Quarta-feira, Setembro 13, 2006

Nota do Colectivo Ecoloxista do Salnés sobre o estado do Umia

Verquido de fecais na confluenza dos ríos Follente e Umia no lugar de A Tafona (Caldas de Reis). Foto: Xermán G. Romai.


A continuación paso a transcribir a nota de prensa que, sobre o estado do Umia e a catástrofe da Brenntag elaborou o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) e foi xa publicada en Vieiros:

Valoración do Colectivo Ecoloxista do Salnés da catástrofe de Brenntag

O río Umia debe integrarse na xestión do territorio

[08/09/2006 08:46] A verdadeira catástrofe do río Umia, ao igual que todos os ríos e regatos do Salnés, é o xeito no que está a ser tratado e xestionado (como se se tratara dunha cloaca a ceo aberto) como se evidenciou estes días co vertido de Brenntag. O CES considera que esta empresa, ao igual que calquera outra, debería estar ubicada nun polígono industrial ben dotado de medios e de protocolos de actuación ante casos de perigo ás persoas e ao medio.


Ese debería ser a razón de ser dos polígonos, e non as guerras entre os concellos para ver quen ten o polígono máis grande. Así os polígonos, ademais de aportar unha boa infraestructura e rede de comunicacións ao sector empresarial, deben aglutinar as empresas para minimizar o seu impacto no medio (un sistema de depuración de augas conxunto, evitar o impacto visual que ocasiona a dispersión de empresas e naves, plans conxuntos de emerxencias que complementen aos propios de cada empresa, facilitar o control ambiental e sanitario por parte da administracións...).
O Umia leva sufrindo dende anos atrás unha grande cantidade de impactos e vertidos, e sen que o feito de estar falando dun río-arteria que sirve de auga aos concellos do Salnés, pareza que importara nen ao sector empresarial nin ás administracións locais nin autonómicas. Esta situación levou ao Umia a sufrir altas concentracións de fosfatos, canalizacións,, recheos, repetitivos e case periódicos vertidos contaminantes (domésticos e industriais) en distintos puntos do seu cauce (Ribadumia, Cambados,...). A aparición de peixes mortos, asfixiados pola reducción de osíxeno disolto que estes vertidos provocan xa non é unha estampa casual, senón algo que se está a facer moi común. Esta situación levou incluso á propia Deputación de Pontevedra a encargar un estudio onde se inventariaron 177 focos contaminantes; pero ahí parece que se quedou a cuestión, pois non se coñecen as medidas correctoras aplicadas ao respecto. ¿Quedámonos tranquilos localizando impactos e non se actúa para evitalos ou minimizalos? .

Ante o caso de contaminación que causou o incendio da empresa Brenntag, a rapidez de actuación a nivel técnico para controlar e neutralizar a contaminación foi crucial na eficacia que parece está a ter estas medidas de control. Mais este éxito da metodoloxía empregada non debe solapar os efectos negativos que está a ter este vertido e as propias medidas de control, que deben ser atalladas unha vez pase esta fase de decisións de emerxencia. A este respecto o CES cree que hai varios aspectos sobre os que administración debe actuar:

Efectos na fauna e flora fluvial. A administración deberá facer un inventario e un análise de cantidades e especies máis afectadas, así como levar a cabo a retirada inmediata da fauna e flora morta, polo risco de ser inxerida por animais introducindo así o contaminante na rede trófica. Ademais debe ser analizado o comportamento dos anfibios e tamén, e de xeito pormenorizado, o impacto do vertido na poboación de lontras que existía nos arredores da zona afectada.

Efectos nas ribeiras. As obras de canalización para abastecemento de auga potable ao lado da ribeira, así como os movementos de terra provocados pola construcción dos diques e balsas, debe analizarse o seu impacto e tomar as medidas oportunas para minimizar os seus efectos na vexetación de ribeira, crucial para a vida do río.

Analizar as augas do tramo inferior ao contaminado, e varias estacións de mostreo dispersas dende a zona cero ata a desembocadura do Umia, para así valorar en conxunto o grao de eficacia da metodoloxía empregada. Non debemos esquecer que este río inflúe de xeito enorme na dinámica natural de toda a enseada do Bao, zona núcleo do espacio protexido como Lugar de Importancia Comunitaria do Complexo Ons- O Grove.

Máis alá das medidas de control puntuais que nos levou o incendio de Brenntag, a situación dos ríos do Salnés debe remover consciencias e dunha vez por todas levar a cabo unha ordenación dos usos das augas e das ribeiras dos ríos e regatos, así como perseguir xudicialmente a todos aqueles (particulares, empresas e mesmo Concellos) que vertan aos ríos sen previa e adecuada depuración, deixando atrás xa, dunha vez por todas, a política da vista gorda.