Cassitérides, cuxa ubicación, sempre discutida, serían as illas atlánticas (Ons, Cíes, Sálvora...) e tamén parte do litoral.

Fai un ano, nunha visita ó Grove, unha amiga me comentou a existencia dunhas minas romanas, nas que poderíamos atopar algún morcego que fotografar.

Estas descoñecidas minas estaban sen explorar, e os seus recentes descubridores, non chegaran moito máis aló da estreita entrada da cova, que semellaba a tobeira dun animal e pola que había que acceder a catro patas. Foi ese día no que, vencendo a miña aversión atávica ás covas, chegamos ó final da mina, 250m máis aló da súa entrada.

Agora, pasado un ano, penso que acceder reptando a unha cova impresiona, pero acceder e palpar 2100 anos de historia esquecida moito máis.