Migracións
Nestes días comeza a tempada de outono. Así, nestas datas, os cogomelos ou as castañas volverán a ser parte da nosa dieta alimenticia, ou a súa recolleita, será a escusa perfecta para volver a estar en contacto coa natureza nos nosos momentos de ocio. Pero tamén é no outono cando outro marabilloso fenómeno natural comeza a producirse, a migración das aves.
Hai aves e aves. Así o carrán ártico, percorre milleiros de quilómetros cada ano entre o Ártico e o Antártico, nun perpetuo xogo coas estacións climáticas. Pero son, sen dúbida, máis abondosas as aves que percorren a metade do camiño.
Centos de miles de aves que buscaron para criar o norte de Europa, aproveitando o desxeo e a explosión de vida do Ártico, retornan agora á quente África, pasando por varios carreiros ou vías migratorias. Entre estas vías está a Atlántica, que pasa polas nosas costas.
Xa comeza a ollarse o paso de limícolas, como é o caso deste bilurico claro (Tringa nebularia) da foto superior, que formaba parte de un grupo de oito exemplares, que se pousaron ó meu carón, no Esteiro do Tambre, o pasado venres.



0 Comments:
Postar um comentário
<< Home