Polas terras da Raíña Lupa
Hoxe foi un día dos que apetece dar un paseo, e que paseo mellor que preto do Sar, aló onde tiña o seu Castelum (Castro) a Raíña Lupa. O Monte Lupario é o nome do monte onde aínda se pode observa-lo que queda do Castro Lupario, aquel lugar onde di a lenda que chegaron os portadores dos restos do apóstolo Santiago.
Estes portadores foron pedirlle á raíña, de nome Lupa (loba), un lugar para o repouso do corpo do apóstolo.
¿Qué hai de lenda, e qué hai de certo? Quen o sabe, o certo é que o Castro Lupario existe. Atópase entre os concellos de Teo, Rois e Brión, entre as aldeas de Rúa de Francos (Teo), O Faramello (Rois) e Beca (Brión).
Segundo a lenda, a Raíña Lupa accede á petición dos discípulos do apóstolo, de aí que sexa enterrado no Campus Stelae (Compostela). Iso si, logo de unha aventura cunha grande cóbrega que había nunha cova do Monte Illicino (Pico Sacro) e que destruíron só facendo o signo da cruz. Lenda ou non pode dar conta das grandes extensións de territorio que dominaba a Raíña Lupa, e tamén nos pode indicar de que tempos ven o matriarcado coma forma social tan asentada na Galiza.
Rúa de Francos nembargante, fai referencia ó camiño, que nesta parte é a pé do castro, debía seguir a antiga vía romana que aparece na foto superior, onde aínda segue o arco da antiga ponte romana. Tamén en Rúa de Francos podemos ver o peculiar cruceiro que se ve na foto inferior, de corte gótico, e cuxo pedestal lembra moito a forma dunha pedra fita ou menhir. Incluso se pode apreciar algún petroglifo neste pedestal, coma acontece no menhir de Cristal (Olveira - Ribeira).



0 Comments:
Postar um comentário
<< Home