O País dos dez mil verquidos
Nos últimos días, semella que medran as ligazóns e as visitas a esta páxina web, e sobre todo a este blogue. Se a web Natureza Dixital, aínda está á espera dunha próxima revisión e posta a punto, a actualidade ambiental se atopa no blogue, dende outra perspectiva, e sobre todo dende un punto de vista persoal, o meu propio punto de vista. Unha ollada que, como todas, pode ser acertada ou errada, pero que é a miña ollada.
Un blogue non é un panel de anuncios nin convocatorias, aínda que aparezan recolleitas nel. Tampouco o blogue é un lugar que só se nutra de notas de prensa, aínda que existan. Tampouco debemos excedernos nas gabanzas e nas loas, aínda que as fagamos.
Dacordo, chegados a este punto algún profesor de xornalismo me diría que un blogue (blog, bitácora, weblog...) é outra cousa, pero este é o meu blogue, que comparto con moita xente, pero que, a fin de contas, é o lugar onde eu quero amosar a miña persoal ollada sobre a natureza e a súa problemática, querendo aportar o meu gran de area no seu descubrimento.
Nos últimos días, advertín un aumento de ligazóns e de contactos a este blogue, tanto dende outros diversos, como de medios de comunicación. Entre estes medios recibín un correo de Martí Aviñoá, de unha emisora de radio de Cataluña que emite un programa en galego semanalmente: Galiza, Algo Máis. A súa intención era facerme unha entrevista para falar da problemática ambiental de Galiza.
Entrei en directo o pasado sábado, con problemas de cobertura telefónica, xa que me atopaba cuns amigos comúns na casa de Federico Real. No programa me preguntaron sobre a contaminación nos ríos (caso do Umia) e sobre si cría que estaba a aumentar a conciencia ambiental en Galiza. Pregunta, esta última, moi difícil de responder e ser “politicamente correcto”.
Non, realmente non creo que estea a aumentar a conciencia ambiental na Galiza. De cando en vez (Prestige, Incendios, Brenntag...), a conciencia ambiental pega un salto, e a moitas persoas lles entra a rabia pola destrución do noso medio. Pero isto pásase axiña. Cando xa deixa de ser noticia de portada, vaise esvaecendo o problema da nosa conciencia, e ninguén se lembra de que ríos como o Umia son todos os ríos galegos. Case que todos son sometidos a unha lenta agonía de verquidos e eutrofización. Só nesta última semana, puiden ver dous novos verquidos que mataban toda a fauna do río, no río Sar e no Rois. Ninguén falaba deles e xa ninguén se lembra do Umia. Porque Galiza, por desgraza, vai cambiando. Pasou de ser o País dos dez mil ríos de Cunqueiro, a ser o País dos dez mil verquidos de hoxe.
A conciencia ambiental é encherse de rabia cada vez que se ve algo así. A conciencia ambiental é erguerse cada mañá, pensando en que podo facer hoxe por solucionar o problema ou porque os demais coñezan o problema e me axuden a solucionalo. Pero sobre todo, a conciencia ambiental é ter presentes as palabras do Gran Xefe indio Noah Sealth, que nos fala de que a natureza non nos pertence, e que a debemos conservar para as xeracións vindeiras.



0 Comments:
Postar um comentário
<< Home