Domingo, Agosto 13, 2006

XA BASTA DE CRIMINALIZAR ÁS BRIGADAS!!!



Xa estou canso de escoitar e leer sandeces e tonterias de todo tipo sobre os incendios forestais, pero non, o conto non ven de agora, levoas oíndo dende o ano 89, cando sendo case un rapaz, comecei a traballar nunha cuadrilla de extinción de incendios no verán, con condicións pésimas (quendas de 24h de guardia que se convertían a veces en 48) e lumes imposibles. Cando non existían apenas medios de extinción e cunha motobomba e unha cuadrilla de tres persoas nos enfrontábamos a lumes que botarían para atrás a calquera.
Pero era novo entón, e a miña mente aínda podía ser sometida ó estrés de quendas e incendios imposibles e ó nulo recoñecemento da poboación á nosa laboura, cando non era entorpecendo o noso traballo.
Pasei 14 anos logo traballando nun Parque Natural, e seguín sometido ( a pesares de non traballar en cuadrillas de incendios) á ditadura do lume no meu traballo, a agardar cada noite, como nas mesmas zonas e ás mesmas horas nos viñan a animar a noite ós fillos da puta dos pirómanos en toda a Barbanza. E seguín vendo coma ninguén apoiaba o noso traballo, como chegando ós incendios que empezaban ó pé das casas, e con todo o vecindario nas fiestras ningén ollara nada, ninguén sabía nada, nunha sorte de lei do silencio que coñecíamos ben. Tampouco colaboraba ninguén, a menos que fora cando o lume non era sinxelo de controlar e se achegaba perigosamente a algunha casa.
E chegou aquel ano 96 que semella xa ninguén lembra, un ano que ardeu Galicia polos catro costados, pero sobre todo na Barbanza, no Morrazo, no Salnés e en Ourense. Os meus compañeiros e máis eu nos enfrontamos á peor experiencia da que me poida lembrar, que foi a de pasar máis de 70h nun mesmo lume, sen durmir, e sen que ninguén nos trouxera auga ou comida, pola descoordinación e a incompetencia, así como a desfeita xeralizada en tódolos lados. Pero nese ano a nosa non foi a peor experiencia, senón a dos compañeiros mortos aló en Ourense, os compañeiros de unha brigada de incendios forestais.
Dende fai anos, tantos como levo traballando a carón dos compañeiros das brigadas de incendios, se fala da trama do lume, se fala tamén de detencións de brigadistas, se fala da existencia de motivacións políticas para que arda o monte, se fala de moitas cousas, pero non se fala de falta de previsión, non se fala de pacto social, non se fala de reunir ós sectores implicados (todos eles) e sentalos nunha mesa para alomenos coñecer a súa opinión, non se fala de coñecer as motivacións dos incendios, non se fala do abandono do rural, non se fala das vinganzas entre paisanos, non se fala da especulación (urbanística e da madeira), non se fala do problema do xabarín e o lobo no agro, non se fala da creación de pastos para o gando mostrenco, das vinganzas entre agricultores de terras baixas e propietarios de gando de terras altas, non se fala da inexistente planificación forestal, non se fala dos dereitos dos traballadores forestais, non se fala de incompetencia dos gobernantes.
Pero sentados na tertulia da televisión ou diante de dúas cervexas nunha terraza da nosa capital galega, e de outros lugares falan os entendidos en tódolos temas, e atopan a teoría da conspiración, porque seica (o dí un matemático e un economista) estes lumes de hoxe teñen unha "tipoloxía diferente". Pasará o lume e os compañeiros de incendios seguirán sen coñecer o seu futuro, si terán algún día unhas condicións de traballo dignas ou si privatizarán o seu servizo e llo darán a TRAGSA que semella é o camiño ó que conduce toda esta tolemia politiqueira que tentaron sementa-los do PP e agora seguen sementando os do BNG e PSOE. Pero claro está, cando remate esta vaga de lumes ninguén se lembrará do persoal de incendios da Xunta de Galicia.
Por certo, para quen non esté enterado, os brigadistas detidos este ano un era un traballador de TRAGSA e outro dunha cuadrilla municipal, ningún era dunha brigada de incendios de Medio Rural (deses desencantados...) e si así fora non lle daría dereito a ninguén a poñer en dúbida a profesionalidade destes traballadores forestais. Do mesmo xeito que cando hai un policía ou un xuíz corrupto, ninguén dí que a policia ou os xuizes atracan ós bancos ou andan coa droga. Ou que os políticos que dín estupideces teñen que ir ó cárcere, porqué senón non habería carcel para tanta morralla e tanta baixeza moral.

SOLIDARIDADE COS TRABALLADORES DE INCENDIOS. ¡DIGNIDADE!

1 Comments:

Anonymous said...

chapeu xermán!!!

A tua introdución recolle con exactitude milimétrica o espíritu dos que deseñaron o díptico e a campaña en favor da dignidade dos traballadores e da sua honorabilidade e en contra da lamentable realidade electoralista que uns (pp) e outros (bng-psoe) están a repetir ano tras ano.

Por unha ciudadanía libre, crítica e non sectarizada.

Saúde e gracias por colgalo no teu blogg. berbés

8/17/2006 8:06 PM  

Postar um comentário

<< Home