As Fragas do Eume

O Parque Natural

Río Eume. Foto: Xermán G. Romai


As Fragas do Eume foron sempre consideradas coma unha das xoias forestais ibéricas debido á súa grande representatividade con respecto ós bosques antigos do sector costeiro galego.


Martiño Negreira Souto.-O Parque Natural está formado por un conxunto de bosques acubillados no tramo final do Río Eume que se caracteriza por formar un abrupto val. Esta singularidade orográfica parece ter propiciado que aquí se refuxiasen diferentes e antigas especies (hoxe desaparecidas de moitos lugares) durante as crises climáticas do Cuaternario.


"un conxunto de bosques acubillados no tramo final do Río Eume que se caracteriza por formar un abrupto val"

Val do Eume. Foto: Xermán G. Romai


As fragas constitúen o exemplo máis fiel dos bosques que no pasado ocupaban gran parte do litoral galego e incluso de toda a fachada atlántica europea, de feito, estas fragas se atopan entre os bosques mellor considerados entre a comunidade científica debido ó seu bo estado de conservación. Xunto a elas, tradicionalmente citáronse tamén os bosques de Killarney, en Irlanda, e New Forest, ó sur de Inglaterra.


"aquel antigo espírito romántico guiou ó mesmo Lord Byron a contempla-la beleza das verdes ladeiras do canón..."

Bonete (Aquilegia vulgaris). Foto: Xermán G. Romai


Outro dos seus importantes valores é, sen dúbida, a beleza e o illamento de estas paraxes, que impulsou ós cristiáns dos primeiros tempos a establecer aquí un lugar de oración e recollemento que se convertería no Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, no Concello de A Capela. E aquel antigo espírito romántico guiou ó mesmo Lord Byron a contempla-la beleza das verdes ladeiras do canón e hoxe en día encamiña a milleiros de viaxeiros ós pes do mosteiro.


"Desenroláronse tamén actividades de transformación nunha multitude de muíños hidráulicos ou nas ferrerías onde se manipulaba o mineral de ferro."

Salto de auga. Foto: Xermán G. Romai


Por outra banda, non é estraño que durante tanto tempo as fragas permanecesen inalteradas, xa que as escarpadas pendentes facían tremendamente difícil as actividades humanas naquel lugar. Aínda así, déronse unha multitude de actividades, algunhas extractivas como a caza, a recolleita de castañas, a pesca do salmón nos caneiros, ou a recolleita das cortizas dos carballos para a importante industria do curtido de peles de Pontedeume. Desenroláronse tamén actividades de transformación nunha multitude de muíños hidráulicos ou nas ferrerías onde se manipulaba o mineral de ferro.


"A superficie total protexida son 9.125has que a Xunta de Galicia clasificou en varias unidades ambientais"

 

Fragas do Eume . Foto: Xermán G. Romai


O Parque Natural sitúase ó noroeste de Galiza, entre a Ría de Ares en A Coruña, e as ladeiras da Serra da Loba, o límite cá Provincia de Lugo. Todo o seu territorio se encadra na Comarca do Eume que está flanqueada pola Comarca de Betanzos ó sur e a de Ferrolterra ó norte.


"todo o seu territorio se encadra na Comarca do Eume"

 

 

 

A fraga. Foto: Xermán G. Romai


A superficie total protexida son 9.125has que a Xunta de Galicia clasificou en varias unidades ambientais. As zonas de fragas , que con 3.253has están constituídas por bosques seriais antigos e antropizados, as zonas de reserva , con 330has, albergan superficies de alto interese conservacionista. O resto, distribúese en zonas de repoboación forestal, 1.017has, zonas de matogueira-pastizal, 3.249has, e rede fluvial, 406has.


"O Río Eume, con 76Km de lonxitude, secciona esta serie de plataformas escavando un abrupto canón no seu tramo final"

Eume. Foto: Xermán G. Romai


Xeomorfolóxicamente a área componse dunha serie de escalonamentos sucesivos dende o nivel do mar ate a Serra da Loba, que se corresponden con antigas superficies de achatamento. Dende a costa, atopamos a superficie de erosión Tortoniense, que se sitúa en torno ós 200m e constitúe as terras baixas de As Mariñas que rodean o Esteiro do Eume. Síguelle a superficie de erosión Aquitaniense próxima ós 400m e a superficie Eóxena-Paleóxena a 600m de altitude. Destas superficies sobresaen alturas residuais como o Monte Breamo ou o Fontardión.


"a área componse dunha serie de escalonamentos sucesivos dende o nivel do mar ate a Serra da Loba"

Canón do Eume dende os montes do Fontardión. Foto: Xermán G. Romai


O Río Eume, con 76Km de lonxitude, secciona esta serie de plataformas escavando un abrupto canón no seu tramo final. Nesta zona aparece polo Norte o macizo granítico do Forgoselo que incorpora ramplas graníticas espectaculares. Dende o sur, os últimos cumios da Serra do Sanguiñeido forman un cantil de considerable altura. Este lugar, coñecido como o “Paso Cativo” entre os Concellos de A Capela e Monfero foi o elixido a mediados do século pasado pola equipa do enxeñeiro Jordi de Carricarte para construír o encoro do Eume. Nada menos que 123 millóns de m3 de auga, acumulábanse presos por un hercúleo muro de formigón de máis de 100m de altura e 35m de espesor na súa base.


"Outro dos seus importantes valores é, sen dúbida, a beleza e o illamento de estas paraxes"

Fraga. Foto: Xermán G. Romai


Augas abaixo do encoro o río gaña pendente chegando, nalgúns tramos, a igualarse coa que tiña no seu nacemento, na Serra do Xistral en Lugo. O fenómeno da erosión remontante, produto de esta pendente, foi o encargado de cicelar o canón ó longo dos séculos.

 

 

 

 

-voltar-


 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns