Quarta-feira, Setembro 20, 2006

Danos colaterais

Hai danos que non se aprecian ate pasado un tempo. Coa teima dos incendios moitos de nós vimos como non só o monte se queimaba, senón como algún animal morría no intento de fuxir ou fuxía do lume pero ferido de morte.

Así, neses días infernais, unha foto, das varias que fixen durante a vaga de lumes era máis que unha foto. Na fotografía, publicada noutro post, podíase ver un coello co lombo chamuscado buscando acubillo tras dunha xesta queimada. Pero non só era iso, alomenos para min.

Acababa de ver como o coello, tolo pola dor, saíra do lume tropezando coa xente, cego e sen rumbo, ou quizá levaba rumbo, pero o da súa desesperación. Detívose trala xesta queimada, da que só quedaban os pequenos troncos leñosos, e creu, para si e nese momento, que era unha xesta protectora, sen decatarse que, tremendo de dor e ferido de morte, estaba á vista de todo o mundo.

Hoxe, cando xa vai máis dun mes dos terribles lumes de agosto, vin outra escena similar, que é a que ilustra este post. Cando estaba a piques de caer o sol, vimos un raposo á beira da estrada, detivemos o coche estrañados de que non fixera amago de fuxir e quedamos expectantes, vendo que non só non fuxía, senón que se achegaba a nós, como esperando algo. Tirei unhas fotos e o raposo marchou, pero non como marcha o raposo, co trote burlón e habitual, ollándote cada pouco coma xogando contigo. Non, tan só marchaba, co paso cansiño do que coñece a súa sentenza, sen voltar a ollada atrás, ignorando totalmente a estes humanos que o condenaran, e dos que xa non tiña nada que temer.

Logo vin a foto e decateime de que lle pasaba. O seu corpo tiña aínda as secuelas dos últimos incendios, que se notaban sobre todo, na súa orella descarnada e infectada polas queimaduras. Ferida que será, sen dúbida, a súa sentenza de morte.