Terça-feira, Setembro 19, 2006

Manifestación contra o maltrato animal

Como xa víñamos decindo nos últimos posts deste blogue, o próximo sábado haberá unha manifestación en Ribeira contra o maltrato ós animais. O seguinte é o texto íntegro da convocatoria feita polo Comité Local de Ribeira contra o Maltrato Animal:


MANIFESTACIÓN

CONTRA O MALTRATO AOS ANIMAIS

POLA NON VIOLÉNCIA

Sábado 23 de setembro, 12 h.

Explanada da Estación de Autobuses, Ribeira

O pasado dia 11 de setembro as televisións asombraban ao mundo cunhas imaxes de extrema brutalidade contra un animal indefenso. Estas imaxes convulsionaron as conciéncias de milleiros de persoas non só no Estado Español, senón en toda Europa. A persisténcia aínda hoxe de focos de violéncia e crueldade contra os animais non é nada novo. Desgraciadamente, son frecuentes os casos como éste e como outros, se cadra máis graves, nos que se tortura impunemente a un animal ata a sua morte. Debemos aproveitar o tirón mediático que estas escenas provocan para alzar a voz e esixir dos poderes públicos un xiro copernicano na política de protección dos animais. É realmente triste comprobar cómo se sigue festexando a crueldade coa escusa da tradición, cómo se somete a torturas inxustificadas nos laboratórios e centros universitários, cómo se mantén e se transporta aos animais que logo consumiremos como alimento ou vestimenta e cómo, en definitiva, se desprecia a vida animal. Na actualidade, o mundo vive ao ditado das regras máis absurdas do consumismo desbocado. O 70% da povoación mundial vive no umbral da pobreza ou baixo dél, mentres o 30% restante se preocupa pola sua auto-estima ou por pagar a hipoteca da sua vivenda. Apreciar a vida animal pode contribuir a un mundo máis xusto, pois as persoas poderíamos comprender-nos mellor tan só observando a conduta dos animais. Cans, cabalos, gatos, etc., son hoxe un bálsamo emocional para miles de persoas que encontran neles un refúxio e un estímulo para enfrontar a vida diária. O desenvolvimento da sensibilidade é crucial para resolver muitos conflitos de hoxe, por iso a compañía e o cariño dos animais nos pode axudar a ver máis alá das nosas imperfeccións humanas.

Mais a normalización do respeto aos animais é unha tarefa aínda árdua en algunhas partes do mundo. En Galiza implica abordar un cámbio na lexislación existente e a realización de campañas públicas para denunciar e aillar socialmente ás persoas que maltratan aos animais. No momento presente, tamén se revela importante dar apoio incondicional ás persoas que se atreven a denunciar eses maltratos en entornos desfavorables pola escasa cultura e concienciación social. Por iso, o caso acontecido en Aguiño debe espolear ao vecindário deste lugar, ao de Ribeira, ao do Barbanza e á sociedade galega en xeral para demostrar que non somos como ese exemplar humano que tratou de educar aos seus cans a vareadas, supostamente para que non lle comesen as galiñas.

NON AO MALTRATO AOS ANIMAIS

POLO CÁMBIO DA LEXISLACIÓN DE PROTECCIÓN DOS ANIMAIS

APOIAMOS A DENUNCIA DE AGUIÑO

CONVOCA: Comité Local de Ribeira contra o Maltrato aos Animais