Segunda-feira, Junho 26, 2006

A lontra e o pescador

O título deste post semella o de unha fábula ou un conto infantil, pero non, é un feito daqueles que se din verídicos.

Para moitos é sabido que a lontra (Lutra lutra) está a pasar unha etapa de expansión na Galiza. De aí as aparicións cada vez máis frecuentes nas vilas galegas, a pleno día, e sen inmutarse da presenza de curiosos. Así xa é frecuente velas na vila de Noia (desembocadura do Traba), ou por exemplo (e xa no mar) no porto de Ribeira ou no de Cedeira. Pero así como é frecuente velas en algúns ríos coma o Tambre, o comportamento que observei onte me deixou abraiado.

Me atopaba á tardiña falando cun pescador que apuraba xa os últimos lances, cando vin que pola rocha na que el estaba pescando se lle achegou algo que semellaba un can... ou iso foi o que pensei, crédulo de min... ate que caín na conta de que o animal que estaba a ulir ó pescador (a escasos centímetros) era unha lontra. Quedei abraiado coa curiosidade deste fermoso animal, que tamén deixou de pedra ó pescador no momento que tralo meu aviso volteouse a mira-lo que tiña ás costas. A lontra, sen máis, deslizouse pola rocha e marchou río arriba, onde a agardaba a súa parella. ¿Estaría a lontra a examina-lo seu competidor?

Domingo, Junho 25, 2006

ADEGA demanda unha mellor protección en Corrubedo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a traveso dun artigo publicado na súa web co título “Corrubedo na encrucillada”, sae ó paso da polémica desatada pola eliminación da pasarela da Duna Móbil.

Para ADEGA, O complexo húmido de Corrubedo atópase na encrucillada de seguir sendo un espazo representativo para a conservación da diversidade natural galega ou converterse nun entorno onde, como en tantos outros, estanse a perder os seus valores naturais a maior gloria do turismo masificado e a especulación urbanístico-industrial. ADEGA demanda das administracións medidas urxentes baseadas en criterios científicos e conservacionistas, e que ao mesmo tempo, permitan conxugar a protección coa xeración de oportunidades para a poboación local.

Así mesmo, ameazas como as piscifactorías de Couso (Aguiño) e Punta dos Corvos (Corrubedo), a crecente presión urbanística e as agresións como os continuos vertidos de industrias e granxas do polígono da Graña e Couso (Aguiño) agora denunciados pola fiscalía, os efluentes da propia "depuradora" de Artes, ou as canteiras de Casalnovo (Artes) no límite do PN, a planta de áridos de Bretal, etc. comprometen gravemente a viabilidade ambiental deste espazo.

ADEGA denuncia ademais que a pesares de levar transcorridos 14 anos dende a declaración deste espazo coma Parque Natural, non exista aínda un Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX), elemento imprescindible para a correcta xestión das súas áreas naturais. Sen un PRUX, non existen garantías de que a protección e a conservación deste espazo sexan efectivas. Por outro lado, a inexistencia deste Plano Reitor dá pé á inseguridade dos propietarios, pois que se admita ou non unha iniciativa, depende de decisións moi concretas e talvez discrecionais da Consellería, dentro dunha normativa moi básica que xa existe. Pois ben, aparte do irregular retraso na realización e aplicación deste Plan encontrámonos que a día de hoxe, xuño de 2006, a Consellería de Medio Ambiente aínda non nomeou o novo Director da Xunta Consultiva, órgano elemental na comunicación entre a Xunta e as comunidades locais.

ADEGA demanda alén da eliminación das ameazas máis inmediatas que poñen en perigo conservación deste espazo: as piscifactorías de Couso e Punta dos Corvos, a presión urbanística, o impacto visual e ambiental das actividades das canteiras e polígonos industriais, cos seus continuos vertidos até o de agora impunes, e esixe tamén un compromiso das administracións coas conseguintes partidas orzamentarias para estimular as oportunidades de desenvolvemento sustentábel para a poboación local, até o de agora inxustamente esquecida.

Sábado, Junho 24, 2006

O solsticio ardente

Chego tarde do traballo e vou dar unha volta polas rúas de Compostela. É noite de cacharelas en toda a cidade vella, e de xente que se reúne para celebrar a chegada do verán. Hai de todo nestas rúas, pero sobre todo xente que arredor do lume de San Xoán, dálle ás sardiñas, ó viño e á conversa.

Esta festa do solsticio é unha tradición presente en tódalas culturas, pero cun referente común, o de pedir boas colleitas e esconxura-lo inverno.

Pois haberá que aproveitar, que o verán está aí e logo marcha...

Quinta-feira, Junho 22, 2006

Outro paso máis en Natureza Dixital

Grazas á colaboración de Rosebud 3D, comezamos a mudar pouco a pouco a faciana da nosa web. A partir de hoxe, Natureza Dixital, conta con novas ferramentas coma o video, con imaxes exclusivas, para unha andaina na que agardamos unha boa aceptación pola vosa parte.

Podes ve-lo video presentación premendo aquí

Segunda-feira, Junho 19, 2006

Polas terras da Raíña Lupa

Hoxe foi un día dos que apetece dar un paseo, e que paseo mellor que preto do Sar, aló onde tiña o seu Castelum (Castro) a Raíña Lupa. O Monte Lupario é o nome do monte onde aínda se pode observa-lo que queda do Castro Lupario, aquel lugar onde di a lenda que chegaron os portadores dos restos do apóstolo Santiago.

Estes portadores foron pedirlle á raíña, de nome Lupa (loba), un lugar para o repouso do corpo do apóstolo.

¿Qué hai de lenda, e qué hai de certo? Quen o sabe, o certo é que o Castro Lupario existe. Atópase entre os concellos de Teo, Rois e Brión, entre as aldeas de Rúa de Francos (Teo), O Faramello (Rois) e Beca (Brión).

Segundo a lenda, a Raíña Lupa accede á petición dos discípulos do apóstolo, de aí que sexa enterrado no Campus Stelae (Compostela). Iso si, logo de unha aventura cunha grande cóbrega que había nunha cova do Monte Illicino (Pico Sacro) e que destruíron só facendo o signo da cruz. Lenda ou non pode dar conta das grandes extensións de territorio que dominaba a Raíña Lupa, e tamén nos pode indicar de que tempos ven o matriarcado coma forma social tan asentada na Galiza.

Rúa de Francos nembargante, fai referencia ó camiño, que nesta parte é a pé do castro, debía seguir a antiga vía romana que aparece na foto superior, onde aínda segue o arco da antiga ponte romana. Tamén en Rúa de Francos podemos ver o peculiar cruceiro que se ve na foto inferior, de corte gótico, e cuxo pedestal lembra moito a forma dunha pedra fita ou menhir. Incluso se pode apreciar algún petroglifo neste pedestal, coma acontece no menhir de Cristal (Olveira - Ribeira).


Domingo, Junho 18, 2006

Éxito da manifestación no Parque Natural de Corrubedo

A convocatoria da manifestación no Parque Natural de Corrubedo, promovida polos veciños de Olveira e propietarios de terreos do Parque foi todo un éxito segundo os convocantes.

Á cita, que tivo lugar as seis da tarde acudiron aproximadamente 700 persoas, que solicitaron, sempre nun ton pacífico, a volta á normalidade do paso peonil sobre a duna móbil, así como a reposición dos aparcadoiros á súa situación anterior.

Cun percorrido ate a duna móbil, e controlados en todo momento por dúas dotacións de antidisturbos, que se limitaron a identificar a algún dos asistentes, os veciños reclamaron, sempre de modo pacífico, a volta ó diálogo social por parte das autoridades. Consideran que a Xunta de Galicia debía contar cos colectivos sociais, en lugar de promover iniciativas de xeito ditatorial, e sen contar cos colectivos implicados na Xunta Rectora deste espazo natural protexido, Xunta que non se reúne dende fai máis dun ano.

Veciños e propietarios do Parque Natural de Corrubedo maniféstanse hoxe contra as novas prohibicións no Parque

Esta tarde pasada me contaron veciños de Olveira (Ribeira), que xunto con propietarios de terreos do Parque Natural, manifestaranse hoxe domingo, ás 18h no aparcadoiro das dunas contra as novas prohibicións que se están a dar no Parque Natural de Corrubedo, en especial á que afecta ó paso de visitantes á duna móbil.

Dende fai unhas semanas, persoal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, comezou a levanta-la pasarela de madeira que servía de camiño sobre a duna móbil, na zona de Campos de Olveira, na Ribeirense parroquia de Olveira. En principio este feito pasou desapercibido para os visitantes, que crían que se trataba de melloras no acondicionamento do lugar, algo habitual de cara ó verán. Pero a súa sorpresa foi cando tentaban chegar ó lugar, un grupo de persoas contratadas coma “informadoras” daban cada día unha versión distinta: “...é que hai arañas nas dunas...”, “...está prohibido...”, “...hai que ir polo outro lado...” ou incluso “...a duna está en obras...”, caso este no que algún visitante pensou “...se esta é a area para a obra, o día que traian o cemento vai se-la hostia...”, maquinando sobre se Corrubedo quedaría libre da cobiza construtora do litoral ou sería aquí o novo Algarrobico.

A verdade e que facía case que un ano que non me daba un paseo polo Parque Natural, e había certas cousas que si mudaran. Deso me daban conta algún dos veciños convocantes da manifestación cos que estiven falando un anaco.

Para Luís, veciño de Olveira, os estan privando de algo fundamental, como é a función de recreo e esparcemento que debe ter entre as súas prioridades un parque natural, “eso si, respectando a conservación da zona, por suposto”.

“Dende logo o uso e desfrute dun espazo natural é algo que debe ser xestionado pero non ditado, así como as medidas de conservación a tomar. Fai máis dun ano que non se reúne a Xunta Rectora do Parque, dende a demisión do seu anterior Presidente, e dende logo, non se poden tomar medidas tan restritivas como esta sen contar cun órgano de xestión e participación social como este” -me conta unha propietaria de terreos do Parque.

E a verdade é que non lles falta razón, ¿é esta a nova política do departamento autonómico?

O Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (que así reza o seu nome completo), foi declarado o 5 de xuño de 1992, coincidindo co galo do día mundial do medio ambiente, e como documento provisional para a súa execución foi elaborado e publicado o PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais), documento este no que figuran as actividades prohibidas e permitidas dentro do parque, a súa zonificación, así como tamén a xestión do espazo, que lle corresponde á Xunta Rectora. Esta Xunta Rectora é órgano de participación social no que están representados: a Xunta de Galicia, o Concello de Ribeira, as Comunidades de Montes, a Asociación de Propietarios, a Universidade e os grupos ecoloxistas, polo que todo o que deba facerse no Parque debera ser tratado nesta asemblea.

Pero hai tamén un documento indispensable á hora de xestionar un Parque Natural, este é o PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión) documento que segundo a lexislación debera estar redactado e publicado nun prazo de dous anos dende a declaración do espazo, e que a día de hoxe non existe en ningún parque natural galego.

Polo tanto, ¿poden legalmente prohibir de xeito unilateral o acceso peonil á Duna Móbil? Os veciños e propietarios entenden que non.

Ante a falla de un PRUX, que delimite claramente as actividades prohibidas no espazo, e que, antes de ser publicado, debe pasar pola Xunta Rectora e por un proceso de alegacións. Ante a falla do consenso e exposición nunha Xunta Rectora, que non é convocada dende fai un ano. Ante a falla da prohibición explícita no actual PORN do Parque, o cal permite “as actividades recreativas e de esparcemento”, na Duna Móbil. Ante todo iso, e legalmente, ¿quén e cómo pode prohibir subir á Duna Móbil?

Agardemos que alguén de unha explicación coherente nos próximos días, de momento non se está a dar. Hoxe haberá manifestación dos veciños. Ás 18H no aparcadoiro das dunas.

Sábado, Junho 17, 2006

Máis sobre os gladíolos de monte

No post anterior falaba das diferenzas entre os gladíolos de monte, en especial sobre as dúas especies que se poden atopar estes días en Galiza. Pero para aclarar dúbidas, prefiro colocar ambos gladíolos nunha mesma imaxe.

Aparte do tamaño, que non se aprecia na foto, as maiores diferenzas entre o Gladiolus illyricus e o Gladiolus italicus, teñen que ver coas súas follas. No da esquerda (illyricus) as súas follas non sobrepasan os 20-40cm de lonxitude (ate 65cm no italicus) e proporcionalmente (tamaño total da planta), son máis pequenas que no caso do italicus (á dereita na imaxe).

O feito é, que segundo a base de plantas anthos, o Gladiolus illyricus non aparece na provincia de A Coruña, e o Gladiolus italicus só aparece en dous puntos de Galiza, en Lugo e Ourense, e non no lugar onde comprobei a súa existencia abondosa, en Sta. Mª. de Roo (Noia).

Sexta-feira, Junho 16, 2006

Herba de estoque, Gladiolus illyricus e Gladiolus italicus

Fai un ano, causoume sorpresa atopar nun monte de Negreira unha pequena planta á que me acheguei pensando que se trataba dunha orquídea. Tras vela amodo e facer unhas fotos, caín na conta das diferenzas, e tras consultar (primeiro nunha guía, e logo para saír de dúbidas con Íñigo Pulgar, amigo e profesor de botánica) quedou claro que se trataba do pequeno gladíolo do monte ou herba de estoque, concretamente do Gladiolus illyricus. Unha planta que descoñecía por completo e que hoxe sei que inda que é escasa non é raro atopala en Galiza.

Isto foi a finais do mes de xullo do ano pasado, cando esta planta xa estaba rematando o seu ciclo anual, de aí que só atopara escasos exemplares na zona, concretamente en Liñaio, Lueiro e Lobios (Negreira).

Case un ano despois, atopei algúns exemplares nos montes entre Carral e Meirama, e bastantes preto de Porqueira (Negreira). Pero algo me chamou a atención. Na zona de Sta. Mª de Roo (Noia), do outro lado do Tambre, é abondoso outro gladíolo algo maior (sobre todo nas súas follas) e máis descoñecido en Galiza, o Gladiolus italicus que é o que está a polinizar o abellón da foto.

Quinta-feira, Junho 15, 2006

Veciños de Barro e membros de ADEGA paralizan as obras no Río Barosa

Hoxe xoves, ás 10 da mañá, veciños de Maquieira, no Concello de Barro, acompañados de membros de ADEGA, decidiron paralizar as obras que se están levando a cabo nas proximidades do espazo natural do Río Barosa.

Estas obras, que levan tempo xerando polémica, consisten nun recheo de máis de 70.000m2 a carón do río, e que para os veciños e ecoloxistas, trátase dunhas obras de un grande impacto ambiental e social, algo que é totalmente inasumible nesta fermosa paraxe natural do Concello de Barro.

Segundo ADEGA, a maiores de non ter tramitado avaliación ambiental algunha, a autorización de Augas de Galiza de 27/07/2004 realizase en base a ter sido sometido o proxecto ao trámite de avaliación ambiental e de seren atendidas as alegacións ao respecto, algo que non se ten feito.

Hai que dicir tamén que a declaración de urxente ocupación outorgada por Decreto, foi realizada, segundo ADEGA, sobre a base de informes totalmente fraudulentos sobre o número de visitantes da zona e os problemas de tráfico que a mesma xeraba e houbo de ser revocada pola propia administración a través do Decreto 66/2006 polo que se deixaba sen efecto o Decreto de urxente ocupación anterior, a pesar do cal o Alcalde de Barro continuou coa ocupación das incas de forma totalmente prepotente.

A vontade dos veciños e ecoloxistas de ADEGA manifestada nunha reunión que tivo lugar na tarde de onte coa asistencia de concelleiros do BNG e do PSOE non é outra que a de conquerir a revisión dun proxecto que só se pode entender polo negocio que representa a obra en si e o que pode representar o negocio de converter en escombreira as beiras do río.

Quarta-feira, Junho 14, 2006

Os veciños de Nigrán nos convocan á manifestación máis...


Salvemos Monteferro e diversas asociacións veciñais de Nigrán convocan a manifestación “Máis” ...a máis pacífica, a máis numerosa, a máis contundente, a máis solidaria....


A saída desta concentración será o sábado 17 nas Angustias (Nigrán) ás 21:00 e baixará cara ó concello pola avda. Val Miñor (500 m), para reclamar un novo PXOM ante o aluvión de presuntos actos delictivos do Plan que defende o Sr. alcalde.

Salvemos Monteferro, que se sumou desde o primeiro momento a esta iniciativa, anima a participar masivamente nela, para facer ben visible que a ameaza da especulación e o perigo de destrución do noso patrimonio, non afecta só a Nigrán, senón a toda a costa galega e a moitos lugares do interior. Por iso dende Salvemos Monteferro e as AAVV de Nigrán se anima á participación dos colectivos galegos afectados pola especulación urbanística no litoral.

Salvemos Monteferro, pensa que temos un obxectivo común diante dun problema común, e por iso lles encantaría ver desfilar as vosas pancartas, cos nomes das vosas vilas e lugares en perigo, polas rúas de Nigrán.

Xa o sabedes a cita é o sábado 17 ás 21h en Nigrán.

Sexta-feira, Junho 09, 2006

ADEGA organiza un roteiro reivindicativo

Este domingo a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organiza un roteiro reivindicativo polos Penedos de Traba e Pasarela e Braño. Seguindo coa súa campaña en defensa da Rede Natura e do Patrimonio Natural galego, o obxectivo é salvar esta paraxe única da especulación depredadora e facer respectar a resolución do Parlamento Galego do pasado 15 de marzo que instaba a declaración deste espazo como Monumento Natural.

Nos últimos tempos, esta zona da Costa da Morte corre grave perigo por mor da instalación dunha canteira para extraer granito, nun lugar perto da fermosa paraxe da Gándara da Barca, onde se pode aprezar a destrucción producida en 1998 pola extracción ilegal de pedra, dunha empresa que só tiña permiso para facer prospeccións. Daquela, as protestas dos colectivos da zona conqueríu que Industria parara a actividade e abrira un expediente sancionados á empresa.

Agora, outra empresa "Extracción y Transformación de Granito S.L.", sucesora da anterior, quere abrir outra canteira en pleno espazo natural dos Penedos de Pasarela, a pesar da resolución (por unanimidade) do Parlamento galego para que estas paraxes foran declaradas Monumento Natural.

As saídas serán diante do Concello de Vimianzo ás 11. De Compostela a saída será ás 9:45 h do local de ADEGA (apontarse no 981570099); dende Lugo, diante de Maxisterio ás 9 h (639 664 924 ou 660 890 655).

Quinta-feira, Junho 08, 2006

Mímese

Sempre me sorprendeu a capacidade de mímese das aves limícolas, pero neste caso é impresionante. A píllara riscada (Arenaria interpres) nos sorprende nesta imaxe na que semella formar parte da rocha. Ás súas cores vense claramente apropiadas para esvaecerse na paisaxe na que vive, sobre todo nesta coloración estival.

Dende logo que pasa desapercibida, por iso deixo a continuación unha foto máis descritiva da mesma píllara.

Barbantesa pau

No mundo dos insectos hai, sen dúbida, aparencias dignas dos filmes de Ciencia Ficción. Que llo digan a Ridley Scott senón. A barbantesa pau (Empusa pennata) é semellante á súa curmá, a barbantesa común (Mantis religiosa) pero, nunha rápida ollada, aprécianse lixeiras diferenzas. As grandes protuberancias da cabeza ou do abdome, tamén máis groso, son indicadores de que non nos atopamos diante da mesma especie.

Dende logo terá un aspecto temible, de aí a súa aparición estelar coma oitava pasaxeira, pero eu penso que ten unha mirada que denota intelixencia, só lle falla falar... ou medrar quizá.

Domingo, Junho 04, 2006

Pola defensa do noso patrimonio natural


Esta mañá celebrouse a concentración, que baixo o lema “Pola Defensa do Noso Patrimonio Natural”, foi convocada polas organizacións ambientalistas galegas co galo do Día Mundial do Medio Ambiente.

Organizacións de toda Galiza se deron cita na praza de praterías. Entre elas puidemos ver a colectivos de sempre, coma a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) ou á Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Tamén asistiron colectivos máis recentes na historia do ecoloxismo en Galiza, coma a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), SOS Courel ou o Foro Social Pola Defensa do Pobo (Cangas do Morrazo).

A concentración foi todo un éxito de presenza de colectivos, pero non se veu recompensado pola escasa asistencia de público, que quizá preferían pasar os 31º de hoxe en Santiago nalgún outro lugar da nosa xeografía. Agardemos que este tipo de convocatorias conten con máis apoio no futuro.

Para todos aqueles que non puideron asistir, aquí poden ler o manifesto íntegro da concentración.

Sexta-feira, Junho 02, 2006

Os veciños seguen agardando fronte ó Concello de Nigrán

Varios correos electrónicos me chegan hoxe do Concello de Nigrán en relación ós disturbios que se están a producir dende esta mañá e continúan nestes intres.

A concentración que se fixo esta mañá convocada entre outros polo colectivo Salvemos Monteferro, e que trataba de impedir a aprobación do Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Nigrán, foi seguida de multitude de veciños e veciñas, que tras ver impedido o paso á Casa Consistorial causaron roturas de cristais e da porta de acceso ó Concello, así coma enfrontamentos coas forzas da orde alí presentes.

A estas horas non hai que lamentar danos persoais, inda que na regueifa se cría que o Concelleiro da oposición municipal Manuel Doldán resultara ferido.

Os veciños continúan agardando a saída do Concello da corporación municipal, xa que temen que, de marchar do lugar, acaben aprobando o PXOM, como pensaban facer esta mañá. Os grupos da oposición, PSOE e BNG sumáronse, logo de abandona-lo consistorio, ós veciños e veciñas concentrados diante do Concello.

Podes seguir ó detalle o que acontece aquí

Porqué a negativa a aceptar este PXOM aquí

Outros datos de interese sobre Monteferro aquí

¡Salvemos Monteferro!