Onte apareceu publicado en Galicia Hoxe que houbera unha “reunión secreta” para darlle viabilidade ó proxecto de outra mega-maxi-hiper-granxadelinguado que sería (coma non...) “a máis grande do múndo”. A localización, a que vedes na foto, a beleza da Punta do Corvo, ocupando para iso grande parte do Cabo de Corrubedo. Non bastaba con fábricas contaminantes, chapapote e urbanismo salvaxe, agora queren borrar Corrubedo do mapa para que apareza no lugar onde está o cabo a seguinte lenda “Benvidos a Stolt Sea Farm – Prodemar” ou PODREMAR que lle queda máis ó xeito.
Hoxe dei un paseo polo lugar (agardo que non sexa o derradeiro), para preparar unha reportaxe de Natureza Dixital. Polo que puiden ver e oír, coido que o movemento de resposta social que se achega vai ser moi forte. Os veciños cos que falei están totalmente en contra (a eles non lles poden mentir sobre centos de postos de traballo) e tamén puiden falar con Manoel Santos, o autor do primeiro texto de resposta a este atentado ambiental: Deixade Corrubedo en paz!!
A noticia comeza a espallarse na rede, aí van unha serie de ligazóns sobre o tema:
Manuel Gago, mestre blogueiro, publica “Unha cuestión de diñeiro”
Diario del Gourmet de provincias y del perro gastrónomo escrebe “Desastre”
Algúns artigos publicados en Galicia Hoxe:
“Si condicionado”
“Campaña ecoloxista en defensa de Corrubedo”
“Salvar Corrubedo”
“Pregaria desesperada polo cabo Corrubedo”
Algún poderá pensar que estou sendo parcial, e que algún interese me move... pois está no certo, 16 anos vivindo entre o Monte Facho e a Duna, ás portas de Corrubedo, son moitos anos, demasiados para que agora, dende Santiago, non bote en falla os paseos pola Ladeira ou polo cabo, este que a Conselleira de Pesca, algún político de pouca monta e os noruegueses queren facer desaparecer. Se os Noruegueses queren face-la granxa máis grande do mundo, téñeno fácil, que a monten en Noruega, que teñen mar abondo.