Holligans de folla de lata
Unha personaxe chamada Roquentín nos amosaba a náusea polo que acontece decote, pola existencia mesma, e porque nada, nada do que nós procuremos para muda-la existencia, ten significado, máis aló da negación da existencia mesma.
Hoxe, a náusea, a mesma náusea que expresaba Sartre, se me amosa tras acende-lo televisor e ver rostros coñecidos, de Aguiño, de Carreira, de Ribeira, aplaudindo ó “canicida” que orgulloso se gaba da complicidade dos seus particulares Holligans, estes que atacan, polo menos verbalmente, a quen cometeu o tremendo “delito” de denuncia-la inimaxinable crueldade do seu veciño o “canicida”.
A náusea esta aí decote, cando menos agardo salta e se me aparece diante. Cando cremos que todo marcha ben decatámonos de que nada e como agardábamos. De que as persoas non son o que pensábamos. De que os intereses fan mudar o comportamento.
O “canicida” é sen dúbida un enfermo, e non dos que teñan cura, pero ¿qué son os seus Holligans? Os Holligans de folla de lata cren que cando se xuntan máis de dez se xuntan moitas neuronas, e que por iso a verdade e a razón está con eles. Pero o único que está con eles é a superioridade, a da protección da tribo.
Os Holligans de folla de lata cren que quen debe pagar co cárcere é o que denunciou a barbarie dun enfermo, quen sofre a convivencia cruel do sen escrúpulos, quen xa é unha vítima esgotada pola convivencia.
Cren iso porque non poden ver máis aló do seu nariz, porque entenden que o “amigo” é o amigo e que hai que perdoarlle todo. O estraño, o que ven de fora, é para eles o “agresor”, o que se mete onde non lle mandan.
“Era unha excelente persoa” é unha frase recorrente que escoitamos acotío nos informativos, e sempre vai adicada ós agresores. Coma se lles custase crer que o seu veciño é quen é, quen atacou ó semellante ou ó diferente. E a veces non o cren, aínda que o vexan cos seus propios ollos non o cren. Porque o seu veciño se comporta con eles agarimosamente, e non saben do outro o veciño, o de portas para dentro, o cruel, o sádico, o asasino.
Federico Real fixo o que tiña que facer, o que faría calquera persoa de ben. ¿E qué recibe coma pagamento? A agresión, o rexeitamento, o manteo público dos necios na sé da xustiza, os insultos, o asasinato do seu amigo, do seu can.
¡Unha aperta Federico, e sobre todo ánimo!



0 Comments:
Postar um comentário
<< Home