Domingo, Abril 30, 2006

O máis grande do mundo


Un amigo de Carnota, que se apelida coma o poeta, sempre me dicía (inchando o peito), que na súa terra todo era máis grande que en ningures. A praia máis grande, a de Carnota. O monte máis grande, o Pindo... e aí puntualizaba: ...pode que non sexa o máis grande pero éche a hostia... O hórreo máis grande o de Carnota... aí era eu o que puntualizaba para defende-lo próximo, ...¿non será o de Araño?... Non, respostaba, iso é un cabazo. Aí remataba a cuestión, pero a min me seguía a dúbida sobre se hórreo e cabazo eran sinónimos ou eran construcións diferenciadas. Pero, a parte da cámara inferior que posúe o de Araño, non lle atopaba diferenza.

Todo isto ven a conto da construción en Cabo Touriñán da planta de cultivo de rodaballo de Pescanova, sobre a que grupos ecoloxistas están facendo presión para que non se instale. E o conto é o de sempre, cando o interese dunha grande empresa se pousa nun espazo protexido onde os seus habitantes non teñen moitos visos de atopar traballo, só ai dúas consignas, por un lado apelar á suposta creación de postos de traballo, polo outro, poñelos na contra deses que veñen de fora, e apelar á grandeza local como a frase que onte lin nun xornal e da que sigo sen entender o porqué da puntualización entre paréntese:
“La Consellería de Pesca y Pescanova negocian la ubicación en un lugar alternativo de la planta de engorde de rodaballo (la más grande del mundo) que la multinacional gallega, a través de su filial Insuiña, proyectaba construir en el cabo Touriñán (Muxía).”

Pois nada, que eu tamén apelo á grandeza local da Barbanza e amoso unha foto do hórreo máis grande do mundo... o de Araño. E me quedo tan ancho.

Sexta-feira, Abril 28, 2006

48050



Hoxe se “celebra” o día internacional pola seguranza e saúde dos traballadores, tamén, nesta data, cúmprense 10 anos dende a entrada en vigor da lei de prevención de riscos laborais. ¿De qué serve todo isto? A parte de pomposas declaracións institucionais e de xornadas reivindicativas por parte dos sindicatos, de moi pouco.

O ano pasado entre as traballadoras e traballadores galegos houbo un total de 48050 vítimas de accidentes laborais, das que 103 foron mortais. Esta mesma mañá, dúas persoas, veñen de sufrir un accidente laboral nunha depuradora de marisco (unha delas de gravidade).

¿E qué acontece namentres? O presidente da Xunta de Galicia ven de facer unha declaración institucional, na que se amosa partidario da creación dun pacto pola seguranza laboral que “comprometa a todas e a todos”. E, serei eu escéptico pero, ¿non son esas palabras baleiras? ¿ou realmente agardan darlles contido?

Ate o de agora, no que respecta á administración galega, non se está a cumprir a lei de prevención de riscos, e os organismos mediadores coma son os comités de seguranza e saúde, non funcionan como tales. Eu, que son delegado de prevención do comité de seguranza e saúde da Consellería de Medio Ambiente, tiven que denunciar ante a autoridade laboral as condicións de traballo do persoal desta Consellería, na recolleita de aves, para que se cumprise a lei de prevención, xa que o comité de seguranza desta Consellería, non se reunía dende o momento da súa constitución. E, se a Xunta de Galicia non cumpre a lei, ¿está capacitada moralmente para facerlla cumprir ás empresas?

Como traballador, e como traballador que sufrín no seu día a sinestralidade laboral, sendo un dos máis de 1000 intoxicados por exposición prolongada ó fuel do Prestige (dos que ninguén fala nin falará nunca), loitarei por que se cumpran as medidas de prevención no posto de traballo.

Agardemos que as declaracións de hoxe non sexan palabras baleiras.

¡Por un traballo digno!

Quinta-feira, Abril 27, 2006

O legado de Man

Nestes días os medios de comunicación galegos sacaban á luz o abandono do museo do alemán de Camelle. A causa era o ataque vandálico que sufrira a vivenda de Man. Pero tamén unha pregunta saíu á luz. ¿Qué acontece cos cartos que Man destinara a mante-lo seu legado?

Parece ser que, a pesares de que Man deixara máis de 120.000 Euros, a Consellería de Cultura 354.000, a Galería Arcos 6.000, e 29 artistas das Illes Balears 52.000, o legado de Man vai esvaecéndose coma se esvaece a súa memoria.

Nunha visita a Camelle, a finais do mes pasado, puiden comprobar coma as pinturas que decoran o seu porto, van desaparecendo, coma a sucidade vai enchendo cada recuncho deste museo ó aire libre, e como, tras do tempo pasado, as manchas do Prestige emborrallan aínda as pedras de Man.

Man non morreu de pena coma contan algúns, morreu polos efectos da marea negra, exactamente por unha infección respiratoria. O seu museo non é só o museo dun artista, no que Man emulou perfectamente as formacións rochosas dos montes próximos, é o símbolo dunha loita que mantivemos moitos galegos, e como tal, debe manterse en pé, como símbolo da nosa propia identidade.

Quarta-feira, Abril 26, 2006

Vinte anos...


“Vinte anos non é nada...” non é só unha estrofa dun tango, hoxe se cumpren vinte anos do maior desastre nuclear da historia, a explosión do reactor número catro de Chernóbil.

E hoxe tamén semella que o tempo pasado non conduce a ningures, vinte anos despois aínda se descoñece o número real de mortos e enfermos que provocou esta explosión.

A guerra de cifras está aberta. Das 59 vítimas mortais que certifica a ONU ás 200.000 que conta a organización ecoloxista Greenpeace media un abismo. ¿Porqué tras vinte anos non se conta a verdade do acontecido?

Nesta guerra de cifras alguén minte interesadamente. O desastre de Chernóbil, provocou unha nube radioactiva que asolou grande parte de Europa. A explosión foi máis de dez veces superior á do xenocidio das bombas atómicas de Hiroshima e Nagashaki, onde se contabilizaron máis de 200.000 mortos. Máis do 40% do territorio europeo permanece hoxe en día contaminado. Non foi un caso restrinxido á antiga URSS (Rusia, Bielorrusia, e sobre todo Ucraina...), países como Austria se viron, e se ven, fortemente contaminados. ¿E tras destas cifras a ONU só confirma 59 mortos e 4.000 posibles vítimas nos próximos anos?

O certo é que a ONU basea estes dados nas análises efectuadas ós “liquidadores”: bombeiros, militares e forzas da orde que traballaron na sufocación do reactor catro de Chernóbil. Descartando, deste xeito, ós milleiros de cidadáns europeos que se viron afectados pola maior catástrofe ecolóxica da historia.

Dentro duns días pechará definitivamente a central nuclear de Zorita, e algúns países seguen a manter a porta aberta a instalación de novas centrais. ¿Ata cándo?

Osos no Pirineo vs. osos na Galiza



Fai algúns días xurdíu a polémica pola tan cacarexada "presenza estable" de osos na Galiza, publicada a bombo e platillo na prensa. Eso, que resulta que ó final nada de nada, que simplemente eran uns exemplares machos que facían incursións na Galiza para logo voltar á Cordilleira Cantábrica a buscar parella, algo que viña sucedendo dende fai tempo.
Pois hoxe me sorprendo con esta imaxe na prensa. Trátase dun exemplar de oso pardo, capturado en Eslovenia, e que vai ser liberado nos Pirineos para que non desapareza a especie. Todo isto dentro dun proxecto europeo para a protección do oso, que se comezou a xestar antes de que en novembro do 2004, un animal (que non un oso) matou a derradeira osa autóctona dos Pirineos.
Agardemos que o futuro do oso cantábrico, que é o que a veces entra en Galiza, non chegue ó extremo de ter que importar exemplares do norte de Europa e, que non teñamos que voltar a ver esta imaxe tan deprimente.

Terça-feira, Abril 25, 2006

Soñar...


25 de abril


Soñar non e difícil, que llo digan senón ós nosos irmáns portugueses. Xa van aló 32 anos dun soño, da revolución dos caraveis, de cando as armas foron cargadas con flores de abril.

Pato ferruxento


pato ferruxento


Decote atopamos sorpresas no camiño, hoxe foi o encontro con unha desas rarezas na Galiza coma é unha femia de pato ferruxento. Se me amosou cáseque na noite coma as pantasmas, nun illote do Tambre, aló perto de Santiago.
Moitas veces fun eu a percura da ave máis sorprendente facendo kilómetros nas corredoiras da Galiza, e hoxe, se me apareceu sen agardala, e coma acontece, onde nunca a buscaría.