Quarta-feira, Maio 31, 2006

Os colectivos ambientalistas galegos convocan unha concentración no día do medio ambiente

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) así coma outras asociacións e colectivos ecoloxistas, políticos e sindicais, convocan para este domingo día 4 de xuño, ás 12 da mañá, na Praza de Praterías de Santiago, unha concentración baixo o lema “POLA DEFENSA DO NOSO PATRIMONIO NATURAL”.

A data escolleita non é casual, xa que este domingo será a véspera do día mundial do medio ambiente, data escolleita dende 1972 pola ONU para dar unha cara humana aos temas ambientais, motivar que as persoas se convirtan en axentes activos do desenvolvemento sustentábel e equitativo, así como promover o papel fundamental das comunidades na mudanza de actitudes cara os temas ambientais.

Terça-feira, Maio 30, 2006

Millafre negro

O millafre negro ou miñato queimado(Milvus migrans) é un ave habitual en moitas lagoas interiores e encoros, pero nada común na zona onde foi sacada esta foto, e máis sendo época de cría. O lugar é Santa María de Cornanda, en Brión, preto do encoro do Tambre.

Sábado, Maio 20, 2006

Dactylorhiza elata

Hoxe, seguindo o fío de Xisbe, vou continuar coas orquídeas galegas.

A da foto é a Dactylorhiza elata, moi común en Corrubedo e en case toda a costa galega. Pero a orquídea aquí amosada non é da costa, senón que a fotografía foi feita onte nos montes de Negreira (A Coruña), a unha altitude duns 300-400 metros, coido que é a primeira Dactylorhiza citada nesta zona... ...se facemos caso de anthos, claro. O malo deste sistema (anthos) é que só recolle as referencias aparecidas en publicacións científicas.

Quinta-feira, Maio 18, 2006

Círculo Lítico de A Mourela

Hoxe leo que se está a facer unha recolleita de sinaturas para salvar da destrución un dos poucos círculos líticos que hai na Galiza. O Círculo Lítico de A Mourela, no Concello das Pontes, corre o risco de desaparecer tragado pola construción dunha autovía. Por iso, nas Pontes, nace unha asociación para salvar da destrución esta obra megalítica de 5.000 anos de antigüidade. A Plataforma Cidadá na Defensa do Círculo Lítico da Mourela, a traveso da web de Amigus está a recoller sinaturas para impedir esta destrución gratuíta do noso patrimonio cultural.

Os círculos líticos están a desaparecer na Galiza antes de ser coñecidos, estas obras megalíticas chamadas cromlech noutras culturas, poderían ter a función de calendario solar para os antigos poboadores da nosa Terra. Corzán (Negreira), Nebra (Porto do Son), Prao das Chantas (O Valadouro), son algún dos exemplos dos cromlech galegos que aínda se poden ver. Pero outros (agardemos que non este), desapareceron xa para sempre.

Lembrome aínda hoxe do día que (fai aproximadamente 10 anos) descubrín coma unha plantación de piñeiros destruíu o descoñecido Círculo Lítico dos Chans do Barbanza (Pobra do Caramiñal), sen que ninguén se tivese dado conta. Agardemos estar a tempo de salvar o de A Mourela. ¡Ti tamén podes asinar!

Cassitérides

No día das letras galegas non me decantei por un libro de poemas ou unha novela en galego coma debería ser de xustiza. Comecei a mirar un libro que me regalaron fai uns días: A Romanización de Galicia, de Felipe Arias Vilas, editado por A Nosa Terra (1992).

A historia e a prehistoria na Galiza son temas que me apaixonan, e non son poucas as ocasións nas que teño atopado algún resto arqueolóxico nas miñas andainas polos montes galegos.

Pero imos ó que imos... Neste libro que teño agora diante, no capítulo que fala dos primeiros contactos e expedicións romanas, atopo algo que xa case que tiña esquecido.

Conta Felipe Arias que, no século I a.C. co gallo da expedición de Publio Craso, é cando se acentúa o interese económico polo N.O. peninsular. Este interese ven dado polas explotacións de Estaño e Chumbo das illas Cassitérides, cuxa ubicación, sempre discutida, serían as illas atlánticas (Ons, Cíes, Sálvora...) e tamén parte do litoral.

Fai un ano, nunha visita ó Grove, unha amiga me comentou a existencia dunhas minas romanas, nas que poderíamos atopar algún morcego que fotografar.

Estas descoñecidas minas estaban sen explorar, e os seus recentes descubridores, non chegaran moito máis aló da estreita entrada da cova, que semellaba a tobeira dun animal e pola que había que acceder a catro patas. Foi ese día no que, vencendo a miña aversión atávica ás covas, chegamos ó final da mina, 250m máis aló da súa entrada.

Agora, pasado un ano, penso que acceder reptando a unha cova impresiona, pero acceder e palpar 2100 anos de historia esquecida moito máis.

Segunda-feira, Maio 15, 2006

Pesticidas non, grazas

Os insectos en xeral ou as bolboretas en particular, son os maiores polinizadores das plantas, precísanse mutuamente para poder sobrevivir. O insecto aliméntase zugando o néctar, a planta traslada o seu polen a outro lugar, a outra planta, a traveso do insecto, co que completa o seu ciclo estacional e vital.

Así é a natureza, pero o home xa consegue a semente das grandes empresas polo que non precisa ós insectos... ¿ou si...? O problema, que queda claro no caso da desaparición das abellas, está na grande cantidade de pesticidas que se empregan nos campos galegos. Que por certo, venden as mesmas multinacionais que fornecen de semente ós agricultores. O futuro está aí, e agardemos que sexa o da agricultura ecolóxica e non o da patente e clonación. De seguir así , imaxes coma a deste post non se verán en poucos anos. Pesticidas non, grazas.

Orquídeas

Xisbe, un compañeiro blogueiro, escrébeme a Natureza Dixital para preguntar sobre unha orquídea de Corrubedo, a Epipactis palustris, e tamén, a traveso do seu blogue, se encarga de darlle publicidade a está páxina (que por certo teño bastante abandoada, aínda que por pouco tempo).

Dende aquí quero darlle as grazas, e dicirlle que o seu blogue pode ser moi interesante para dar a coñecer as orquídeas galegas, esas grandes descoñecidas para moita xente.

Tamén quero poñer o meu gran de area ó coñecemento das orquídeas galegas, cunha foto da Serapias lingua, que se pode ollar agora mesmo nalgúns currunchos do Parque Natural de Corrubedo.

Domingo, Maio 14, 2006

San Gregorio

Parece ser que cando os monxes franciscanos do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (Lousame) tiveron que abandonalo, fundaron o mosteiro de San Gregorio (Brión-Negreira). De este mosteiro tan só queda o nome do lugar e algunhas ruínas que aínda hoxe se poden ver no corazón da Devesa de Nimo á beira do Tambre.

Hoxe andei por alí, e quitei esta foto. Á volta, un veciño de Devesa (Negreira) me falou algo máis sobre estas ruínas, e sobre a ponte que cruzaba o río neste lugar, así coma tamén sobre outros fuxitivos, que empregaron o San Gregorio para agocharse durante a Guerra Civil.

Os fuxitivos viñan de Pontenafonso ou de Noia, e os Falanxistas tamén. De cando en vez escoitábanse tiros na Devesa de Nimo. Vendo a Devesa imperturbable, tamén aínda hoxe, non me estraña que fose un bo agocho. Outro día pararei novamente a falar con este veciño, coido que ós seus 75 anos, ten moitas historias máis para me contar.

Bonete

Sigo estes días fotografando as cores que me achega a natureza. Hoxe tócalle a esta planta. O bonete (aquilegia vulgaris) é común, aínda que non moi abondosa, preto dos ríos galegos. A primeira vez que a localicei foi nas Fragas do Eume, hoxe tocoulle o Tambre, no Castro Lampreeiro. Semella que nesta zona tamén se pode ver doadamente.

Quinta-feira, Maio 11, 2006

As cores da natureza


Se onte falaba das cores das xestas, hoxe tócalle a espectacular coloración que o lagarto das silvas (Lacerta shreiberi) adopta para atraer ás femias. Esta cor azul cobalto(nas femias máis esvaída) que ten no pescozo e cabeza, é a que empregan para facerse ver nestas datas e atraer os favores das mozas da súa especie.

Quarta-feira, Maio 10, 2006

Xesta branca

Fai poucos días falaba do Maio ou Maios e amosaba unha foto da xesta endémica das illas galegas coma é o a xesta de Ons ou Cytisus insularis. Cando o luns ía camiño de Chantada, as xestas da veira da estrada xa non eran como as da costa galega, senón que, xunto a estas, a cada quilómetro avanzado, facíase máis común que a cor se tornase branca, sobre todo tras pasar o porto de montaña do Monte Faro. De seguro que para os habitantes da Galiza non hai nada de estraño nisto, pero dende logo, a floración das xestas, é un espectáculo natural en toda regra.

Hoxe amoso no blogue unha foto da xesta branca ou Cytisus multiflorus, moi común no centro de Galiza pero escasa na costa.

Terça-feira, Maio 09, 2006

Reunión en Chantada

De cando en vez os Vixiantes de Recursos Naturais, entre os que me encontro, facemos algunha reunión para tratar dos problemas que nos afectan coma colectivo. Esta pouco coñecida categoría laboral encargase (ou debería dicir encargámonos) da vixilancia das concas fluviais, dos parques naturais ou da Reserva de Caza dos Ancares. E os problemas veñen case que todos do mesmo lado, do abuso das condicións laborais ás que nos viñan sometendo grazas a contratos en precario e aproveitar a diseminación pola Galiza do noso colectivo. Hoxe e diferente. Con praza fixa, tras unha oposición, e logo de amarrar vínculos entre nós. Conseguimos, non moitas melloras laborais (que están por conseguir) pero si unha cohesión e conciencia da nosa pertenza a un grupo. Por iso é importante, de cando en vez, que nos reunamos no centro xeográfico da Galiza para cear e falar dos problemas, dándonos conta de que o que lle afecta a un de nós, nos afecta a todos. Hoxe foi unha cea agradable e, sobre todo, en boa compaña.

Nove mil sinaturas

Salvemos Monteferro me comunica por e-mail que este sábado entregarán as 9.000 sinaturas recolleitas no Concello de Nigrán. Todo un éxito dende logo para esta iniciativa que trata de defender un dos poucos espazos verdes da Ría de Vigo.

Eso, que este sábado haberá grande rachí en Monteferro. De Vigo partirá unha concentración ciclista ás 10:30 da Praza da Independencia, que estará diante do Concello de Nigrán ás 12 da mañá, para coincidir coa concentración. Logo da entrega das sinaturas, festa rachada con gaitas, pandereteiras, malabares e saltimbanquis.

Toda unha celebración á que me sumo aínda que non poida asistir.

Domingo, Maio 07, 2006

Muíños

Hoxe saíume o día proveitoso. Pensando en centrais eólicas e hidroeléctricas e como están deixando os nosos espazos naturais galegos, lembrei que o emprego en Galiza destas enerxías, pero en menor escala, era algo máis común do que se pensa.

De neno, sempre que ía en coche cara Pontevedra, vía aló, á altura de Catoira, unhas ruínas que chamaban a miña atención. No alto dun monte, dúas torres ruinosas amosaban, ante o meu infantil parecer de entón, as torres de un castelo, parentes próximas das Torres de Oeste. Pero alguén me dixo, debía ser meu pai, que eran muíños de vento, como aqueles que ilustraban aquel libro de Cervantes que había na miña casa.

Sempre quixen parar, e sempre, o tempo e o destino, levaban as de gañar. E hoxe, coma quen non quere a cousa, foi o día no que, sen presas e sen destino fixado, cheguei os pés destes muíños, que outrora foran torres dun castelo imaxinario.

Os muíños de Catoira xa non son a ruína que foran e agora, recuperados, amosan o que foran entón ducias de xigantes do Quixote que engalanaban os montes da Galiza. A Garda, Catoira, Abalo, Camariñas, Muros... e coma non, na miña terra, en Ribeira, tamén hai constancia escrita da existencia de alomenos seis muíños de vento, un deles, datado a mediados do século XVIII que aínda se pode ver, nunha finca privada no alto de San Roque, moi próximo á capela.

Logo de ver a beleza dos muíños e da desembocadura do Ulla seguín o meu camiño cara outros lugares coma Campo Lameiro e o Río Barosa, lugares dos que falarei noutro intre.

Quinta-feira, Maio 04, 2006

Minicentrais

Cada día fico máis abraiado cos titulares: La Xunta libra al Ulla de cuatro nuevas minicentrales”. Este é o titular da noticia recolleita polo xornal La Voz de Galicia”, e eu póñome a lelo pensando cecais que a minicentral do Vilacova está entre elas.

Pero non, a miña sorpresa é que estamos a falar das centrais do Ulla e o Arnego, e este xornal segue a falar de “minicentrales”. Home, con unha capacidade para embalsar a auga de un río coma o Ulla, un dos máis caudalosos do país (galego coma non), falar de minicentrais é de chiste:

“Saben aquel que diú... ...que vai unha minicentral e lle chaman Asuán

Ou poderíamos contar outro chiste a conta do titular:

Agora che dou oito concesións e logo che quito catro así quedamos ben con todo o mundo.

Pois iso, que a min tampouco che me fai moita graza e, namentres se fala disto varias centrais e tamén (coma non) minicentrais seguen cas súas obras ou tramitacións a todo tren: Ollares (ver foto), Xallas, Vilacova...

Terça-feira, Maio 02, 2006

O Maio


“Os Maios” son unhas festas populares que, sobre todo en Pontevedra, veñen de moi atrás, de tempos prerromanos, e que, a traveso de conxuntos vistosos, de flores e outros elementos decorativos, celebran a chegada da primavera. Pero “O Maio” nas terras da Barbanza é outra cousa, e cunha tradición igualmente ancestral.

Moitas das persoas que o primeiro día de maio poñen unha póla de xesta adornando o seu coche non saben de onde ven a tradición e fano simplemente por imitación. Dise que, cortando unha póla de xesta antes de que se poña o sol o último día do mes de abril, haberá que levala posta no coche durante todo o mes de maio para espantar os malos agoiros, e, sobre todo, ás bruxas.

Pero a tradición ven de vello, cando aínda os coches non chegaran á Barbanza. O Maio era un conxuro para botar fora o inverno, con todo o malo que traía para o traballo da terra. Para esconxura-lo inverno había que poñer unha póla de xesta na porta da casa e da corte e, para a boa labor, engalana-los carros con xestas floridas. Outra cousa era o toxo manso, que posto na porta, botaba ás bruxas da casa (ou eso din).

Tamén eu vou botar fora o inverno, poñendo unha póla de xesta neste blogue. Pero iso si, de xesta autóctona e ameazada, a Xesta de Ons (Cytisus insularis). Descuberta fai uns poucos anos por un amigo desta páxina.

Segunda-feira, Maio 01, 2006

Primeiro de maio


Como cada primeiro de maio estarei traballando, sonche cousas da orde anual de pesca, que adianta o período de captura de reo e salmón do primeiro domingo de maio ó 1 de maio. Pescadores no río haberá, coma non, e agardo que lles vaia ben a xornada, pero non che é o mesmo.

Unha amiga me dicía antonte que tiña que toma-la vida con máis filosofía, e iso tento. Non me vou a lembrar do que lin estes días nos xornais... ...si, así é... ...respiro, conto ate dez, e expiro...

...nada, que me sigo lembrando, que os exames de incendios que os sindicatos denuncian por fraude son, para os gobernantes, unha marabilla marabillosa, que segundo un dicía na tele, non son bombeiros, son peóns forestais (e eu me pregunto se os lumes son lumes ou campos de golf, que un día destes non sei de cales haberá máis), que o Río Vilacova vai ter (ou non, é que non me queda claro) outra espléndida minicentral (co seu teito de uralita e todo).

Nada, que vou contar ate dez, vou respirar e vos deixo con esta bonita postal, dun mazarico que voaba onte, no atardecer da Ría de Noia. Bo día do traballo, que para min, agardo que sexa un bo día de traballo.