As Fragas do Eume

Os bosques do Eume

Fragas do Eume. Foto: Xermán G. Romai


Os bosques caducifolios coñecidos coma fragas, son os bosques autóctonos máis representativos de Galiza, sendo o Carballo (Quercus robur) a súa árbore dominante.


Martiño Negreira Souto.-O carballo esténdese pola maior parte de Europa e en España circunscríbese principalmente ó norte da península, dentro da rexión eurosiberiana.

Predominan especies de folla caduca, aínda que é unha característica de estas carballeiras, que a árbore dominante permita en ocasións, o desenrolo de outras especies. Aparecen tamén outras árbores de folla perenne coma o loureiro ou o érbedo, que nos fan sospeitar de estacións máis termófilas.


"O carballo esténdese pola maior parte de Europa e en España circunscríbese principalmente ó norte da península"

Carballo. Foto: Xermán G. Romai


Estes bosques presentan un ou dous estratos arbóreos, un estrato arbustivo e un estrato musciñal. A pluriestratificación do bosque é indicadora de que se trata de un ecosistema maduro e diverso, de forma de que os nichos espaciais e ecolóxicos van sendo ocupados por diferentes especies.


"Naqueles lugares nos que a fraga desapareceu pola causa que fora, o bidueiro, é o primeiro en instalarse"

Bidueiro. Foto: Xermán G. Romai


No estrato arbóreo, a compoñente principal é o carballo, abundante, e con exemplares robustos nas fragas máis maduras. Os exemplares máis lonxevos abundan nas zonas nas que existiu tradicionalmente menos presión humana, é o caso, por exemplo, da Fraga do Mosquiteiro en Monfero, ou as fragas das zonas altas do mesmo Concello como as que rodean ó Río do Dez.

Xunto co carballo, é tamén frecuente e a veces dominante o castiñeiro, que roubou superficie ás carballeiras por crecer máis rapidamente e prover valiosos froitos no outono.


"A ulmeira é unha especie frecuente nas proximidades dos ríos, doadamente recoñecible polas súas follas asimétricas na base"

Ulmeira. Foto: Xermán G. Romai


Naqueles lugares nos que a fraga desapareceu pola causa que fora, o bidueiro, é o primeiro en instalarse debido ó seu crecemento moderadamente rápido e a un carácter frugal. Nembargante, en poucos anos, a fraga volverá a facerse dona do territorio pola pouca capacidade de competencia do bidueiro onde os carballos se desenrolan ben. Polo tanto, esta especie constitúe un indicio dunha fraga en rexeneración. Non obstante, poderemos atopar auténticos bosquetes de bidueiros rodeando ás fragas, naquelas zonas onde as condicións da estación dificultan a actividade vexetativa dos carballos. Nestes casos, a comunidade non tende a ser substituída.


"Ocupando o estrato arbustivo máis alto atopamos con moita frecuencia ó acivro"

 

Acivro. Foto: Xermán G. Romai


Nas zonas nas que o chan presenta certa hidromorfia a fraga en rexeneración soe presentar, nunha primeira instancia comunidades de abeleiras, aínda que se soe asentar principalmente nas proximidades dos cursos de auga, formando parte do estrato arbustivo alto do bosque de ribeira.

Con menor frecuencia están presentes outras especies arbóreas como o cerquiño ou cerqueiro, de porte máis pequeno que o carballo e cuxas follas presentan unha densa borra no envés moi característica. Ó igual que o bidueiro, non compite cos carballos polas estacións favorables e nembargante, a súa capacidade para soportar unha climatoloxía máis continental permítelle colonizar áreas menos favorables. Porén, aínda que non atoparemos grandes manchas de cerquiño, si son frecuentes nas zonas altas do espazo natural: Fragas de Pena Fesa, Os Cerqueiros (nome que denota a especie dominante), A Marola, etc.


"A presenza dunha notable cantidade e variedade de fentos é unha característica destes bosques"

 

Fentos. Foto: Xermán G. Romai


A ulmeira é unha especie frecuente nas proximidades dos ríos, doadamente recoñecible polas súas follas asimétricas na base. É especie subespontánea pero está ben adaptada e é puntualmente frecuente, como preto do Mosteiro de Caaveiro. Tamén citouse ó lamagueiro ou ulmeira montana dentro da flora destas fragas. Trátase dunha especie rara nesta provincia.


"Nembargante, pódense atopar especies de grande valor florístico ben pola súa rareza ou ben por atoparse fora da súa área normal de distribución"

Davallia. Foto: Xermán G. Romai


Ocupando o estrato arbustivo máis alto atopamos con moita frecuencia ó acivro, que puntualmente, forma rodais de bo tamaño e con exemplares maduros. Un bo número de vertebrados botan proveito da froitificación invernal do acivro e da súa densa follaxe perennifolio capaz de soporta-las condicións invernais.

No mesmo estrato, tamén son frecuentes tanto a pereira como a maceira brava, esta última pouco frecuente noutros lugares da provincia de A Coruña. Entre as plantas trepadoras cóntanse a hedra, o chuchamel e as uvas do can.


"Algunhas destas especies están relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboou as marxes do mar de Tetys na era terciaria"

Polypodium interjectum. Foto: Xermán G. Romai


A presenza dunha notable cantidade e variedade de fentos é unha característica destes bosques. Os máis comúns son: Blechnun spicant, Dryopteris affinis subsp. Affinis, Dryopteris dilatata, Dryopteris aemula, Polypodium interjectum, Athyrium filix-femina, Osmunda regalis, Polystichum setiferum, Pteridium aquilinum e Lastraea limbosperma.

Nembargante, pódense atopar especies de grande valor florístico ben pola súa rareza ou ben por atoparse fora da súa área normal de distribución, é o caso de Woodwardia radicans, Asplenium adiantum-nigrum, Cystopteris diaphana, Dryopteris guanchica ou Culcita macrocarpa.


"No estrato herbáceo é moi frecuente a presenza do fento real, que o caracteriza"

Fento real . Foto: Xermán G. Romai


Algunhas destas especies están relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboou as marxes do mar de Tetys na era terciaria, durante non menos de cincuenta millóns de anos, ó amparo dun clima moi favorable. A calor e a humidade reinantes permitiron o desenrolo dunha exuberante flora, similar no seu aspecto á que na actualidade atopamos no arquipélago Neozelandés ou A Florida por citar algún exemplo. Nembargante se produciron cambios drásticos. Aproximadamente fai dous millóns de anos, os procesos de glaciación dende o norte, e a desertización dende os trópicos foron recortando notablemente a distribución daquela flora, que incapaz de adaptarse ós cambios quedou reducida a anacos situados entre os 25º e 40º de latitude.


"A súa presenza está ligada ós ríos"

Freixo. Foto: Xermán G. Romai


Na actualidade, sobreviven restos de aquela vexetación nos lugares que por unhas circunstancias ou por outras, quedaron alleos ós intensos fríos e á desertización do Cuaternario. Concretamente, os fentos dos que estamos a falar, localízanse normalmente na provincia Macaronésica (Canarias, Azores e Madeira) e dunha forma relíctica, en outros lugares da península como as serras de Alxeciras en Cádiz ou o Parque Natural das Fragas do Eume.

No estrato muscinal están presentes case que a metade das especies da flora briofítica galega (musgos e hepáticas) particularmente importante nas zonas húmidas e umbreiras, que albergan máis de 220 especies diferentes. Entre elas se atopan catro citas únicas para a brioflora española e sete se consideran raras dentro da flora ibérica. Destacan Cololejeunea microscopica e Lepidozia cupresana.


"o ameneiro, que posúe unha extraordinaria capacidade para soportar as numerosas inundacións ás que está sometida a ribeira"

Ameneiro. Foto: Xermán G. Romai


A flora liquénica garda tamén un notable catálogo de especies notables entre as que figuran tres citas novas para a Europa continental e vinte catro novas para España, dentro de un vasto listado de máis de 240 especies. Son características dos bosques maduros outras especies menos raras pero moi ligadas a estes ecosistemas: Lobaria scrobiculata, Pannaria rubiginosa o Usnea articulata.

Os bosques de ribeira constitúen un conxunto de comunidades vexetais cunha elevada diversidade que alberga numerosas especies de árbores e arbustos. Tradicionalmente foron bosques moi explotados pola riqueza e fertilidade dos chans nos que se practicaba unha intensa produción agrícola. Aínda así, no Eume, a escasa presión humana exercida permitiu conservar estas formacións tal e coma existiron na antigüidade.


"Fisionómicamente, o bosque de ribeira, caracterízase por estender as súas ramas cara ós cursos de auga"

Pradairo. Foto: Xermán G. Romai


Fisionómicamente, o bosque de ribeira, caracterízase por estender as súas ramas cara ós cursos de auga, o que lle vale o nome de bosque de galería. A súa presenza está ligada ós ríos e soe dominar o ameneiro, que posúe unha extraordinaria capacidade para soportar as numerosas inundacións ás que está sometida a ribeira. Xunto a el, soe atoparse o salgueiro, aínda que con moita menor frecuencia. Tamén os acompañan o freixo e o pradairo. Máis raros son o teixo e a ulmeira. No estrato arbustivo están presentes o estripo e o abruñeiro.

No estrato herbáceo é moi frecuente a presenza do fento real, que caracteriza o estrato. Tamén poden aparecer outros Dryopteris e os máis raros Woowardia radicans. Tamén aparece aquí o relito Culcita macrocarpa, unha especie de ecoloxía moi estrita que precisa do clima hiperhúmedo.

 

 

 

 

-voltar-


 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns