Segunda-feira, Junho 26, 2006

A lontra e o pescador

O título deste post semella o de unha fábula ou un conto infantil, pero non, é un feito daqueles que se din verídicos.

Para moitos é sabido que a lontra (Lutra lutra) está a pasar unha etapa de expansión na Galiza. De aí as aparicións cada vez máis frecuentes nas vilas galegas, a pleno día, e sen inmutarse da presenza de curiosos. Así xa é frecuente velas na vila de Noia (desembocadura do Traba), ou por exemplo (e xa no mar) no porto de Ribeira ou no de Cedeira. Pero así como é frecuente velas en algúns ríos coma o Tambre, o comportamento que observei onte me deixou abraiado.

Me atopaba á tardiña falando cun pescador que apuraba xa os últimos lances, cando vin que pola rocha na que el estaba pescando se lle achegou algo que semellaba un can... ou iso foi o que pensei, crédulo de min... ate que caín na conta de que o animal que estaba a ulir ó pescador (a escasos centímetros) era unha lontra. Quedei abraiado coa curiosidade deste fermoso animal, que tamén deixou de pedra ó pescador no momento que tralo meu aviso volteouse a mira-lo que tiña ás costas. A lontra, sen máis, deslizouse pola rocha e marchou río arriba, onde a agardaba a súa parella. ¿Estaría a lontra a examina-lo seu competidor?