Quarta-feira, Agosto 16, 2006

Galicia contra o fume



Vense de crear unha plataforma cidadá chamada Galicia contra o fume, nesta dirección podes ler o seu manifesto á opinión pública galega sobre os incendios forestais.

Terça-feira, Agosto 15, 2006

Manifesto dos traballadores de incendios


Hoxe 15 de agosto de 2006, manifestaránse os traballadores libres de servizo das brigadas de incendios da Xunta de Galicia nas capitais de provincia galegas. Dende este blogue, quero amosa-lo meu apoio ás súas demandas, reclamando dignidade profesional, e coma non, agradecer á súa entrega, non só neste ano senón en tódolos anteriores. ¡Forza e adiante, compañeiros!

MANIFESTO do PERSOAL LABORAL das BRIGADAS e do SERVICIO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS de GALICIA:

• A TODA A SOCIEDADE GALEGA MANIFESTÁMOSLLE a nosa SOLIDARIDADE ante a tremenda traxedia que estamos a sufrir, garantíndolle que todo o esforzo do noso traballo está e estará ó servicio de tódolos cidadáns.
• MANIFESTÁMOSLLE as nosas CONDOLENCIAS e SOLIDARIDADE ás duas familias dos falecidos nos dous lamentables e desgraciados accidentes acaecidos na provincia de Pontevedra nos incendios forestais dos primeiros días da traxedia.
• MANIFESTAMOS o MAIOR dos DESPRECIOS POSIBLES ós delincuentes incendiarios asesinos por provocar danos irreparables tanto en perdas de vidas humanas como materiais, nas vivendas e propiedades, ademáis do tremendo dano medioambiental e patrimonial ocasionado ó monte galego, e demandamos das institucións e de toda a sociedade que, con estes delincuentes … ¡¡¡TOLERANCIA CERO!!! e ¡¡¡MÁXIMA COLABORACIÓN!!! de todos cos Corpos e Forzas de Seguridade para que, coa maior rapidez, consigan neutralizar a estes indesexables pondos a disposición xudicial.
• MANIFESTAMOSLLE o noso SINCEIRO AGRADECEMENTO a tódolos compañeiros/as do Servicio de Extinción de Incendios Forestais da Xunta de Galicia e ós dos demáis colectivos de extinción (especialmente a todos os compañeiros que hoxe non poideron estar aquí) polo seu innegable esforzo, profesionalidade e pola adicación coa que están actuando, pese ás precarias condicións laborais nas que que seguimos traballando, pese á falta de recoñecemento social do noso traballo e pese ó nulo apoio que recibimos da propia Consellería do Medio Rural á que pertenecemos; SIN O TRABALLO E A COOPERACIÓN ABNEGADA E SILENCIOSA de TANTOS e TANTOS COMPAÑEIROS/AS, a SITUACIÓN AINDA SERÍA MOITO PEOR. ¡¡¡A TODOS/AS ELES, GRACIAS, MOITAS, MOITÍSIMAS GRACIAS!!!
• MANIFESTAMOS a nosa PREOCUPACIÓN pola DESCOORDINACIÓN e DESNORTAMENTO no deseño do dispositivo do INFOGA-2006, consecuencia da irresponsabilidade, da falta de previsión, do exceso de improvisación e da sordeira da Consellería á que insistententemente se lle plantexaran alternativas para ter o operativo de verán disposto con antelación suficinte e, pese a elo, ainda a día de hoxe están contratando persoal propio: o desorden administrativo e o retraso e tardanza producidos na confección do operativo do reforzo do verán fixo que, por primeira vez en moitos anos, tiveran que contratar de urxencia brigadas a través de empresas forestales, co que o operativo de extinción forestal en Galicia disgregouse en distintos colectivos heteroxéneos con condicións de traballo precarias, dispares e disparatadas.

Os traballadores consideramos que é a hora de facer cousas ENTRE TODOS nun exercicio de corresponsabilidade de tódolos cidadáns co obxectivo de atallar un problema que sin duda afecta a todo o conxunto da sociedade galega. Ante esta tragedia a clase política está obligada con toda a sociedade a unha ACCIÓN de GOBERNO FIRME, PLURAL e de CONSENSO. Neste senso plantexamos que, con carácter urxente, se adopten as seguintes iniciativas:

• O establecemento dun MANDO ÚNICO PERMANENTE na loita contra os incendios forestais co fin de mellorar a coordinación e para axilizar a toma de decisións.
• A integración no Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de tódolos efectivos que traballan habitualmente na loita contra os incendios forestais en Galicia, conformando un ÚNICO OPERATIVO, ESTABLE e PERMANENTE, para favorecer a coordinación e o despliegue eficaz dos efectivos e para evitar condicións de traballo dispares, diverxentes, discriminatorias e disparatadas como as que existen.
• A dotación ó Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais de MÁIS MEDIOS MATERIAIS e TÉCNICOS e de MELLORES CONDICIONS LABORALES para favorecer a eficacia e a eficiencia do traballo de prevención, extinción e investigación.
• A promoción e o impulso dun ACORDO POLÍTICO-SOCIAL que convirta a loita contra os incendios forestais na principal PRIORIDADE SOCIAL do GOBERNO co obxectivo de frear definitivamente esta lacra que asola ano tras ano o MAIOR PATRIMONIO de TÓDOLOS CIDADÁNS: OS NOSOS MONTES, OS, ATA AGORA, ¡¡¡FERMOSOS MONTES GALEGOS!!!

CONSIDERAMOS que, entre todos e todas, con estas medidas positivas, promoveríamos: A UNIDADE da SOCIEDADE en torno ó GOBERNO e, sobre todo, o que todos teñamos TOLERANCIA CERO cos DELINCUENTES INCENDIARIOS

Galicia, 15 de agosto de 2006

Domingo, Agosto 13, 2006

XA BASTA DE CRIMINALIZAR ÁS BRIGADAS!!!



Xa estou canso de escoitar e leer sandeces e tonterias de todo tipo sobre os incendios forestais, pero non, o conto non ven de agora, levoas oíndo dende o ano 89, cando sendo case un rapaz, comecei a traballar nunha cuadrilla de extinción de incendios no verán, con condicións pésimas (quendas de 24h de guardia que se convertían a veces en 48) e lumes imposibles. Cando non existían apenas medios de extinción e cunha motobomba e unha cuadrilla de tres persoas nos enfrontábamos a lumes que botarían para atrás a calquera.
Pero era novo entón, e a miña mente aínda podía ser sometida ó estrés de quendas e incendios imposibles e ó nulo recoñecemento da poboación á nosa laboura, cando non era entorpecendo o noso traballo.
Pasei 14 anos logo traballando nun Parque Natural, e seguín sometido ( a pesares de non traballar en cuadrillas de incendios) á ditadura do lume no meu traballo, a agardar cada noite, como nas mesmas zonas e ás mesmas horas nos viñan a animar a noite ós fillos da puta dos pirómanos en toda a Barbanza. E seguín vendo coma ninguén apoiaba o noso traballo, como chegando ós incendios que empezaban ó pé das casas, e con todo o vecindario nas fiestras ningén ollara nada, ninguén sabía nada, nunha sorte de lei do silencio que coñecíamos ben. Tampouco colaboraba ninguén, a menos que fora cando o lume non era sinxelo de controlar e se achegaba perigosamente a algunha casa.
E chegou aquel ano 96 que semella xa ninguén lembra, un ano que ardeu Galicia polos catro costados, pero sobre todo na Barbanza, no Morrazo, no Salnés e en Ourense. Os meus compañeiros e máis eu nos enfrontamos á peor experiencia da que me poida lembrar, que foi a de pasar máis de 70h nun mesmo lume, sen durmir, e sen que ninguén nos trouxera auga ou comida, pola descoordinación e a incompetencia, así como a desfeita xeralizada en tódolos lados. Pero nese ano a nosa non foi a peor experiencia, senón a dos compañeiros mortos aló en Ourense, os compañeiros de unha brigada de incendios forestais.
Dende fai anos, tantos como levo traballando a carón dos compañeiros das brigadas de incendios, se fala da trama do lume, se fala tamén de detencións de brigadistas, se fala da existencia de motivacións políticas para que arda o monte, se fala de moitas cousas, pero non se fala de falta de previsión, non se fala de pacto social, non se fala de reunir ós sectores implicados (todos eles) e sentalos nunha mesa para alomenos coñecer a súa opinión, non se fala de coñecer as motivacións dos incendios, non se fala do abandono do rural, non se fala das vinganzas entre paisanos, non se fala da especulación (urbanística e da madeira), non se fala do problema do xabarín e o lobo no agro, non se fala da creación de pastos para o gando mostrenco, das vinganzas entre agricultores de terras baixas e propietarios de gando de terras altas, non se fala da inexistente planificación forestal, non se fala dos dereitos dos traballadores forestais, non se fala de incompetencia dos gobernantes.
Pero sentados na tertulia da televisión ou diante de dúas cervexas nunha terraza da nosa capital galega, e de outros lugares falan os entendidos en tódolos temas, e atopan a teoría da conspiración, porque seica (o dí un matemático e un economista) estes lumes de hoxe teñen unha "tipoloxía diferente". Pasará o lume e os compañeiros de incendios seguirán sen coñecer o seu futuro, si terán algún día unhas condicións de traballo dignas ou si privatizarán o seu servizo e llo darán a TRAGSA que semella é o camiño ó que conduce toda esta tolemia politiqueira que tentaron sementa-los do PP e agora seguen sementando os do BNG e PSOE. Pero claro está, cando remate esta vaga de lumes ninguén se lembrará do persoal de incendios da Xunta de Galicia.
Por certo, para quen non esté enterado, os brigadistas detidos este ano un era un traballador de TRAGSA e outro dunha cuadrilla municipal, ningún era dunha brigada de incendios de Medio Rural (deses desencantados...) e si así fora non lle daría dereito a ninguén a poñer en dúbida a profesionalidade destes traballadores forestais. Do mesmo xeito que cando hai un policía ou un xuíz corrupto, ninguén dí que a policia ou os xuizes atracan ós bancos ou andan coa droga. Ou que os políticos que dín estupideces teñen que ir ó cárcere, porqué senón non habería carcel para tanta morralla e tanta baixeza moral.

SOLIDARIDADE COS TRABALLADORES DE INCENDIOS. ¡DIGNIDADE!

Quarta-feira, Agosto 09, 2006

Dignidade II

Dignidade










Non teño moitas palabras para dicir todo o que está a pasar pola miña cabeza nestes días, ou si as teño, pero estarían cheas de rabia, por iso escuso de dicilas. A traveso das imaxes só quero lembrar a todos e todas aqueles que están a manter a nosa dignidade nos montes e nas aldeas de Galiza, eles si que saben estar á altura, e non os políticos que dan noxo coas súas declaracións.