Domingo, Junho 25, 2006

ADEGA demanda unha mellor protección en Corrubedo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a traveso dun artigo publicado na súa web co título “Corrubedo na encrucillada”, sae ó paso da polémica desatada pola eliminación da pasarela da Duna Móbil.

Para ADEGA, O complexo húmido de Corrubedo atópase na encrucillada de seguir sendo un espazo representativo para a conservación da diversidade natural galega ou converterse nun entorno onde, como en tantos outros, estanse a perder os seus valores naturais a maior gloria do turismo masificado e a especulación urbanístico-industrial. ADEGA demanda das administracións medidas urxentes baseadas en criterios científicos e conservacionistas, e que ao mesmo tempo, permitan conxugar a protección coa xeración de oportunidades para a poboación local.

Así mesmo, ameazas como as piscifactorías de Couso (Aguiño) e Punta dos Corvos (Corrubedo), a crecente presión urbanística e as agresións como os continuos vertidos de industrias e granxas do polígono da Graña e Couso (Aguiño) agora denunciados pola fiscalía, os efluentes da propia "depuradora" de Artes, ou as canteiras de Casalnovo (Artes) no límite do PN, a planta de áridos de Bretal, etc. comprometen gravemente a viabilidade ambiental deste espazo.

ADEGA denuncia ademais que a pesares de levar transcorridos 14 anos dende a declaración deste espazo coma Parque Natural, non exista aínda un Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX), elemento imprescindible para a correcta xestión das súas áreas naturais. Sen un PRUX, non existen garantías de que a protección e a conservación deste espazo sexan efectivas. Por outro lado, a inexistencia deste Plano Reitor dá pé á inseguridade dos propietarios, pois que se admita ou non unha iniciativa, depende de decisións moi concretas e talvez discrecionais da Consellería, dentro dunha normativa moi básica que xa existe. Pois ben, aparte do irregular retraso na realización e aplicación deste Plan encontrámonos que a día de hoxe, xuño de 2006, a Consellería de Medio Ambiente aínda non nomeou o novo Director da Xunta Consultiva, órgano elemental na comunicación entre a Xunta e as comunidades locais.

ADEGA demanda alén da eliminación das ameazas máis inmediatas que poñen en perigo conservación deste espazo: as piscifactorías de Couso e Punta dos Corvos, a presión urbanística, o impacto visual e ambiental das actividades das canteiras e polígonos industriais, cos seus continuos vertidos até o de agora impunes, e esixe tamén un compromiso das administracións coas conseguintes partidas orzamentarias para estimular as oportunidades de desenvolvemento sustentábel para a poboación local, até o de agora inxustamente esquecida.