Domingo, Junho 18, 2006

Veciños e propietarios do Parque Natural de Corrubedo maniféstanse hoxe contra as novas prohibicións no Parque

Esta tarde pasada me contaron veciños de Olveira (Ribeira), que xunto con propietarios de terreos do Parque Natural, manifestaranse hoxe domingo, ás 18h no aparcadoiro das dunas contra as novas prohibicións que se están a dar no Parque Natural de Corrubedo, en especial á que afecta ó paso de visitantes á duna móbil.

Dende fai unhas semanas, persoal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, comezou a levanta-la pasarela de madeira que servía de camiño sobre a duna móbil, na zona de Campos de Olveira, na Ribeirense parroquia de Olveira. En principio este feito pasou desapercibido para os visitantes, que crían que se trataba de melloras no acondicionamento do lugar, algo habitual de cara ó verán. Pero a súa sorpresa foi cando tentaban chegar ó lugar, un grupo de persoas contratadas coma “informadoras” daban cada día unha versión distinta: “...é que hai arañas nas dunas...”, “...está prohibido...”, “...hai que ir polo outro lado...” ou incluso “...a duna está en obras...”, caso este no que algún visitante pensou “...se esta é a area para a obra, o día que traian o cemento vai se-la hostia...”, maquinando sobre se Corrubedo quedaría libre da cobiza construtora do litoral ou sería aquí o novo Algarrobico.

A verdade e que facía case que un ano que non me daba un paseo polo Parque Natural, e había certas cousas que si mudaran. Deso me daban conta algún dos veciños convocantes da manifestación cos que estiven falando un anaco.

Para Luís, veciño de Olveira, os estan privando de algo fundamental, como é a función de recreo e esparcemento que debe ter entre as súas prioridades un parque natural, “eso si, respectando a conservación da zona, por suposto”.

“Dende logo o uso e desfrute dun espazo natural é algo que debe ser xestionado pero non ditado, así como as medidas de conservación a tomar. Fai máis dun ano que non se reúne a Xunta Rectora do Parque, dende a demisión do seu anterior Presidente, e dende logo, non se poden tomar medidas tan restritivas como esta sen contar cun órgano de xestión e participación social como este” -me conta unha propietaria de terreos do Parque.

E a verdade é que non lles falta razón, ¿é esta a nova política do departamento autonómico?

O Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (que así reza o seu nome completo), foi declarado o 5 de xuño de 1992, coincidindo co galo do día mundial do medio ambiente, e como documento provisional para a súa execución foi elaborado e publicado o PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais), documento este no que figuran as actividades prohibidas e permitidas dentro do parque, a súa zonificación, así como tamén a xestión do espazo, que lle corresponde á Xunta Rectora. Esta Xunta Rectora é órgano de participación social no que están representados: a Xunta de Galicia, o Concello de Ribeira, as Comunidades de Montes, a Asociación de Propietarios, a Universidade e os grupos ecoloxistas, polo que todo o que deba facerse no Parque debera ser tratado nesta asemblea.

Pero hai tamén un documento indispensable á hora de xestionar un Parque Natural, este é o PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión) documento que segundo a lexislación debera estar redactado e publicado nun prazo de dous anos dende a declaración do espazo, e que a día de hoxe non existe en ningún parque natural galego.

Polo tanto, ¿poden legalmente prohibir de xeito unilateral o acceso peonil á Duna Móbil? Os veciños e propietarios entenden que non.

Ante a falla de un PRUX, que delimite claramente as actividades prohibidas no espazo, e que, antes de ser publicado, debe pasar pola Xunta Rectora e por un proceso de alegacións. Ante a falla do consenso e exposición nunha Xunta Rectora, que non é convocada dende fai un ano. Ante a falla da prohibición explícita no actual PORN do Parque, o cal permite “as actividades recreativas e de esparcemento”, na Duna Móbil. Ante todo iso, e legalmente, ¿quén e cómo pode prohibir subir á Duna Móbil?

Agardemos que alguén de unha explicación coherente nos próximos días, de momento non se está a dar. Hoxe haberá manifestación dos veciños. Ás 18H no aparcadoiro das dunas.