Sexta-feira, Junho 16, 2006

Herba de estoque, Gladiolus illyricus e Gladiolus italicus

Fai un ano, causoume sorpresa atopar nun monte de Negreira unha pequena planta á que me acheguei pensando que se trataba dunha orquídea. Tras vela amodo e facer unhas fotos, caín na conta das diferenzas, e tras consultar (primeiro nunha guía, e logo para saír de dúbidas con Íñigo Pulgar, amigo e profesor de botánica) quedou claro que se trataba do pequeno gladíolo do monte ou herba de estoque, concretamente do Gladiolus illyricus. Unha planta que descoñecía por completo e que hoxe sei que inda que é escasa non é raro atopala en Galiza.

Isto foi a finais do mes de xullo do ano pasado, cando esta planta xa estaba rematando o seu ciclo anual, de aí que só atopara escasos exemplares na zona, concretamente en Liñaio, Lueiro e Lobios (Negreira).

Case un ano despois, atopei algúns exemplares nos montes entre Carral e Meirama, e bastantes preto de Porqueira (Negreira). Pero algo me chamou a atención. Na zona de Sta. Mª de Roo (Noia), do outro lado do Tambre, é abondoso outro gladíolo algo maior (sobre todo nas súas follas) e máis descoñecido en Galiza, o Gladiolus italicus que é o que está a polinizar o abellón da foto.