As Fragas do Eume

O Mosteiro de Caaveiro

Caaveiro. Foto: Xermán G. Romai


A dificultade de acceder á fraga, que propiciaba o seu illamento, foi precisamente a característica procurada por unha serie de eremitas para fundar, a fins do século IX, o Mosteiro de San Xoán Bautista na vila de Calavario, nome que ven da presenza de rochas graníticas intrusitas, identificadas no latín tardío coa raíz “calav”.


Martiño Negreira Souto.-Como outros mosteiros, ó longo dos séculos seguintes ate o XIII recibiu doazóns de particulares, entre elas, a das familias de Traba e Andrade, e obtendo sucesivos privilexios reais, chega a configurar un dominio xurisdicional comarcal moi amplo.


"Entre 1.220 e 1.259, estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do coto ate a ponte de Pontedeume"

Caaveiro. Foto: Xermán G. Romai


Entre 1.220 e 1.259, etapa na que remata a expansión, estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do coto ate a ponte de Pontedeume incluíndo as parroquias de Cabanas e Eirís. Tamén mandou elaborar o cartulario que chegou ata nós, e potenciou a lembranza de San Rosende, de tal maneira que as reliquias do santo que hoxe se gardan na Catedral de Santiago, son desas datas.


"a diferenza do que acontece en outros mosteiros de cóengos regulares, Caaveiro non desaparece"

Caaveiro. Foto: Xermán G. Romai


No século XIV, o mosteiro cae baixo a encomenda dos Andrade. Superada a crise baixomedieval, a diferenza do que acontece en outros mosteiros de cóengos regulares, Caaveiro non desaparece, pero a un alto prezo: os priores deixan de vivir no mosteiro, agora o fan nos pazos de A Capela, Cabanas ou fora da comarca. O cargo de prior reconverte nunha prebenda concedida polo rei e o mosteiro secularízase. Nembargante, a existencia de vida monástica prolóngase ate 1.762. Esta etapa está marcada polo restablecemento da regra por parte do prior Roa Dávila (1.591-1.634) e polo enfrontamento co arcebispado de Santiago, que reclama o dereito a visita-lo mosteiro.

En 1.800 suprímese a colexiata aínda que a estrutura económica do señorío, baixo o goberno dun caseiro e un administrador, mantense ate a desamortización.


"En 1.849 saen á poxa as propiedades próximas ó mosteiro e os seus edificios"

Ponte medieval próxima ó mosteiro . Foto: Xermán G. Romai


En 1.849 saen á poxa as propiedades próximas ó mosteiro e os seus edificios. As primeiras, logo de pasar por outras mans, rematan sendo de Don Pío García Espinosa, veciño de Pontedeume; os segundos pasan a ser, en 1875 do arcebispado de Santiago, que os cede tamén a Don Pío baixo certas condicións. Entre 1.891 e 1.896 Don Pío acomete a restauración dos edificios. As obras respectan a torre barroca sita enriba do segundo pórtico, verdadeiro canto do ciño de Caaveiro, mandada construír en 1.750 polo prior Francisco Verdes Montenegro; demoléronse as casas situadas entre os dous pórticos, a igrexa prioral, o cabido, a sancristía e se reedifica a igrexa de Santa Isabel, respectando o muro de contención presente no lado norte e maila ábsida co seu baseamento (ambos románticos), no pórtico oeste óptase por unha limitación radical das formas románicas; no lugar do cabido e a sancristía érguese un pavillón ameado. Á morte de Don Pío, Caaveiro pasa ós seus descendentes.


"En 1.971 o mosteiro é declarado conxunto histórico-artístico"

 

Caaveiro no canón do Eume. Foto: Xermán G. Romai


En 1.971 o mosteiro é declarado conxunto histórico-artístico e en 1.975, monumento de interese provincial. En 1.986 apróbase o expediente de expropiación que converte ó mosteiro e os seus arredores en propiedade pública.

 

 

 

 

 

-voltar-


 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns