
Terra Chá
Comezo da vida

Corzos. Foto: Xermán G. Romai
E vos fragas bravas, puras
e vos toxales amigos
e vos brancas abedoeiras
todos eternos amigos...
Darío Xohán Cabana.
Xermán G. Romai-N.D. Así cantaba o poeta Darío Xohán Cabana á súa Terra Chá, idealizada e máxica terra antiga, na que a natureza é o centro da vida e a compaña do labrego ate o derradeiro suspiro. É ista unha terra extrema, de fríos invernos e secos veráns, onde a vista se perde na distancia ate os montes lonxanos. Onde a natureza sorprende ó camiñante lembrando o que foi algún día a Galiza perdida, a das escuras fragas e os calmos ríos.
A pesares de ser unha meseta, a comarca da Terra Chá está dividida por ducias de ríos, coma o Miño ou o Támoga que no seu transcorrer e coa axuda dos chans pouco permeables forman extensas zonas inundables. En Feira do Monte, a capital do Concello de Cospeito, atópase a que fora a segunda lagoa interior de Galiza, a lagoa de Cospeito, que grazas as políticas franquistas de seca de zonas húmidas para o aproveitamento agrícola é unha pantasma do que foi outrora.
|
"a natureza sorprende o camiñante lembrando o que foi algún día a Galiza perdida"
Prados da Espiñeira, Cospeito. Foto: Xermán G. Romai |
![]() |
Un agarda, o chegar aquí por vez primeira, atopar unha extensa lagoa, pero o que vemos no seu lugar e unha lagoa totalmente canalizada, con comportas para regula-los niveis hídricos e un paseo peonil que a circunvala. Se antano foron as políticas franquistas o inimigo da lagoa, hoxe son as políticas que disfrazadas de reforestación ou rexeneración tratan de aniquilar o medio natural chairego. As repoboacións actuais estanse a facer con piñeiro e eucalipto, modificado xeneticamente, para aguantar as xeadas invernais. Nas proximidades de Cospeito, onde antes foi lagoa, comprobamos coma os eucaliptos están roubando o espazo que antes ocupaban as fragas ou as brañas. Plantados en ringleiras e nalgúns casos mortos de nacemento, tentan suplantar á vexetación que fai pouco ocupaba este lugar, e que aínda hoxe é o cubil dó corzo e dá lontra, os dous grandes mamíferos do lugar.
![]() |
"aínda hoxe é o cubil dó corzo e dá lontra, os dous grandes mamíferos do lugar" Lontra. Foto: Xermán G. Romai |
Pero non todo é negativo en Cospeito. A pesar dos danos que leva sufrido esta zona, a natureza aínda loita e gaña. A lagoa é referencia para centos de anátidas e limícolas que para o seu paso invernal ou mesmo para a cría escollen este lugar.
Nembargantes, o tesouro natural non é só a lagoa, toda a comarca chairega e un espectáculo para o naturalista. Así, nas proximidades de Cospeito, é sinxelo ver os corzos camiñar pola chaira e, pasando desapercibidos, podemos ollar como os machos pelexan e ladran para conquerir os favores das femias.
|
"O picanzo real, tan discreto e escaso, se nos amosa aquí doadamente"
Picanzo real. Foto: Xermán G. Romai |
|
Paseando á beira do Támoga pode o camiñante contempla-los xogos das lontras esquivas. O picanzo real, tan discreto e escaso, se nos amosa aquí doadamente, pousado nas pólas altas dalgún bidueiro, na procura dalgún réptil que colgar da súa despensa. Nas brañas, atopamos no inverno grandes bandos de avefrías que levantan, coa algarabía do seu voo, ante o visitante inoportuno. Na primavera, é a cegoña a que acompaña ó labrego chairego no seu devir diario. Un ave tan ligada ó home só pode vivir nestas terras onde é apreciada e onde, a carón dos seus niños, algún veciño nos pode contar todo sobre ela, co orgullo do amigo que a protexe de maldades.
![]() |
"Un ave tan ligada ó home só pode vivir nestas terras onde é apreciada" Cegoña. Foto: Xermán G. Romai |
Pero tamén aquí atopamos aves esteparias coma o sisón ou o alcaraván, raras no resto de Galiza. O alcaraván mantén na Terra Chá unha das súas colonias reprodutoras que é xunto con Corrubedo e A Limia, a derradeira de Galiza. Así tamén, a avefría e o mazarico real escollen este lugar coma o único curruncho onde establecerse. O caso do mazarico é grave, xa que corre perigo de desaparecer, a pesares de ser o único lugar de cría para toda a Península Ibérica.
A paisaxe chairega é un mosaico de fragas e brañas, mesturadas con extensos campos de cultivo, nos que abondosamente se planta millo para alimento do gando. Nas fragas predomina o carballo, pero non é raro ver cerdeira ou castiñeiro. Nas ribeiras dos múltiples ríos o ameneiro e o bidueiro son as árbores máis numerosas.
|
"O alcaraván mantén na Terra Chá unha das súas colonias reprodutoras que é xunto con Corrubedo e A Limia, a derradeira de Galiza" Alcaraván. Foto: Xermán G. Romai |
|
A Terra Chá é limpa de horizonte e o ceo semella estar máis preto de nós que en ningures. As mañás do inverno son brétema pura, que se enche da cor verde das brañas asolagadas. Camiñar por estas terras é voltar ó comezo da vida. É ser novamente neno, marabillado de curiosidade e de esperanza.