Segunda-feira, Setembro 25, 2006

O País dos dez mil verquidos

Nos últimos días, semella que medran as ligazóns e as visitas a esta páxina web, e sobre todo a este blogue. Se a web Natureza Dixital, aínda está á espera dunha próxima revisión e posta a punto, a actualidade ambiental se atopa no blogue, dende outra perspectiva, e sobre todo dende un punto de vista persoal, o meu propio punto de vista. Unha ollada que, como todas, pode ser acertada ou errada, pero que é a miña ollada.

Un blogue non é un panel de anuncios nin convocatorias, aínda que aparezan recolleitas nel. Tampouco o blogue é un lugar que só se nutra de notas de prensa, aínda que existan. Tampouco debemos excedernos nas gabanzas e nas loas, aínda que as fagamos.

Dacordo, chegados a este punto algún profesor de xornalismo me diría que un blogue (blog, bitácora, weblog...) é outra cousa, pero este é o meu blogue, que comparto con moita xente, pero que, a fin de contas, é o lugar onde eu quero amosar a miña persoal ollada sobre a natureza e a súa problemática, querendo aportar o meu gran de area no seu descubrimento.

Nos últimos días, advertín un aumento de ligazóns e de contactos a este blogue, tanto dende outros diversos, como de medios de comunicación. Entre estes medios recibín un correo de Martí Aviñoá, de unha emisora de radio de Cataluña que emite un programa en galego semanalmente: Galiza, Algo Máis. A súa intención era facerme unha entrevista para falar da problemática ambiental de Galiza.

Entrei en directo o pasado sábado, con problemas de cobertura telefónica, xa que me atopaba cuns amigos comúns na casa de Federico Real. No programa me preguntaron sobre a contaminación nos ríos (caso do Umia) e sobre si cría que estaba a aumentar a conciencia ambiental en Galiza. Pregunta, esta última, moi difícil de responder e ser “politicamente correcto”.

Non, realmente non creo que estea a aumentar a conciencia ambiental na Galiza. De cando en vez (Prestige, Incendios, Brenntag...), a conciencia ambiental pega un salto, e a moitas persoas lles entra a rabia pola destrución do noso medio. Pero isto pásase axiña. Cando xa deixa de ser noticia de portada, vaise esvaecendo o problema da nosa conciencia, e ninguén se lembra de que ríos como o Umia son todos os ríos galegos. Case que todos son sometidos a unha lenta agonía de verquidos e eutrofización. Só nesta última semana, puiden ver dous novos verquidos que mataban toda a fauna do río, no río Sar e no Rois. Ninguén falaba deles e xa ninguén se lembra do Umia. Porque Galiza, por desgraza, vai cambiando. Pasou de ser o País dos dez mil ríos de Cunqueiro, a ser o País dos dez mil verquidos de hoxe.

A conciencia ambiental é encherse de rabia cada vez que se ve algo así. A conciencia ambiental é erguerse cada mañá, pensando en que podo facer hoxe por solucionar o problema ou porque os demais coñezan o problema e me axuden a solucionalo. Pero sobre todo, a conciencia ambiental é ter presentes as palabras do Gran Xefe indio Noah Sealth, que nos fala de que a natureza non nos pertence, e que a debemos conservar para as xeracións vindeiras.


Domingo, Setembro 24, 2006

Non ao maltrato aos animais, polo cambio da lei

A veces un cree perde-la esperanza na especie humana, pero logo da manifestación de onte en Ribeira, volve un a recuperar folgos para continuar, e no fondo, sutilmente, apreciase aquilo ó que lle chaman conciencia social ou conciencia ecolóxica.

A convocatoria da manifestación contra o maltrato animal, pasou case desapercibida para unha gran parte da opinión pública. Especialmente para aquela parte que si cree nesta loita. A convocatoria non apareceu recolleita nas webs dos grupos ecoloxistas galegos con maior influencia na poboación. Só dous grupos, ERVA e, o que se cría desaparecido, CENAR, estiveron á fronte da organización do evento, integrados no Comité Local de Ribeira contra o Maltrato Animal. Pero non estiveron sós, contouse coa gran colaboración das protectoras de animais de Galicia, de León e de Madrid (onde houbo unha concentración paralela), e de un recentemente creado grupo ecoloxista, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo.

Ningún partido político ou sindicato (agás a CUT) estivo presente nin apoiou o acto, quizá movidos polo interese das eleccións municipais e sindicais vindeiras. Ningunha persoa de estes colectivos estivo alí, nin individual nin colectivamente.

O Concello de Ribeira, puxo trabas sistemáticas á organización do evento, cambiando o percorrido da marcha ou non accedendo ó emprestamento da megafonía precisa para ler ó manifesto final.

A pesares de todo isto, centos de persoas secundaron a protesta, nunha das maiores manifestacións celebradas en Ribeira, 400 manifestantes segundo a policía, e 2.000 ó parecer dos organizadores.

Os meus vellos amigos, Pedro Alonso, de ERVA, e Ignacio González, de CENAR, convidáronme a acompañalos na cabeceira da manifestación, algo que fixen sen dubidalo un instante, pola miña concienciación ó respecto e pola miña condición de ribeirense.

Quinta-feira, Setembro 21, 2006

Agarda que algo queda

Non todo vai a ser malo nestes días. Esta noite puiden ollar un anaco a un xuvenil de raposo en perfecto estado. Xogou co ton burlón da súa especie connosco, agora me achego, agora me vou... Aquí vos deixo unha foto do elemento que me fixo pasar un rato agradable, agora collo a cámara, agora se vai... non collo a cámara e... en fin, aquí está a foto.

Quarta-feira, Setembro 20, 2006

Danos colaterais

Hai danos que non se aprecian ate pasado un tempo. Coa teima dos incendios moitos de nós vimos como non só o monte se queimaba, senón como algún animal morría no intento de fuxir ou fuxía do lume pero ferido de morte.

Así, neses días infernais, unha foto, das varias que fixen durante a vaga de lumes era máis que unha foto. Na fotografía, publicada noutro post, podíase ver un coello co lombo chamuscado buscando acubillo tras dunha xesta queimada. Pero non só era iso, alomenos para min.

Acababa de ver como o coello, tolo pola dor, saíra do lume tropezando coa xente, cego e sen rumbo, ou quizá levaba rumbo, pero o da súa desesperación. Detívose trala xesta queimada, da que só quedaban os pequenos troncos leñosos, e creu, para si e nese momento, que era unha xesta protectora, sen decatarse que, tremendo de dor e ferido de morte, estaba á vista de todo o mundo.

Hoxe, cando xa vai máis dun mes dos terribles lumes de agosto, vin outra escena similar, que é a que ilustra este post. Cando estaba a piques de caer o sol, vimos un raposo á beira da estrada, detivemos o coche estrañados de que non fixera amago de fuxir e quedamos expectantes, vendo que non só non fuxía, senón que se achegaba a nós, como esperando algo. Tirei unhas fotos e o raposo marchou, pero non como marcha o raposo, co trote burlón e habitual, ollándote cada pouco coma xogando contigo. Non, tan só marchaba, co paso cansiño do que coñece a súa sentenza, sen voltar a ollada atrás, ignorando totalmente a estes humanos que o condenaran, e dos que xa non tiña nada que temer.

Logo vin a foto e decateime de que lle pasaba. O seu corpo tiña aínda as secuelas dos últimos incendios, que se notaban sobre todo, na súa orella descarnada e infectada polas queimaduras. Ferida que será, sen dúbida, a súa sentenza de morte.

Terça-feira, Setembro 19, 2006

Manifestación contra o maltrato animal

Como xa víñamos decindo nos últimos posts deste blogue, o próximo sábado haberá unha manifestación en Ribeira contra o maltrato ós animais. O seguinte é o texto íntegro da convocatoria feita polo Comité Local de Ribeira contra o Maltrato Animal:


MANIFESTACIÓN

CONTRA O MALTRATO AOS ANIMAIS

POLA NON VIOLÉNCIA

Sábado 23 de setembro, 12 h.

Explanada da Estación de Autobuses, Ribeira

O pasado dia 11 de setembro as televisións asombraban ao mundo cunhas imaxes de extrema brutalidade contra un animal indefenso. Estas imaxes convulsionaron as conciéncias de milleiros de persoas non só no Estado Español, senón en toda Europa. A persisténcia aínda hoxe de focos de violéncia e crueldade contra os animais non é nada novo. Desgraciadamente, son frecuentes os casos como éste e como outros, se cadra máis graves, nos que se tortura impunemente a un animal ata a sua morte. Debemos aproveitar o tirón mediático que estas escenas provocan para alzar a voz e esixir dos poderes públicos un xiro copernicano na política de protección dos animais. É realmente triste comprobar cómo se sigue festexando a crueldade coa escusa da tradición, cómo se somete a torturas inxustificadas nos laboratórios e centros universitários, cómo se mantén e se transporta aos animais que logo consumiremos como alimento ou vestimenta e cómo, en definitiva, se desprecia a vida animal. Na actualidade, o mundo vive ao ditado das regras máis absurdas do consumismo desbocado. O 70% da povoación mundial vive no umbral da pobreza ou baixo dél, mentres o 30% restante se preocupa pola sua auto-estima ou por pagar a hipoteca da sua vivenda. Apreciar a vida animal pode contribuir a un mundo máis xusto, pois as persoas poderíamos comprender-nos mellor tan só observando a conduta dos animais. Cans, cabalos, gatos, etc., son hoxe un bálsamo emocional para miles de persoas que encontran neles un refúxio e un estímulo para enfrontar a vida diária. O desenvolvimento da sensibilidade é crucial para resolver muitos conflitos de hoxe, por iso a compañía e o cariño dos animais nos pode axudar a ver máis alá das nosas imperfeccións humanas.

Mais a normalización do respeto aos animais é unha tarefa aínda árdua en algunhas partes do mundo. En Galiza implica abordar un cámbio na lexislación existente e a realización de campañas públicas para denunciar e aillar socialmente ás persoas que maltratan aos animais. No momento presente, tamén se revela importante dar apoio incondicional ás persoas que se atreven a denunciar eses maltratos en entornos desfavorables pola escasa cultura e concienciación social. Por iso, o caso acontecido en Aguiño debe espolear ao vecindário deste lugar, ao de Ribeira, ao do Barbanza e á sociedade galega en xeral para demostrar que non somos como ese exemplar humano que tratou de educar aos seus cans a vareadas, supostamente para que non lle comesen as galiñas.

NON AO MALTRATO AOS ANIMAIS

POLO CÁMBIO DA LEXISLACIÓN DE PROTECCIÓN DOS ANIMAIS

APOIAMOS A DENUNCIA DE AGUIÑO

CONVOCA: Comité Local de Ribeira contra o Maltrato aos Animais

Segunda-feira, Setembro 18, 2006

Nota de prensa de Federico Real

Hai feitos que non permiten unha visión lonxana do problema, senón unha implicación nos mesmos. O maltrato animal, así como a persecución sistemática de quen o denuncia, non pode quedar impune. Dende este blogue quero dar conta da nota de prensa do veterinario Federico Real, emitida o venres da semana pasada, tra-los sucesos nos xulgados de Ribeira, e que non tivo moita repercusión nos medios de comunicación:


COMUNICADO DEL VETERINARIO FEDERICO REAL SÁNCHEZ:



Yo, Federico Real Sánchez, colegiado 675 por la provincia de A Coruña, con
D.N.I. 36.072.016, quiero manifestar lo siguiente:

1-Agradecer las miles muestras de cariño y solidaridad de toda España.

2-Que los 40 energúmenos que me insultaron ayer no representan en absoluto a
la parroquia de Aguiño.

3-Que desde febrero de 2005, cuando el Sr. Lado fue sancionado con 6000
euros, la vida de mi familia se convirtió en un auténtico infierno.

4-Que el motivo de que decidiera ahora darle publicidad a las imágenes
emitidas en estos días por televisiones de toda España, no es otro que el
envenenamiento de mi perro Karpin, ocurrido el pasado 3 de septiembre, y que
murió con fuertes convulsiones y sufriendo un dolor atroz, para nada
comparable con las "caricias" que mi vecino propinaba a sus perros.

5-Que de haber sido el fin último de mi actuación la influencia de las
imágenes sobre la Justicia, entiendo que las habría utilizado antes del
juicio por la paliza que el Sr. Lado, su hija y otros familiares nos
propinaron a mi mujer y a mí, en presencia de nuestros hijos, en abril del
2005, hechos por los que los agresores fueron condenados por los tribunales.

6-Los problemas civiles que pudiera mantener en el pasado, no con el Sr.
Lado Palmier, sino con otra familia, fueron dirimidos por los tribunales
civiles, cuyas sentencias, por definición, se respetan y acatan, y siempre
han sido favorables a mis tesis. Intentar relacionar esto con el salvaje
comportamiento de mi vecino es propio de actitudes irracionales y totalmente
incomprensibles desde el respeto a los animales.

7-Que de la misma manera que he puesto gratuitamente a disposición de todos
los medios de comunicación las imágenes de la brutal agresión a los
animales, se me remitan los vídeos en que se vierten "adjetivos" sobre mi
persona para actuar judicialmente contra quienes los emitieron.



Agradecido de antemano,

Federico Real Sánchez

Quinta-feira, Setembro 14, 2006

Holligans de folla de lata

Unha personaxe chamada Roquentín nos amosaba a náusea polo que acontece decote, pola existencia mesma, e porque nada, nada do que nós procuremos para muda-la existencia, ten significado, máis aló da negación da existencia mesma.

Hoxe, a náusea, a mesma náusea que expresaba Sartre, se me amosa tras acende-lo televisor e ver rostros coñecidos, de Aguiño, de Carreira, de Ribeira, aplaudindo ó “canicida” que orgulloso se gaba da complicidade dos seus particulares Holligans, estes que atacan, polo menos verbalmente, a quen cometeu o tremendo “delito” de denuncia-la inimaxinable crueldade do seu veciño o “canicida”.

A náusea esta aí decote, cando menos agardo salta e se me aparece diante. Cando cremos que todo marcha ben decatámonos de que nada e como agardábamos. De que as persoas non son o que pensábamos. De que os intereses fan mudar o comportamento.

O “canicida” é sen dúbida un enfermo, e non dos que teñan cura, pero ¿qué son os seus Holligans? Os Holligans de folla de lata cren que cando se xuntan máis de dez se xuntan moitas neuronas, e que por iso a verdade e a razón está con eles. Pero o único que está con eles é a superioridade, a da protección da tribo.

Os Holligans de folla de lata cren que quen debe pagar co cárcere é o que denunciou a barbarie dun enfermo, quen sofre a convivencia cruel do sen escrúpulos, quen xa é unha vítima esgotada pola convivencia.

Cren iso porque non poden ver máis aló do seu nariz, porque entenden que o “amigo” é o amigo e que hai que perdoarlle todo. O estraño, o que ven de fora, é para eles o “agresor”, o que se mete onde non lle mandan.

“Era unha excelente persoa” é unha frase recorrente que escoitamos acotío nos informativos, e sempre vai adicada ós agresores. Coma se lles custase crer que o seu veciño é quen é, quen atacou ó semellante ou ó diferente. E a veces non o cren, aínda que o vexan cos seus propios ollos non o cren. Porque o seu veciño se comporta con eles agarimosamente, e non saben do outro o veciño, o de portas para dentro, o cruel, o sádico, o asasino.

Federico Real fixo o que tiña que facer, o que faría calquera persoa de ben. ¿E qué recibe coma pagamento? A agresión, o rexeitamento, o manteo público dos necios na sé da xustiza, os insultos, o asasinato do seu amigo, do seu can.

¡Unha aperta Federico, e sobre todo ánimo!

Quarta-feira, Setembro 13, 2006

Nota do Colectivo Ecoloxista do Salnés sobre o estado do Umia

Verquido de fecais na confluenza dos ríos Follente e Umia no lugar de A Tafona (Caldas de Reis). Foto: Xermán G. Romai.


A continuación paso a transcribir a nota de prensa que, sobre o estado do Umia e a catástrofe da Brenntag elaborou o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) e foi xa publicada en Vieiros:

Valoración do Colectivo Ecoloxista do Salnés da catástrofe de Brenntag

O río Umia debe integrarse na xestión do territorio

[08/09/2006 08:46] A verdadeira catástrofe do río Umia, ao igual que todos os ríos e regatos do Salnés, é o xeito no que está a ser tratado e xestionado (como se se tratara dunha cloaca a ceo aberto) como se evidenciou estes días co vertido de Brenntag. O CES considera que esta empresa, ao igual que calquera outra, debería estar ubicada nun polígono industrial ben dotado de medios e de protocolos de actuación ante casos de perigo ás persoas e ao medio.


Ese debería ser a razón de ser dos polígonos, e non as guerras entre os concellos para ver quen ten o polígono máis grande. Así os polígonos, ademais de aportar unha boa infraestructura e rede de comunicacións ao sector empresarial, deben aglutinar as empresas para minimizar o seu impacto no medio (un sistema de depuración de augas conxunto, evitar o impacto visual que ocasiona a dispersión de empresas e naves, plans conxuntos de emerxencias que complementen aos propios de cada empresa, facilitar o control ambiental e sanitario por parte da administracións...).
O Umia leva sufrindo dende anos atrás unha grande cantidade de impactos e vertidos, e sen que o feito de estar falando dun río-arteria que sirve de auga aos concellos do Salnés, pareza que importara nen ao sector empresarial nin ás administracións locais nin autonómicas. Esta situación levou ao Umia a sufrir altas concentracións de fosfatos, canalizacións,, recheos, repetitivos e case periódicos vertidos contaminantes (domésticos e industriais) en distintos puntos do seu cauce (Ribadumia, Cambados,...). A aparición de peixes mortos, asfixiados pola reducción de osíxeno disolto que estes vertidos provocan xa non é unha estampa casual, senón algo que se está a facer moi común. Esta situación levou incluso á propia Deputación de Pontevedra a encargar un estudio onde se inventariaron 177 focos contaminantes; pero ahí parece que se quedou a cuestión, pois non se coñecen as medidas correctoras aplicadas ao respecto. ¿Quedámonos tranquilos localizando impactos e non se actúa para evitalos ou minimizalos? .

Ante o caso de contaminación que causou o incendio da empresa Brenntag, a rapidez de actuación a nivel técnico para controlar e neutralizar a contaminación foi crucial na eficacia que parece está a ter estas medidas de control. Mais este éxito da metodoloxía empregada non debe solapar os efectos negativos que está a ter este vertido e as propias medidas de control, que deben ser atalladas unha vez pase esta fase de decisións de emerxencia. A este respecto o CES cree que hai varios aspectos sobre os que administración debe actuar:

Efectos na fauna e flora fluvial. A administración deberá facer un inventario e un análise de cantidades e especies máis afectadas, así como levar a cabo a retirada inmediata da fauna e flora morta, polo risco de ser inxerida por animais introducindo así o contaminante na rede trófica. Ademais debe ser analizado o comportamento dos anfibios e tamén, e de xeito pormenorizado, o impacto do vertido na poboación de lontras que existía nos arredores da zona afectada.

Efectos nas ribeiras. As obras de canalización para abastecemento de auga potable ao lado da ribeira, así como os movementos de terra provocados pola construcción dos diques e balsas, debe analizarse o seu impacto e tomar as medidas oportunas para minimizar os seus efectos na vexetación de ribeira, crucial para a vida do río.

Analizar as augas do tramo inferior ao contaminado, e varias estacións de mostreo dispersas dende a zona cero ata a desembocadura do Umia, para así valorar en conxunto o grao de eficacia da metodoloxía empregada. Non debemos esquecer que este río inflúe de xeito enorme na dinámica natural de toda a enseada do Bao, zona núcleo do espacio protexido como Lugar de Importancia Comunitaria do Complexo Ons- O Grove.

Máis alá das medidas de control puntuais que nos levou o incendio de Brenntag, a situación dos ríos do Salnés debe remover consciencias e dunha vez por todas levar a cabo unha ordenación dos usos das augas e das ribeiras dos ríos e regatos, así como perseguir xudicialmente a todos aqueles (particulares, empresas e mesmo Concellos) que vertan aos ríos sen previa e adecuada depuración, deixando atrás xa, dunha vez por todas, a política da vista gorda.

Quarta-feira, Setembro 06, 2006

A Central Unitaria de Traballadores denuncia verquidos no Umia anteriores ó incendio da Brenntag

Imaxe do río Umia ó seu paso por Caldas (2qm augas arriba da Brenntag) o pasado luns 4/9/2006. Foto:CUT.

Ante os feitos acontecidos en Caldas de Reis (Pontevedra) logo do incendio na factoría que a empresa Brenntag posúe a carón do río Umia, e que puideron causar o verquido de substancias contaminantes e a mortaldade da fauna ictícola asociada ó río, a Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) desexa manifesta-lo seguinte á opinión pública:

Dende a CUT creemos que se están a ocultar e a manipular, por parte das fontes oficiais, moitas das informacións relevantes a este caso. En especial no referente a existencia de un ou varios importantes verquidos previos ó incendio da planta química e que tiñan diferente orixe que a da citada planta.

Membros da CUT puideron comprobar, ante a denuncia feita por varios cidadáns de Caldas de Reis, como o río baixaba “morto” dende varios quilómetros augas arriba do lugar dos feitos, deixando un rastro verde nas augas e unha elevada mortaldade de peixes. Algo que entendemos asociado máis a un proceso de eutrofización que a un verquido propiamente dito.

Un proceso de eutrofización dáse nas augas cando (normalmente sometidas a temperaturas elevadas) estas concentran unha elevada cantidade de nutrientes, favorecendo o crecemento de algas e microorganismos que rematan por consumir a totalidade do osíxeno da auga, matando finalmente aos organismos vivos. A extremada coloración verde das augas do Umia pode ser debida, ó noso entender, pola proliferación de algas no río tras un proceso deste tipo.

Á CUT tamén lle consta que horas antes do desgrazado accidente da Brenntag, persoal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible se achegou ó lugar, ante denuncias de veciños, pola elevada mortaldade de peixes na zona e a mancha de cor verde que cubría a totalidade do treito do río. Isto foi o día 31 de agosto de 2006, con máis de 24 horas de antelación ó incendio da Brenntag. Á CUT tamén foi informada de que este persoal da Consellería tomou mostras de augas para a súa análise. Feitos todos estes, que a día de hoxe, semellan “esquecidos” por Medio Ambiente.

O tristemente coñecido Encoro do Umia podería ser a causa de este verquido ou “mancha” de cor verde nas augas, e que, como puidemos comprobar, está asasinando á fauna do río Umia moito antes do lugar do incendio da Brenntag, xa o seu paso polo pobo de Caldas de Reis.

Dada a temperatura destes días, o encoro almacenou unha cantidade importante de nutrientes que deron paso á aparición de millóns de algas, baixando alarmantemente os niveis de osíxeno na auga. Logo estas augas foron expulsadas do encoro augas abaixo, cubrindo nestes intres varios quilómetros de río, e segundo nos contan veciños de Caldas, non é a primeira vez que isto acontece.

Ademais desta mancha, outros verquidos están a aniquilar actualmente o río Umia, especialmente un que é ben visible, o que se produce ó seu paso polo lugar de A Tafona, onde o emisario municipal de Caldas expulsa diariamente toneladas de detritos sen depurar.

Pero estes non son casos illados. Fai tan só tres meses, e augas abaixo da Brenntag, no lugar de Ponte Arnelas, un cocedeiro de bonito, foi denunciado pola emisión de contaminantes ó río Umia. Nunha longa cadea de denuncias por verquidos a diversas empresas, na que tamén a propia Brenntag, fora xa denunciada sete anos antes dos feitos.

Agora un grave caso está a sementa-la indignación ante a opinión pública. O incendio na Brenntag, empresa que non debería estar instalada á beira dun río, coma tampouco a gasificadora ou a gasolineira contiguas, liberou, segundo nos confirman empregados, e os datos que a modo de bye-pass nos subministran as autoridades, unha importante cantidade de tolueno, capaz de aniquilar boa parte da fauna do río.

Pero este axente químico non pode ir contra ás leis da natureza. E dicir, o tolueno, coma calquera material líquido non pode subir augas arriba, polo que non puido causar a morte da fauna á altura de Caldas de Reis (a dous quilómetros do incendio), e sobre o lugar onde se quere facer a captación de auga.

Así mesmo o tolueno non é soluble na auga, e se evapora rapidamente, a temperaturas superiores ós 20º centígrados. Algo que en nada ten que ver coas informacións recolleitas por varios medios de comunicación, sobre que o tolueno, mesturado coa auga, formaba esa película de cor verde que se apreciaba nas fotos.

Mesmamente, e ó contrario das informacións dadas por algún grupo político sobre os efectos canceríxenos do tolueno, a Norteamericana Agency for Toxic Substances and Disease Registry indica que o tolueno non produce cancro. Si outras substancias, coma o benzo(a)pireno, das que non se demostrou a súa existencia no lugar, pero si noutros verquidos coma o do “Prestige”.

O que está claro é que o Umia, con Brenntag ou sen ela, é un río sometido a continuas agresións, e nun estado de lenta agonía e posible desaparición de seguir este rumbo. O incendio na factoría de Brenntag é hoxe actualidade, pero agardemos que isto non se quede nunha cortiña de fume que agoche a verdadeira situación deste outrora fermoso río.

Dende a CUT, cremos que agora quedan varias preguntas por respostar:

-¿Porqué non se ofrecen dados concretos sobre a composición do verquido ou verquidos?

-¿Cales son os dados sobre mostraxes augas arriba? (o protocolo de toma de mostras ante un verquido obriga a facer mostraxe no lugar do posible verquido así coma tamén augas arriba e augas abaixo para descartar outras posibilidades)

-¿Porqué se ocultou e se seguen a ocultar a denuncia e a toma de mostras do verquido do día 31 de agosto?

-¿Cal ou cales son os plans ou protocolos de actuación ante catástrofes destas características?¿Existen ou seguiremos improvisando cada vez que aconteza unha desgraza deste tipo?