Segunda-feira, Outubro 16, 2006

Carta aberta aos inconscientes

Veño de pasarme gran parte do día de caza. Si, eu que detesto ese chamado “deporte” e que só practico na variedade fotográfica, veño de pasarme unhas cantas horas atrapando visóns americanos (Mustela vison). Todo isto porque a un grupo de inconscientes, deses que no meu pobo se definirían cunha frase, aquela de “fáltalle un fervor”, decidiron que estas fermosas criaturiñas deben andar ceibes polo noso xa bastante danado medio ambiente.

O visón americano (Mustela vison), como o seu nome común indica é unha especie alóctona, quer dicir isto en “simple” (a ver si os inconscientes o entenden así) que ¡non é de aquí! E non é de aquí como non o son os cangrexos americanos que levan anos ceibando nos encoros, ou coma tampouco son de aquí os eucaliptos que adornan os nosos montes, ou coma tampouco son de aquí os mexillóns cebra que se están a multiplicar nos nosos ríos, ou coma tampouco son de aquí os sapoconchos da florida que cando medran e molestan na casa soltan nas nosas lagoas, ou como a herba de coitelo que enche algún dos nosos fermosos cantís... E podería seguir nunha longa lista de soltas e despropósitos, que non fan máis que minguar a nosa danada natureza galega.

Pero claro, si xa son como “da casa”...diriades vós (ós inconscientes me refiro).

O visón americano a través de fuxidas e “soltas” é xa unha especie común nos nosos ríos, e pronto, de seguir a este paso será a única ou a derradeira. Porque, si os inconscientes non o saben, o visón coloniza rapidamente os ríos galegos, competindo abertamente coas lontras, e calquera outro depredador autóctono (de aquí, por si non o pillaron os inconscientes) ó que rematan por alonxar da súa zona de caza. Tamén este visón, se adapta perfectamente a calquera situación, coma poden ser augas contaminadas, poboacións e sumidoiros, competindo neste aspecto coa rata gris (todo un palmarés de resistencia).

Así que nada máis, que mañá volta a ser día de caza, só me queda da-las grazas ós inconscientes, da miña parte e de parte da natureza galega (e isto chámase ironía ou máis propiamente retranca, señores e señoras inconscientes, por si non o pillades, porque luces non hai moitas... ¿ou si?)